
Á mesma hora que eu escribo (e á mesma que vostede poida estar lendo esta columna) profesionais do ámbito da comunicación e da xestión cultural de Galicia e de fóra de Galicia están (e estarán ata o próximo xoves) na Illa de San Simón analizando o papel que han xogar ó outro lado da esquina as industrias culturais e creativas en Galicia diante da denominada Axenda 2020.
A volta á cotidianidade laboral que a min sempre me traen -co seu remate- as festas do Cristal, non me permitiu asistir -como eu quixera- a estas tres interesantes xornadas de reflexión e debate. Sen embargo, si que me van servir para traer a colación o asunto sobre o que quería falar hoxe, xa que logo, ese, o das industrias culturais, ten moito que ver cunha lectura que lle fixen nantronte pola mañá a este mesmo xornal e que me levou a arrancar -para apartalas- as páxinas 18 e 21, porque nelas dúas asoma o principal reto ó que ó meu ver se enfronta a sociedade ourensá en xeral -e a súa clase política en particular- de aquí ós próximos anos.
Se vostede volve sobre o xornal do domingo e refolla esas dúas páxinas, lerá, respectivamente, os dous titulares seguintes: "Los ladrones saquean la aldea abandonada de Salgueiros" e "Empresarios y políticos claman por dinamizar la estación de montaña".
Se, unha vez lidas, decide deixar voar a súa imaxinación polas dúas bandas do Miño ou polas do Avia, polas do Arenteiro ou polas do Támega, polas do Limia, polas do Sil ou polas do Arnoia e polas súas terras lindeiras, é moi fácil que a medida que vaia sobrevoando determinadas instalacións nas que as distintas Administracións teñen enterrado nas últimas dúas ou tres décadas millóns e millóns de euros, se vaia decatando de que todas, ou case todas -salvando raras excepcións-, adoecen do mesmo mal que arestora enche de preocupación a actualidade destas dúas, é dicir, o núcleo medioambiental de Salgueiros e a estación invernal de Manzaneda.
E o mal, o enconado, endogámico e estigmatizado mal que non ten permitido circular o sangue da economía ligada ó ámbito do patrimonio, da natureza e da cultura -do turismo, en definitiva- desta provincia, non é outro, precisamente, có da ausencia de proxectos de xestión (é dicir, da súa consideración como "industrias" culturais) ó que a miúdo foron condenados museos e centros de interpretación, espazos escénicos e expositivos, termais ou deportivos, rurais ou urbanos, tal como desgraciadamente aflora agora en Salgueiros e Manzaneda.
O mal da ausencia de proxectos de xestión. E -o que aínda é peor- o de considerar que cada parroquia –por ter un peto de ánimas- pode ser un destino, e cada almacén de sachas –por lle poñer na porta “museo”- un recurso turístico.
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada