13/06/09

Un mozo de Riós


Houbo un tempo no que dediquei parte da miña actividade xornalística a entrevistar a ourensáns que tiñan por tras unha longa andaina vital.

Foi unha etapa moi productiva a nivel persoal, na que aprendín cousas que non están nos libros porque cada tarde que ocupaba con calquera deles exercendo o doce e proveitoso oficio de escoitar era coma se pasara un mes enteiro nunha biblioteca virtual.

Nomes coma os de Antonio Tovar, Castor Velo, Xaime Quessada, Pura Vázquez, Francisco Ogando, Elixio Rodríguez, monseñor Araújo Iglesias e un ilustre feixe máis, ensináronme que cada vida é un manancial que estiña o mesmo día que as campás repenican a ladaíña final.

Logo, teño dedicado outra fase a comprobar xusto o contrario, entrevistando a mozos e mozas ourensáns que na súa axenda só teñen follas por cumprimentar e para os que a palabra nantronte non existe no diccionario, contando, sen embargo, cun presente profesional que lles garante poder falar nalgures dun pasado simplemente espectacular.

Deste cadro forma parte primordial un mozo de Riós que un día abandonou os estudos regrados, con gran desgusto familiar, porque quería ser actor ou, a poder ser, algo máis.

Chámase Rubén e coñecino un día de verán na praza Maior de Celanova. O pouco tempo convidoume a achegarme ó seu ambiente familiar e incluso a coñecer á súa avoa. Foi con motivo dunha entrevista que concertamos o mesmo día que lle deu lectura ó pregón das festas patronais do concello ó que lle pediu emprestado o topónimo para utilizalo como nome artístico e portalo con orgullo nos créditos principais do audiovisual galego.

Hoxe será protagonista no auditorio da cidade, onde os ourensáns poderemos visionar a segunda curta que produce a súa factoría intelectual.

Hoxe será protagonista, unha vez máis, e eu espero saúdalo de novo, seguro de volver atopar a aquel mozo ateigado de ilusión, coraxe e gañas infinitas de trunfar, que me abriu o seu fogar de Riós coma quen lle abre a casa a un irmán.

0 comentarios:

Publicar un comentario en la entrada