Non tiña lido nada ó respecto, a non ser unha nota difusa (case esquecida e á que tiven que volver para me cerciorar) onde vira algo sobre que os socialistas cataláns ían presentar unha lista “rexionalizada” na que tiñan pensado omitir tódolos nomes non cataláns, incluídos, evidentemente, os do vasco Ramón Jáuregui e da malagueña Magdalena Álvarez.
Cando lin aquela nova non lle din outro valor có testemuñal, pensando que non pasaría de ser unha estrataxema máis dun partido calquera –neste caso de “Ciudadáns”- para ter algo que denunciar sobre o seu contrincante en pleno fragor electoral.
Sen embargo, nantronte, cando acudín á miña mesa electoral e, mergullado nun mar de dúbidas, empecei a fedellar entre as papeletas para ver cál se me apegaba á man, decateime de que a do BNG estaba máis baleira cás outras e que os nomes incluídos non pasaban dunha ducia; cousa que me fixo cavilar.
Fíxome pensar, loxicamente, en cál sería a razón final -non explicada- pola que, indo coaligados con -entre outros- ERC e Aralar, non desexaban mesturar os nomes dos candidatos destoutras formacións con eles.
¿Sería simplemente para non “aturullar” ó votante non natural cun mar de nomes descoñecidos, ou tería meirande calado e pretendería “ocultar” dun xeito subliminal que a quén se lle estaba dando o pasaporte para Europa con aquela papeleta non era directamente a Ana Miranda senón a un candidato catalán?
Logo lin -como obviamente xa dera por suposto- que a cousa estaba amparada polo artigo 222 da Lei Electoral. Pero seguín pensando o mesmo. É dicir, que tanto no caso dos socialistas cataláns coma no do BNG, ERC Aralar e todos aqueles que adoiten utilizar subterfuxios electorais (por moi legais que sexan) para tratar de sacar “petróleo” de onde non o hai, ó final non lles serve absolutamente para nada porque o electorado (afortunadamente cada comicios que pasan, máis) é moito máis espelido e sagaz do que os partidos políticos -¡todos!- supoñen ou adoitan desexar.

1 comentarios:
Certo! Para os partidos non somos máis que masa, iso si, unha masa que se move coma ovellas correndo sempre cara a seguridade que lle proporciona o vencedor.
Publicar un comentario en la entrada