12/06/09

¿Estamos tolos ou que?


Leo que o Parlamento de Galicia foi nantronte un galiñeiro de pretenciosos caponciños de pelexa, onde os kikirikís duns e doutros soaron con repenique de blasfemia contra o modelo común de convivencia.

Leo que para debater sobre a política lingüística arreboláronse verbas ateigadas de explosivos e armadas con navallas afiadas, como “batasunización” ou “carnicería”, “brutal ataque” ou “monstuosa mentira”.

Leo, así mesmo, que a defensora dunha postura, que eu non comparto por considerala hipócrita, sufriu un atentado (porque non se lle pode chamar doutra maneira) que como tantos quedará impune, e aínda tivo que oír como lle chamaron “facha”.

Pois ben, leo todo iso e pregunto: ¿Pero qué nos pasa? ¿Estamos tolos ou a piques de tolear por esta causa?

Logo, vou a Castelao e leo isto:

“Un idioma non nace pola vontade xenial dun grupo de homes; nace pola predisposición psicolóxica dun pobo, que en condicións históricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión. Porque un idioma é o corpo sensible dunha cultura, e todo atentado á lingua peculiar dun pobo representa un atentado á súa cultura peculiar.

Mais os pobos teñen unha forma máxica, invulnerable, e por iso as nacións asoballadas poden verse privadas do seu poder creador, ou poden converterse en parásitos da cultura dominante; pero endexamais se deixa asimilar. O problema do idioma en Galicia é, pois, un problema de dignidade e de liberdade; pero máis que nada é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que no fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenrolo natural do noso espírito, porque queremos volver presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ó acervo espiritual da Humanidade”.

Entón, ó facer a comparanza pregunto: ¿Tanta democracia para isto? E dicir, para rematarmos representados por tanta paifocada.

0 comentarios:

Publicar un comentario en la entrada