
Estimado conselleiro:
Non hai moito escribinlle unha carta aberta ó teu presidente, na que lle expuña as razóns polas que eu consideraba que a liberdade lingüística é incompatible coa responsabilidade histórica que un gobernante galego –cando voluntariamente decide adquirir o compromiso de gobernar- debe ter co idioma que ó longo dos séculos foron forxando, e non a capricho -coma o ferreiro- xeracións tras xeracións.
Permíteme agora que te elixa a ti como destinatario. E permíteme, de paso, que te tutee, aínda que non nos coñezamos. Asento isto na caste de ourensanía que ámbolos dous portamos (a túa do Ribeiro de Avia, como di a cantiga, e a miña de onde o mundo se chama Celanova, como dixo o poeta), así como o feito de que es o máis novo dos dous.
Decidín escribir esta misiva logo de ter visto nos medios de comunicación cómo ó longo da semana te reuniches cos responsables de dúas asociacións que por arte de “biribirloque” (ou se cadra porque andades dando paus de cego na borralla, crendo que así ides apagar o incendio que vos alampou) elevastes ó rango de interlocutores institucionais de dous idiomas que non son deles, senón de NÓS, dos que os falamos a cotío, utilizando –nós si, non vós- o que nos pete e nos dea a gana segundo cómo e con quén exerzamos o nobre e saudable oficio da comunicación.
Escríboche, pois, para solicitarche formalmente unha reunión no nome da Asociación de Veciños de Amoroce (parroquia na que resido) porque temos o mesmo dereito cá “Mesa” ou ca “Galicia bilingüe” para debater contigo sobre as medidas desprotectoras que tendes tomado respecto dun idioma que forxou na nosa microtoponimia –coma o ferreiro- palabras tan propias como Campelo, Cortiña, Sampil, Cachiquimbra, Rial, Barreiros ou Casal, que é onde se asenta o Camposanto que garda a memoria dos meus avós e dos avós dos meus avós.
Eles foron os que crearon estas palabras e vós non tendes ningún dereito a borralas da miña memoria por moito que gañedes ducias e ducias de eleccións.

2 comentarios:
O da enquisa non reúne nin a mínima validez que se lle pide a un traballo científico de medio pelo. E una enquisa así "de coma que".
Unha especie de ensaio de democracia directa, que eu xa esquecera que podía existir, ata este ano que o estudiei (en galego por certo) coa miña filla Ale.
Penosa a irresponsabilidade dos gobernantes e triste a alegría participativa de algúns, ambas desde unha ignorancia que non me acabo de crer.
Se tes esa reunión dille da miña parte que era mellor terlle preguntado a filólogos e sociólogos de fóra (se os do país non lle son obxectivos) como se fai para preservar unha língua. Como fixeron con outras incluso máis minoritarias que a nosa.
Quizáis lle contesten que recuperando toponimia, creando paradigma escrito (ese que tanto criticamos por cambiante),restituindo formas perdidas, e o máis importante, falándoa correctamente en tódolos ámbitos... e para iso, ESCOLARIZANDO ós nenos nese idioma.
A meirande obra de arte a protexer que podamos ter...Feita, como ben dices, por todos ó través dos séculos. Por iso ten de ser mantida tamén, por todos. Non hai esforzos nin recursos que non mereza.
Pero que non llo pregunte a quen non sabe que perigo corre se non se lle fai isto ou aquilo; facendo o símil coas enfermidades, antes de dar consentimento debemos estar ben informados. Ó final decidiremos que nos corten a cabeza, cando con cortar o pelo, chegaría.
Publicar un comentario en la entrada