
Correspondendo ó convite de Marcos Valcárcel para lembrar a Carlos Casares no seu cabodano facendo uso deste medio que a el non lle deu tempo a utilizar porque aínda non estaban "inventados" os blogs, ía escribir un pequeno comentario de homenaxe en recordo dos fermosos momentos que me fixo pasar coa súa "Á Marxe". Neste senso debo dicir que o día que máis orgulloso me sentín polas miñas columnas foi cando algún lector as comparou -salvando as distancias, evidentemente- coas de Carlos.
Pero finalmente decidín colocar na rede esta divertida fotografía, penso que inédita, que eu rescatei do arquivo gráfico de Anxo e que é obra do que naqueles intres era fotoxornalista de La Región, Enríque Reza. Trátase, segundo penso, dunha celebración do Magosto en Ourense. Ademais de Carlos Casares e a súa dona Cristina Berg, na foto tamén identifico a Manuel Rego e Esteban Plaza, entre outros.
Todos eles están dando boa conta dunha sardiñada.
Lembranza gráfica en ausencia de palabras.

1 comentarios:
Magnífica foto e graciñas por recuperala. Non é a festa dos maios, porque non hai maios: quizais sexa a do Magosto e nese caso sería de novembro de 1972, porque nesa data Carlos pronunciou o Pregón desa Festa en Ourense (está o seu discurso en galego recollido no meu libro "Carlos Casares. Punto de Encontro"). Pero nese caso é estraño que coman sardiñas: non o teño tan claro. E non serán chourizos?
Publicar un comentario en la entrada