09/11/09

Algo falla no Eixo Atlántico


Creo que xa falei desta disfunción social algunha vez, pero como non vou perder o tempo na hemeroteca e como, por outra parte, o problema segue estando aí, volvereino repetir, non coa ilusión de solucionala (porque son consciente de que non chega a tanto esta columna) pero si co ánimo de sacar á luz unha evidencia que a veces, precisamente por eviden-te, pensamos que non pasa.

Pídolle, pois, querido lector, que se poña na seguinte tesitura: Vostede está en Ponte da Barca (Portugal) en nun momento dado decide viaxar ata a Celanova.

Pois ben, escollido o momento de viaxar e consultadas as diferentes alternativas de itinerario que pode realizar, resulta que no canto de tomar o camiño do norte por Lindoso, vostede decide dirixirse cara o sur, concretamente cara o aeroporto portuense Sa Carneiro, e alí tomar un avión cara Madrid. Logo, ó chegar a Barajas, o que fai é procurar a axeitada combi-nación -xa sexa na mesma terminal ou noutra- e embarcar noutra aeronave que o levará ata Peinador. E unha vez tomada terra na terminal olívica, embocará a autovía A-52 camiño de Ourense para, en plena circunvalación á cidade das Burgas, desviarse xa cara Celanova.

De ter elixido esta proposta, ademais de saírlle a viaxe probablemente por un ollo da cara, calquera que soubera da súa elección pensaría, cando menos, que estaba tolo.

Sen embargo, non o estaría tanto, pois non estaría facendo outra cousa có que incomprensiblemente aínda é hoxe que fan os servicios postais para trasladar unha carta entre estas dúas localidades. Ou polo menos, así foi (por avión) como me chegou a min, hai uns días, un libro que tiveron a ben enviarme dende a Cámara Municipal daquela vila, cousa que me levou a pensar que algo falla neste proxecto socio-político do Eixo Atlántico para que, case dúas décadas despois de teren caído as fronteiras e de teren chovido tantos miles de millóns de euros europeos, unha carta aínda teña que subir ó avión para percorrer 75 quilómetros de distancia.

UNha perspectiva "caballera"

Non teño o gusto de coñecer e ningún dos dous, razón pola cal ninguén me pode acusar de estar fretando (e dicir, dándolles fretas) con xabón a dous amigos, cousa que tampouco me importaría facer de ser certa esa circunstancia. Pero, como non o é, así o especifico en descargo do que vostede, querido lector, poida interpretar a partir de aquí.

Na vila do Carballiño andan a acontecer estes días unha serie de sucedidos políticos certamente insólitos no positivo, que ó meu ver deberían ser rexistrados nos primeiros capítulos dese manual do concelleiro que aínda está por escribir e que, unha vez escrito e publicado en edición non venal, deberían ler coma un breviario todos aqueles que nalgún momento da súa vida decidan dar o paso á vida municipal e incluso aqueloutros que situados xa nun chanzo orgánico superior, teñan algunha responsabilidade organizativa nos departamentos que marcan as estratexias da política local.

Digo isto despois de ver cómo o que debería ter sido normal en tódolos concellos galegos nos que o PSdeG e o BNG sumaron máis concelleiros có PPdeG hai agora ano e medio, é dicir, aquilo que debería ter sido consecuencia dun proceso negociado de decantación dos programas electorais que ámbolos dous presentaban en cada municipio para poder conseguir finalmente un grupo de goberno formado por dous partidos pero único na súa acción; ten acenos de excepción e pegadas de contra paso no medio dun campo minado suxeito a puntuais, pero repetidas, explosións noutros concellos que, polo poder, fixeron do voto de obediencia debida unha bandeira que non concordaba coa realidade municipal e moito menos coas afinidades persoais dos seus protagonistas.

Vaian, pois, dende aquí os meus máis sinceros parabéns para os concelleiros –e concelleiras- do PSdeG e do BNG do Carballiño por ter sabido agardar o momento e, sobre todo, por ter analizado a política municipal dende unha “perspectiva caballera” que hoxe pasa por ser un ben moi escaso na vida política municipal.

Un "Plan Aído" para Ourense

Lin que o conselleiro de Presi-dencia veu nantronte a Ourense para empezar a escribir a letra pequena do “contrato” que Alberto Núñez asinou hai unhas semanas coa provincia cando presentou o as liñas mestras do proxecto que el mesmo denominou “Impulsa Ourense” e que seica nos vai aproximar economicamente ó futuro con algo máis de garantía.

Agora, ese plan –que en se-mellantes termos reequilibrantes fora presentado tamén en Lugo- seica vai ser interpretado seguindo a partitura do vello Plan Estratéxico que hai anos promovera a Deputación pro-vincial a través do Inorde e que, como lles acontece a tódolos plans estratéxicos que nacen sen amparo orzamentario, acabou durmindo unha alongada sesta nun caixón do Pazo.

Evidentemente, máis alá do escepticismo persoal ou colecti-vo co que teña sido recibida esta decisión –que, como tódalas decisións políticas, está suxeita a interpretación-, resulta lóxico valorala no ámbito da coherencia, tendo en conta que a alternativa seguramente había ser a de encargar un novo estudo que nos tería outros dous ou tres anos –é dicir, outra lexislatura- sen pasarmos do escenario do papel no que a provincia de Ourense leva tanto tempo acar-tonada.

Aínda que cando foi redactado o devandito plan eu participei nalgunhas reunións de traballo, loxicamente non o coñezo polo miúdo e, polo tanto, non sería prudente pola miña parte definirme nin a favor nin en contra do mesmo, aínda que o que si lembro é que estaban bastante ben estructuradas as personali-dades económicas de cada comarca, a partir duns eixos dinamizadores que tiñan epicentro –creo- na capital, en Valdeorras e no conxunto Verín-Chaves.

Agora ben, máis alá de volumi-nosos plans estratéxicos, se Alberto Núñez quere impulsar Ourense cara o futuro, eu permí-tome humildemente darlle unha receita que vou denominar “Plan Aído”, por aquilo da igualdade: Cada vez que lle diga si a algún proxecto estratéxico de Ponteve-dra ou da Coruña, que saiba que ten que dicirlle si, tamén, a outro proxecto estratéxico de Ourense.

Carta aberta a Suárez Canal

Estimado Alfredo:

Permíteme que che dirixa esta carta aberta a ti, aínda que a pregunta que lle presentastes ó Parlamento estea asinada tamén por outras dúas persoas.

Tómao coma unha mostra da consideración que me mereces, cousa que non me acontece coa segunda asinante e que refuso valorar no caso da terceira por-que dubido que teña estado algunha vez en Celanova e, polo tanto, calquera opinión que de-fenda respecto do que esta vila precisa para o seu futuro é, sim-plemente, intranscendente.

Escríboche, logo de ter lido os razoamentos que alicerzan a vosa negativa a que Celanova conte cun novo instituto de ensi-nanza media, así como cun hotel no antigo cenobio bieito.

E fágoo –hoxe, máis na miña condición de veciño desta vila ca como columnista- para refutar todas esas consideracións (so-bradamente demagóxicas) que en aras de non sei moi ben qué principios políticos pretenden furtarlle a un pobo -que, que eu saiba, aínda segue formando parte de Galicia- o dereito de querer expandirse economica-mente en base ós seus recursos endóxenos, que como ti ben sabes -a curto prazo- pasan moito máis por desenvolver un proxecto baseado no seu patri-monio cultural e na súa historia –é dicir, no turismo cultural- ca nun banco de terras cuxa solu-ción, por desgracia, nos chegaría cando ti e máis eu non sexamos máis ca unha lembran-za vaga.

Para elo, no espazo que resta vouche facer tres preguntas:

¿Ti cres que se o convento das clarisas de Allariz acollera outra actividade que non fose a orixi-nal, non estaría alí o hotel que AC levantou ó pé do río?

¿É coherente, pois, defender unha política socioeconómica nunha vila e logo negarlla a outra que conta con moitos máis recursos patrimoniais no mesmo eido?

¿Cres que un partido político con vocación nacional pode opoñerse –sen solucións alternativas- a que se invistan máis de 15 millóns de euros nunha vila?

Permíteme, finalmente, suxerirche que, cando esteas con el, lle preguntes qué pensa (sinceramente) do hotel, Anxo Quintana.

O día de acción de gracias

A verdade é que nunca me preo-cupei por saber por qué os americanos celebran o “Día de acción de gracias” cun inconfun-dible arrecendo familiar con sabor a pavo e a película de sobremesa.

E tan ten sido así a miña igno-rancia, que tiven que ir á Wikipe-dia para saber qué día tiña lugar e cales foran as súas orixes conmemorativas, que seica están relacionadas coa organización dun gran xantar organizado polos colonos de Massachusetts para agradecer-lles ós paisanos do lugar a súa hospitalidade durante o primeiro inverno.

Logo de darlles as gracias, cando os colonos se instalaron a conciencia no lugar, acabarían con eles, pero esa é outra histo-ria. O caso foi que Washington, primeiro, e Lincoln despois, déronlle rango de celebración oficial que definitivamente elevarían ós altares patriotas a mediados dos anos 40 do pasado século.

Lembrei esta singular xornada de exaltación nacional americana mentres xantaba e ó mesmo tempo seguía un telexornal que me informaba da celebración, esta fin de semana, do “Halloween” nas escolas, nas discotecas e incluso nun hotel de Tenerife, onde teñen pensado zugarlle a adrenalina ós clientes meténdolles medo nas habitacións.

E lembreina porque mentres seguía a información sobre esa paifocada adoviada con cabazas, díxenlle á miña muller (agora seica queda mellor dicir compañeira): “Verás como acabamos por celebrar tamén o día de acción de gracias”.

Logo, cheguei ó ordenador e cando me dispuxen a ler o correo electrónico, atopei unha mensaxe que me falaba dunha iniciativa que leva por título “Reincorporación de Cuba en España como Comunidad Autó-noma”, e entón dixen para min: ¿Cal, das dúas iniciativas, chegará primeiro ás nosas vidas cotiáns?

Evidentemente, respondinme co corazón, pensando no meu avó paterno -que traballou de mozo en Guantánamo, cando aquilo non cheiraba aínda a carne de prisión-, en Curros e en tantos outros e desexei o imposi-ble porque o outro, por desgra-cia, acabará sendo inexorable.

Puntualizacións a unha columna

Non hai como ter amigos investi-gadores -ou sexa, ben informa-dos- que con todo o cariño do mundo che poñen os puntos sobres as “is” á mínima de cambio e con ese mesmo cariño che debullan un artigo en menos do que canta un galo.

Isto foi o que me aconteceu esoutro día -é dicir, o martes- co artigo que escribín para facerme eco da xornada recordatorio que este sábado terá lugar en Mu-gueimes con motivo do 60 aniversario da inauguración do encoro das Conchas, á que, como xa me pronunciei, teño pensado asistir para saber algo máis (agora con moito máis motivo) sobre os pormenores da súa instalación e sobre cómo afectou esta ocupación sobre a tranquila sociedade local da Baixa Limia.

Unha vez que escribín a co-lumna, remitinlla para contestarlle ó seu envío e ó mesmo tempo informalo de que a ía publicar e, ó pouco tempo -aínda que xa sen marxe de rectificación- contestoume o que de seguido reproduzo, recoñecendo así os erros come-tidos e facendo votos polo rigor e a veracidade dos feitos, que é o que dende hai moitos anos me move para escribir cada semana estas columnas.

Logo de agradecerme o detalle de facerme eco da iniciativa, o meu amigo Manuel Rivero, co rigor analítico de sociólogo experimentado díxome que me tiña que facer dúas “apreciacións”.

A primeira era que “O Cadós e o Limia xúntanse na Pontenova, pois a Pontepedriña está no borde da presa”.

E a segunda foi que, “aínda que Portoquintela tiña negocios de todo tipo, nunca tivo feira”. (¡E eu, que me prezaba de ter andado de neno por tódalas feiras da Baixa Limia, dende Couso ata a Portaxe, pasando por Porqueirós, Calvos ou Cabaleiros!)

De seguido falamos por teléfo-no e entón eu díxenlle que, como é de sabios rectificar, as súas puntualizacións daríanme pé para seguir falando do encontro do próximo sábado en Mugueimes, onde, como xa dixen esoutro día, ninguén trata de rectificar nada, senón analizar o que pasou para que nos sirva de lección e nos axude a encarar o futuro con conciencia.

Queda inaugurado este pantano

O meu amigo Manuel Rivero, que sabe moito diso -non en van da súa autoría é unha tese de doutoramento sobre a incidencia sociolóxica que tal ocupación tivo nas bisbarras de Bande, Lobeira e Muíños, infórmame de que o próximo sábado, día 31, a antiga casa consistorial de Mugueimes, rehabilitada dende hai tempo como casa da cultura, acollerá unha xornada de debate e lembranza (organizada, como non podía ser doutro xeito, por Lino Perdiz), con motivo de se cumpriren 60 anos da instalación do encoro das Conchas nas fértiles veigas de Portoquintela.

Os que por idade non lembra-mos cómo se mesturaba o río Limia co Cadós nas proximida-des da Pontepedriña, nin qué nivel de utilización popular tiñan as augas caldas dos Baños ou cómo era o balbordo comercial nos días de feira en Portoquinte-la, trataremos de ir a Mugueimes para sabermos algo máis do que puido ser e non foi da co-marca sen este que foi o primeiro encoro que o Conde de Fenosa chantou en territorio galego para máis honra do ínclito dictador e para que por vez primeira pronunciara aquel prodixio de oratoria final resumi-do no ¡queda inaugurado este pantano!.

Evidentemente, as xornadas de efemérides non pretenden volver atrás, senón simplemente analizar os feitos coa perspectiva que dá o tempo, e iso seguramente é o que farán, entre outros, o propio Manuel Rivero, que ten pensado titular a súa intervención con un elocuente “Encoro das Conchas, historia dunha maldición (1918-1948)”.

Ora ben, dado que desandar 60 anos é un imposible metafísico que ata o momento nos é prohibido ós seres humanos, entre as análises a realizar estou seguro que han estar aquelas que falen de cómo o encoro debe axudar a desenvolver o futuro desta terra.

E o futuro pasa inexorablemente –non que cansarei de repetilo- por definir un proxecto conxunto entre Celanova e a Baixa Limia e, unha vez definido, mirar de fronte e sen complexos cara calquera punto cardinal para esixir unha intervención definiti-va, non en van estamos situados no corazón do Eixo Atlántico.

Unha confidencia

Non mo crerá, querido lector, pero esoutro día, cando estaba escribindo o artigo do pasado xoves, na cafetería dun hotel de Compostela, nun escampo das ocupacións que me levaran ata alí, ó reparar para a mesa do lado identifiquei ó xerente da Sociedade de Xestión do Xacobeo, que estaba petiscando un pouco e aproveitando tamén o escampo da súa –supoño que intensa- xornada para repasar un dosier de prensa onde se recollían as informacións do acto de presentación do pro-grama no que el tiña traballado –seguro que de sol a sol- nos últimos meses.

Cando me din conta de que era el, a verdade foi que me sentín protagonista dunha situación curiosa e, se quere que lle conte unha confidencia, tamén me sentín un pouco mal-vado, dicindo para min: “Mal sabes ti que este que está ás túas costas, está escribindo sobre o teu traballo”.

En fin, unha máis para seguir enchendo o sempre agradecido anecdotario que me ten permitido vivir este fermoso oficio e que agora me serve de enlace para completar algo sobre o próximo Xacobeo no que, por falta de espazo, non me puiden deter polo miúdo o pasado xoves.

Non ten que ver tanto coa pro-gramación, canto coa xestión da información turística que eu humildemente creo que se debe empezar a facer xa para evitar que logo –como ten acontecido en experiencias anteriores- non nos colla o touro do Xacobeo.

E a xestión desa información turística pasa indubidablemente (xa o teño abordado máis dunha vez nesta columna) pola coordi-nación, dende a Secretaría Xeral para o Turismo, das oficinas de turismo que teñen funcio-namento de seu –é dicir, que funcionan ben- ó longo e largo de Galicia.

Sinceramente penso que non debería ser moi complicado (nin caro) reunir ó persoal daqueles concellos que contan con oficinas de turismo e fornecelo dunha formación axeitada (ademais do material necesario) para que cada oficina turística municipal se converta nunha fiestra pola que o visitante poida descubrir o Xacobeo sen ter que estar necesariamente en Compostela.

Que a xente veña visitarnos

Nantronte tiven oportunidade de asistir ó acto de presentación da programación que a Xunta de Galicia, fundamentalmente a través da Consellería de Cultura e da Sociedade de Xestión do Xacobeo, porá a andar a partir do 31 de decembro deste mesmo ano, con motivo de celebrar o Ano Santo compostelán.

A parte de constatar, unha vez máis, a mala educación coa que se comporta a xente en xeral –e os cargos públicos en particular- cando asisten a actos públicos, (chegando tarde mal e arrastro e non parando de deixar soar tonos, politonos e músicas -cada cal máis chirriante, por certo- de tódalas clases, cando normal-mente andan con teléfonos móbiles que polos seus prezos deberían detectar xa os actos e pagarse automaticamente), tamén debo dicir que asistín a un acto sobrio, pero elegante, como dis que corresponde ó momento que vivimos, e no que foron dadas a coñecer as liñas xerais do que está chamado a ser, sen lugar a dúbidas, un ano importante, non tanto para sacarnos da crise, como para axudar a multiplicar a boa imaxe que xa de seu Galicia desprende cara o mundo.

Supoño que agora as valora-cións serán segundo os gustos de cada quen. O amantes de U2 criticarán ó conselleiro por aco-bardarse á hora de decidir a contratación do incombustible Bono, cando agora anunciou que vai estar dous días en Coimbra e vai retransmitir o seu concerto para o mundo por “youtube”.

Pola súa banda, outros conten-taranse con poder ver en Galicia, por primeira vez, o incrible es-pectáculo do Circo do Sol ou a toda esa pléiade de músicos clásicos que a min se me esca-pan pola baixa cultura musical que desgraciadamente atesouro.

Eu, pola miña banda, contenta-reime con que non todo quede en Compostela, senón que tamén cheguen os seus ecos ás vilas galegas e, sobre todo, porque todo o que se vai aforrar nos grandes fastos sexa investi-do en promoción, pois do que se trata xa non é tanto de divertirnos a nós, senón conseguir que a xente veña a visitarnos.

Un país de lingüicidas

Dun tempo a esta parte teño repa-rado nun neoloxismo que hoxe cobra especial actualidade logo da multitudinaria manifestación de Compostela e á cal eu non fun, non porque non estivera de acordo co fondo da cuestión –que o estou-, senón porque continúo respirando un bafo de hipocresía colectiva que me recomenda manterme á marxe, teña ou non teña razón.

O neoloxismo é “lingüicida”, que quere dicir “homicida da lingua”, cargo que lle imputan ó presidente da Xunta por esa teima “retro” que seica lle entrou.

Por iso e por outras razóns, lo-go de ver a Praza da Quintana ateigada de bandeiras, símbolos e expresións, téñome feito unha chea de preguntas que traslado a esta columna para compartilas con vostede, querido lector:

¿Podemos considerar a Al-berto Núñez un lingüicida por derrogar o decreto de educación ou por anunciar a posibilidade de abrir o melón da Lei de Normalización?

Se concordamos co principio de que un idioma morre por inanición, deberemos contestar que si, porque comete lingüi-cidio aquel que promove esa inanición.

Ora ben, feita tal afirmación, tamén creo que debemos formulármonos outras cuestións: ¿Non será lingüicida o BNG promovendo un idioma propio á marxe do resto da poboación? ¿Non será lingüícida o PSdeG con esa esquizoide linguaxe de tan difícil interpretación? ¿Non será lingüicida a Real Academia ó non pronunciarse contundentemente sobre o horroroso galego que escoita-mos a cotío nos medios de comunicación? ¿Non serán lingüicidas os lingüísticas que non prenden a alarma cada vez que escoitan o cancro do “iísmo” ou os pronomes en tan caótica colocación? ¿Non será lingüi-cida Suso de Toro cando pinta un panorama de pre-holocausto, pero escribindo en castelán porque así llo esixe a liña editorial do xornal do que é colaborador?

En fin, ¿cando nos decatare-mos de que o fondo da cuestión non está tanto na defensa dun decreto, como en qué niveis de deturpación terá o idioma para cando sexamos quen de arreba-tarllo das “garras lingüicidas” a Núñez Feijóo?

Celanova e o audiovisual

Hai tan só uns días, cando xa os proxectores do Ourense Film Festival empezaran a rodar, eu asistín en Celanova á presentación dunha curta reali-zada por un mozo que aínda me portén na familia e que sen máis publicidade cá do boca-orella, case encheu o salón municipal.

Chámase Bruno Nieto o rapaz, e con pouco máis cás arrobas de ilusión que ten por facerse cun lugar no audiovisual, a colaboración dalgúns nomes que empezan a soaren na Televisión Galega e un feixe de amigas e amigos que completaron o “staff”, confeccio-nou unha historia de corte psicolóxico que entretén ó espectador e incluso axuda a pensar.

Pero antes, nos meses do ve-rán, outra celanovesa, Judit Casas, presentou outra curta baseada nun relato de Dieste, que xuntou a máis de 400 perso-as no claustro monacal.

E por se isto fora pouco, aínda hai un intre que acabo de falar con outro mozo, neste caso da Bola, chamado Raúl García, que anda a rematar unha curta de animación baseada no fermoso poema de Curros, “Nouturnio”, que tanto axudou a popularizar a voz de Pucho Boedo con aquel “cro cro” difícil de olvidar.

Folga falar, loxicamente, de Carlos Montero, que conta xa cun nome de prestixio no pano-rama nacional, por ser, ademais dun recoñecido guionista, o autor da idea orixinal da serie televisiva “Física o Quimica”, e que tamén é celanovés de carta cabal.

Pero aínda hai máis. Por exemplo Alberto Blanco, que reside en Barcelona e que nos últimos anos se ten especia-lizado na realización de video-clips para grupos como Estopa, Violadores del Verso, Tote King, La Mala Rodríguez ou Antonio Orozco.

En fin, que agora que o Ouren-se Film Festival está a dar os últimos pasos dunha edición máis, hoxe espertóuseme a alma “caldereta” e apeteceume fachendear sobre cómo Celanova é xa un referente no audiovisual.

Espero que me saiba perdoar a licencia, querido lector, pero isto sérveme para dicirlles ós responsables do OUFF que hai vida cinéfila máis alá da capital e que por aí -se cadra- van algúns dos novos camiños que deben explorar.

Saír do armario

Foi nantronte pola noitiña, lendo unha crónica (en castelán) que un diario de tirada nacional con asentamento en Compostela publicou sobre o fillo de José Cuíña e sobre a súa declara neomilitancia activa a prol do idioma, que me xurdiu o eufemismo que agora instalo como título desta columna e que pretendo desenvolver sen que ninguén se me ofenda.

Recolle o cronista, no entrecomiñado final do artigo, unhas palabras pronunciadas polo fillo do “fillo do muiñeiro”, que din o seguinte: “…Ahora estoy en un proceso de regalleguización, y a mis dos niñas pequeñas se lo hablo siempre para que vayan tomando conciencia de la cultura de su país”.

¡Benvido ó mundo dos vivos!, exclamei eu. Non é sen tempo, logo de que o seu pai se fartara de rematar os seus discursos con un grandilocuente ¡Nai e Señora!, que tampouco nunca logrei interpretar moi ben.

E destas noutras, quixen ver que o que dende hai un tempo está intentando facer o tal Rafael Cuíña –a quen non teño o gusto de coñecer- é o mesmo que dende hai anos están tratando de facer os homosexuais para se incorporaren á vida cotiá sen ningún estigma que os sinale.

E velaí que, logo de pensalo un chisco, interpretei que é certo que o gran problema que ten o Partido Popular coa cuestión do idioma, é que ten milleiros de votantes e militantes -e centos de cargos públicos- que logo de teren asumido, consciente ou subconscientemente, uns postulados castelanistas ou pseudo-castelanistas que teñen como epicentro a “Calle Génova” de Madrid, por “h” ou por “b”, malia que na “intimidade” (é dicir, na vida cotiá, dende que se erguen ata que se deitan) non fagan outra cousa ca falaren en galego, non son quen de pronunciarse publicamente (agás José Luis Baltar) e pregoar ós catro ventos que eles son tan galego-falantes coma o que máis dende que mamaron do peito da súa nai.

É dicir, son incapaces de saíren do armario lingüístico no que un compromiso electoral mal calculado os meteu sen que sequera se deran conta.

Algo falla, evidentemente

Escribo isto, ó fío das últimas novas aparecidas nos medios de comunicación, esta fin de semana, respecto das dimisións dos alcaldes (un de cada formación política) de San Xoán de Río e de Manzaneda, que se veñen a sumar –xa fóra da provincia- á pota a presión na que se transformou estas sema-nas Silleda e a tódolos demais “caldos” que se están cociñando para os próximos meses e que nestes intres se me escapan das mans por non estar eu ó tanto do día a día da vida municipal ou-rensá ou galega.

Non fai falla, sen embargo, mergullarse na vida cotiá de cada un dos municipios onde teñen aflorado ultimamente problemas de convivencia política e ó seu rebufo dimisións e mocións de censura, para decatármonos de que algo falla, xa sexa na lexislación electoral, xa nos acordos marcos dos partidos políticos (se é que algu-nha vez os houbo).

E algo falla, ó meu humilde entender porque dificilmente se pode firmar un pacto marco nun despacho calquera de Compos-tela no que se ordene que dúas persoas dun concello de mil ou dous mil habitantes (onde as afinidades e as xenreiras non adoitan responder a criterios políticos) teñan que gobernar xuntas durante o longo período de catro anos, facendo un deles de alcalde ou alcaldesa e o outro de tenente de alcalde, cando nalgúns casos a relación persoal que manteñen é moito máis distante da que poden manter con aqueloutro ó que ese acordo marco condenou a ser oposición malia que só lle faltara unha presa de votos (nalgún caso, un só) para que lle saíran as contas.

As fórmulas alternativas para evitaren estas disfuncións lexislativas existen e os que mellor as coñecen son loxica-mente os propios partidos, que as teñen moi ben estudadas. Outra cousa é que as queiran aplicar.

Unha delas está perfectamente recollida na lexislación electoral portuguesa, onde nantronte mesmo celebraron eleccións e onde son os electores, e non os concelleiros, os que deciden quen debe ser o seu alcalde para todo o mandato municipal.

Nova asociación en Maceda

Infórmame un amigo do inmi-nente nacemento dunha nova asociación cultural na provincia, que seica vai levar o nome de “Asociación de amigos do Castelo de Maceda”.

Logo, achégame algúns dos pormenores que serven de ali-cerce para este alumeamento asociativo, así como o nome e apelidos de quen se atopa ó pé do cabezallo do proxecto e saúdo feliz a iniciativa, non xa porque os que anden a turrar por el sexan -coma Paco Novoa- amigos, canto polos proxectos que pretenden levar a cabo e que casan con algunhas teimas que eu levo defendendo nesta columna dende hai moito tempo.

Dime o amigo que me informa, que entre outras iniciativas de carácter máis local que procuran axudar a recolocar a Maceda no mapa cultural da provincia, queren tomar como referencia a figura do arquitecto vigués, Manuel Gómez Román (terei que preguntar se se portén cos Román de Celanova, entre os que se atopaba o cineasta Antonio) para crear un premio destinado a recoñecer as mellores obras de restauración de vivendas rurais, así coma outros traballos de conservación de arquitectura popular, que se leven a cabo nesta Galicia tan precisada de tratamentos rexeneradores de autoestima constructiva.

Sen dúbida, os “Amigos do castelo de Maceda” porán a andar algo que outras comunidades autónomas -coma Asturias- levan décadas promo-vendo e que sigo se entender por qué a administración galega non ten creado aínda, como é iso de premiar intervencións –individuais ou colectivas- no medio rural.

Tamén me din que entre outros cargos institucionais, está previsto que asista o vicepresidente do Parlamento galego.

Pois ben, como sei que me le, aproveito este saúdo ós “Amigos do castelo de Maceda” para instalo a que tome como disculpa o nacemento desta asociación e da súa man promova unha iniciativa par-lamentaria co fin de que a Xunta cree un premio á recuperación arquitectónica do medio rural que se podería chamar “Aldea do ano” ou como mellor estimen pertinente.

Un gran circo

¿Sabe canto tempo lle ocupa a lectura desta columna?

Ben, non fai falla que empece a ler de novo co cronómetro na man, porque llo vou dicir eu decontado.

Dependendo da velocidade que lle imprima á lectura, cando teña rematado a columna debe-rán ter transcorrido entre un minuto e medio e un minuto e corenta segundos, e, en todo caso, nunca máis alá dos dous minutos por moito que se recree remoendo as palabras que escribo. Iso, tendo en conta que non se teña aburrido polo medio e me mande a fritir espárragos, que é unha forma “cursi” de mandarme “ó carallo”.

Seguindo coa mesma técnica cronolectora, direille que un folio escrito coa letra normal de orde-nador, ven a ocupar entre tres e catro minutos, sempre e cando un non se desvíe moito dos papeis e manteña un axeitado grao de concentración.

Tomando estas referencias básicas, collamos a calculadora e poñámonos a contabilizar canto tempo lle levaría a unha persoa, por ela soa, ler os 17 mil folios dos que consta a parte do sumario que xulga a esa panda de chourizos repeiteados e faranduleiros que se crían co poder de chegar a sinalar co dedo premonitor ó futuro pre-sidente do país.

Contando, pois, con que cada folio leva tres minutos e enten-dendo que aqueles que precisan máis tempo porque esixen máis nivel de concentración se verán compensados con aqueloutros que reproducen algunha imaxe e polo tanto menos texto, concluiremos en que realizar unha lectura de todo o trocho requiriría un total de 5.100 minutos, que trasladados a horas significaría unhas 85, e traducido a xornadas laborais, dez días, con propina, que son dúas semanas enteiriñas sen ningunha outra atribución.

¿Con tales cifras, non lle dá a sensación de que vivimos coma estafermos nun gran circo onde o pallaso parvo somos nós?

E feita a aseveración, agrade-ceríalle, querido lector, que non interprete isto como unha estra-texia permisiva con algo que non ten xustificación. O que as fixo que as pague, xa leve o “alias” de Gürtel, xa o de faisán, pardau ou rousiñol.

Un bolígrafo nunha escola

Hoxe pola mañá (onte, para voste-de), por cuestións que non son relevantes para o asunto que vou traer a colación, estiven nun centro escolar e reparei nun bolígrafo que pousaba sobre o mostrador da oficina de atención ó público.

Dirá vostede –e non lle falta razón- que iso é a cousa máis normal do mundo. Do mesmo xeito ca se vai a un centro de saúde e se atopa cunha cadeira de rodas no pasillo. Ou se se achega a un taller de vehículos e tropeza cunha chave fixa do 20.

Preguntarase, entón, qué tiña de especial aquel bolígrafo para que reclamara de tal xeito a miña atención.

Voullo explicar de contado sen determe moito nos detalles (igual que non me detiven na identificación do centro), consciente de que a súa sa-gacidade de lector –ou lectora- intelixente ha interpretar as claves que me fixeron traer a anécdota a este espazo.

Era un bolígrafo deses que un recibe de agasallo e que logo de ser utilizado por primeira vez, por lóxica correspondencia coa cortesía recibida, acaba engrosando a morea de bolígrafos ocasionais que todos cantos traballamos fronte á mesa dun escritorio acostumamos a coleccionar nalgún bote tamén de regalo.

Ata aquí, todo normal. Ata tal punto normal, que eu mesmo acabei tomándoo emprestado para anotar unha idea que me viñera ó maxín mentres agardaba a ser atendido polo persoal administrativo.

¿Onde deixa de ser normal o devandito bolígrafo para pasar a ser tan extraordinario que mere-za unha reflexión nesta columna?

Pois direillo de seguido:

Resulta que tan branco e relu-cente como era. Tan aparente-mente anodino. Tan intranscen-dente como semellaba (pois nin falaba nin estaba dotado de ningún outro mecanismo comunicativo que non fosen dúas palabras escritas e un pequeno logotipo) o bolígrafo chirriaba naquel lugar porque, pola calada, estábame pedindo o voto para un determinado partido político.

Por iso creo que, fose cal fose o partido, o bolígrafo estaba de máis naquel centro educativo.

Cariño contra o esquecemento

Con motivo do día mundial dedicado a esta enfermidade, prometinlle a unha amiga comprometida coa asociación de familiares afectados por ela, escribir sobre o alzheimer. E agora, cando me propuxen cum-prir coa palabra dada e me puxen a teclear a súa denominación, decateime de que errara na colocación orde-nada das súas letras.

¡Que sorte teño!, pensei. Iso quere dicir que non hai ninguén nas inmediacións do meu espazo emocional que a estea sufrindo, pois é ben certo que non ha de haber ninguén no mundo que lle teña posto un rostro querido á doenza e que por desgracia non saiba deletreala co mesmo sabor acedo co que se tragan as pala-bras que provocan dor, impoten-cia ou desasosego.

Aínda que iso non é de todo certo, pois tamén no meu entorno familiar ten face este mal, se ben, polo de agora evitamos denominalo como tal, tanto polo seu carácter iniciático como, sobre todo, polo ben que os médicos que o atenden lle están logrando controlar a súa evolución, malia que tamén sexamos conscientes de que ese proceso, aínda que paseniño, resulte inexorable.

Non quixen facer coincidir esta dedicatoria coa conmemoración do Día Mundial -é dicir, co pasa-do 21 de setembro- porque, tanto para quen o sofre nas súas propias entrañas, como para os que o sofren nas deles por empatía emocional solidaria, hoxe mesmo, cando publico esta columna, e, coma hoxe, tódolos días do ano, son o Día Mundial do Alzheimer, pois, para eles, as vinte e catro horas que os conforman (cos seus 1.440 minutos e cos seus 86.400 se-gundos incluídos) non teñen máis horizonte có que se albisca arredor do ser querido. E así, un día tras outro, e tras un día, unha semana, e tras unha semana, un mes, e outro, constituíndo unha sucesión encadeada de silencios que transforman ó ser querido no centro do mundo e o mundo nun espazo atafegado pola palabra esquecemento.

Sirva, pois, esta columna para reflectir o cariño que cada lector lle ten ós seus. Un cariño que eu sinto que se agranda a medida que os reflexos do ser querido se van facendo máis lentos.

30/09/09

Un encoro sen turbinas


Non é a primeira vez que fago referencia a este símil, se ben agora téñome proposto repetilo ata fartar co fin de facerlles ver ós que lle teñen medo ó progreso (como ben titulaba onte Manuel Herminio Iglesias), que non se xustifica o gasto dun só euro máis no noso riquísimo patrimonio cultural sen que ese patrimonio empece a ofrecer de contado rendementos económicos.

Imaxina vostede, querido lector, que cando a Franco se lle deu por inaugurar encoros, empezando como empezou polo das Conchas, logo de ter expropiado tódolos terreos que cubriron as augas nos municipios de Bande, Muíños e Lobeira; logo de ter realizado as obras de infraestructura alternativas e de ter rematadas as obras de construcción da presa e do resto de instalacións -alén de ter desaloxado a tódolos habitantes da vila comercial de Portoquintela-; acabase por non instalar as turbinas que permiten transformar a enerxía potencial en cinética e a enerxía cinética na enerxía eléctrica que logo todos consumimos.

¿A que non imaxina que iso poida ter visos de realidade nun país responsable e serio?.

Pois iso é, precisamente, o que está pasando neste Ourense sobordado de patrimonio cultural, arquitectónico e natural, dende hai décadas. É dicir, que a administración enterra cartos a moreas –coma nun saco sen fondo- nos recursos patrimoniais que nos legou a historia e a natureza, restaurando unha igrexa por aquí, reconstruíndo un forno por alá, limpando uns camiños por acolá, inventando unha festa histórica ou gastronómica por máis alá ou deseñando un museíño etnográfico tanto aquí como acolá, sen investir un peso na súa comercialización, que ven a ser como construír o encoro sen instalar as turbinas que poidan transformar o potencial turístico en riqueza económica.

Por iso dá mágoa comprobar cómo aínda hoxe se escoitan voces que se deixan levar polo bucolismo estaticista do século XIX, resistíndose a que lles coloquen turbinas ós encoros, non vaia ser que a enerxía eléctrica os cortocircuite para sempre.

28/09/09

Puro Teatro

(29/092009)

Non pense, querido lector, que o título vai con segundas, nin pretende desprestixiar esa fermosa arte comparándoa coa arte, a miúdo non tan nobre, da política. Ó contrario, hai tempo que non me sento con tanta predisposición a escribir seriamente.

Porque seriamente, arroupados por unha estudada e perfectamente ensarillada escenografía, facendo gala dun altísimo grao de veracidade no relato, dunha máxica verosimilitude na recreación da historia e dunha profesionalidade individual e colectiva que sería merecente, se cadra, de procurar (traducíndoa, loxicamente) os grandes escenarios do Estado, foi como recibín, o pasado sábado pola noite, a regalía da representación da Esmorga polo grupo ourensán Sarabela.

Malia que sei que estivera en cartel unha longa tempada, non tivera lecer eu daquela de poder asistir á representación que hai 13 anos fixera o grupo da obra cumio de Blanco Amor.

Descoñezo, polo tanto, cánto queda daquela primeira experiencia e cánto hai de novidade no relato dirixido por Ánxeles Cuña. Ora ben, o que si sei –e podo dicilo con todo o orgullo de ourensanía, porque a compañía é ourensá- é que saín da sala coa sensación de ter participado eu mesmo na esmorga, é dicir, de ter sido abducido polo Cibrán, o Bocas e o Milhomes, do mesmo xeito que unha gran novela te atrapa nas súas páxinas e che fai perder a conciencia do tempo ou unha excelente película te eleva a outra dimensión, borrando todo o que se move ó teu redor.

Sei pola propia Ánxeles (e porque me sorprendeu gratamente ver xente moza a mans cheas asistindo ó teatro –e ¡pagando!- coma se fosen á última montaxe de Spielberg), que nesta nova andaina como “compañía residente” teñen, todos eles, grandes esperanzas depositadas.

Noraboa, pois, querida Ánxeles, querida Fina, querido Fernando…, entoando un mea culpa por non ter podido asistir á estrea para terlle recomendado antes, querido lector, que non perda a ocasión de ir ver a “Esmorga” alá onde Sarabela colgue o cartel de tan maxistral representación.

Política e realidade social

(26/09/2009)

Ámbalas dúas adoitan seren antagónicas cando falamos, por exemplo, sobre asuntos relativos á política autonómica ou nacional (poñamos por caso o manido estatuto catalán, o problema do galego ou as perogrulladas impositivas que anda a matinar Rodríguez Zapatero) para dicirmos que mentres unha vai cara Fisterra a outra tira cara o Mediterráneo de Serrat.

Ora ben, para desgracia do cidadán, esta cuestión que tanto dano lle fai ó creto dos políticos e ó prestixio social da política en xeral, non é, nin moito menos, exclusiva da política autonómica ou nacional, senón que tamén adoitan seren víctimas dela os políticos locais –é dicir, alcaldes e alcaldesas-, cousa que vou tratar de demostrar empiricamente ó fío dunha revista que caeu onte nas miñas mans.

Por cuestións que non veñen a conto, pero que teñen moito que ver con desavinzas político-persoais entre ela e o presidente da Mancomunidade, hai uns anos que a alcaldesa da Bola decidiu por decreto (coma se esas cousas se puideran decretar) que o Concello da Bola deixaba de formar parte das Terras de Celanova. Daquelas mesmas terras que hai máis de mil anos se chamaban “do Vilar” e que mandou repoboar Rosendo Guterres cando decidiu fundar o cenobio que aínda hoxe nos serve a todos de alicerce sociocultural.

Pois ben, para explicar o que xa a alcaldesa sabe (é dicir, que a realidade social afortunadamente non é quen de mudala un decreto) direille, querido lector, que onte mesmo atopei na barra dun bar unha revista da “VI subida ó Furriolo” e ó empezala a refollar detectei unha contundente evidencia económico-social: Que todo o apoio publicitario está sostido en establecementos comerciais de Celanova.

Entón púxenme a contar e o resultado foi o seguinte: Dos 95 anuncios inseridos, un era de Allariz, outro de Cartelle, dous de Ramirás e outros tantos de Verea, seis de Ourense, sete de Bande, 15 da Bola e ¡61! de Celanova.

¡Pero, non quedaramos, querida Teresa, en que a Bola xa non tiña nada que ver con Celanova!

¡Oh my God!

(24/09/2009)

Unha vez, alguén, que xa non lembro, preguntoume se os artigos que escribía os inventaba, pois non cría que todo o que testemuñaba nas miñas columnas fose verdade.

Evidentemente, eu non gastei nin sequera un minuto en tratar de convencelo do contrario, porque isto é un xornal e non unha novela por entregas e, polo tanto, ben ou mal contado, o que aquí transcende é tan certo como que vostede me está lendo agora.

Ora ben, dito isto, tamén son consciente de que o que vai ler hoxe, vaille custar crelo por máis que lle xure e lle perxure que me aconteceu nantronte pola noite no corazón de Celanova, concretamente ó pé da alameda centenaria a que tan liricamente lle cantou o “tenro” Castor Elices.

Faltaban uns minutos para as nove e media da noite e eu camiñaba só ó pé do mosteiro á procura do meu coche (co fin de retirarme para a casa) entretido en procurar novas marcas na fachada do mosteiro, que é un exercicio que adoito facer sen saber ben por qué, pois xa coñezo a fachada de memoria.

Diante miña camiñaba unha parella que andaba pola corentena, e un neno (ou unha nena, xa que pola melena, dubidei) de non máis dunha ducia de anos.

Cando dobrei a esquina, case tropezo co home. Estaba de cara á parede e o son característico do líquido que derramaba non precisou ningunha concentración da miña mirada para saber qué era o que estaba facendo.

De seguido decateime de que o neno –ou a nena- debruzado sobre o capó dun coche miraba para min como agardando que me pasara desapercibida a outra escena que el –ou ela- si percibía a cachón. Entón ollei para a fronte e vin o corpo da muller apostada diante do coche que tiña a carón -pero en posición feminina- executando exactamente a mesma “operación”.

Perdóenme a expresión, pero dubido que lles cortara a mexada porque tanto un coma o outro recuperaron a posición e meteron ó neno –ou á nena- no coche coma se nada pasara, mentres eu botei uns cinco minutos exclamando para min o mesmo que din os americanos: ¡Oh my God!.

Un destino, dous países

22/09/2009)

Denantes de falar absolutamente de nada, debo pedirlles disculpas a todos aqueles que sexan portugueses e me leran esoutro día, ou, sen seren portugueses, coñezan esa fermosa lingua que eu entendo, pero que non sei falar.

Digo isto porque, na columna do sábado cometín dous erros lingüísticos que non son de recibo, cando fixen senllos entrecomiñados en portugués e que cariñosamente me corrixiu telefonicamente o benquerido amigo e colega no xornal, José Carlos Fernández Otero.

Agradezo, pois, as correccións do “cura” –que é como afectuosamente o coñecemos na redacción- e agradézoas dobremente porque me van servir de introducción para o asunto que quero abordar e que non é, senón, un contrapunto do que me ocupou o pasado sábado e que facía referencia á idea da líder da dereita portuguesa no sentido de pretender pecharlle as portas de Portugal á economía española.

E dígoo tamén porque esa mesma fin de semana tiven oportunidade de compartir intercambio de ideas sobre cómo debe ser encarado o futuro turístico das terras de Celanova e da Baixa Limia coas de Terras do Bouro, Amares, Ponte da Barca ou Arcos de Valdevez e na clausura do encontro, a secretaria xeral para o Turismo (á que vexo cada día máis asentada no seu labor profesional) apuntou un lema no que seica se van poñer a traballar a súa propia Secretaría e o departamento homónimo do norte de Portugal para tratar de procurar un turismo internacional que, se cadra, non é tan doado de capturar cunha oferta individualizada.

“Un destino, dous países” seica é como van saír ó mercado internacional, tendo en conta que poder coñecer dous países nunha soa viaxe constitúe un atractivo engadido que ata o de agora non ten sido explotado na súa axeitada dimensión potencial.

Dito doutro xeito, “dous países e un mesmo destino” é o reto co que imos ter que lidiar nas próximas décadas por moito que a tal Manuela Ferreira deveza por pechar as portas de Portugal.

Portas a Portugal

(19/09/2009)

Ata o de agora tiña feito o mesmo que fixo José Blanco coas eleccións americanas, é dicir, non me tiña entrometido nelas co fin de non incidir no seu resultado final.

Sen embargo, logo da provinciana –perdóeme a expresión- idiotez pronunciada pola candidata do PSD no transcurso dun debate televisado co actual presidente portugués, no sentido de non querer que as comunicacións por tren se conecten co resto da península porque –Ferreira Leite dixit- “Portugal non é unha provincia de España”, agora si que pido encarecidamente o voto para calquera que non sexa esta muller que pretende volver ós tempos daquel famoso adaxio que dicía: “Da Espanha, nem bom vento, nem bom casamento”.

Polo pouco que teño seguido a actualidade portuguesa nos últimos tempos, creo que para desgracia da Península Ibérica e para desgracia dos moitos iberistas que nos movemos nela, seica ten posibilidades de acceder ó goberno, xa que logo, o actual presidente de nome rimbombante anda procesionando a súa agonía por un vía crucis abaneante, semellante ó que percorre cada día o ínclito Rodríguez Zapatero.

De ser así, pregunto:

¿Será quen, unha soa muller, de poñerlle portas a Portugal para que ninguén pase?

¿Será capaz, unha soa muller -por moi María Pita, Agustina de Aragón ou Manuela Ferreira que se chame- de botarlle candados ó campo, ata o punto de frear a osmose económica que dende hai décadas se ten xerado entre dous países abocados á convivencia?

¿Teremos que pedirlle permiso novamente ós gardiñas, para poder cruzar a San Gregorio, ó Lindoso, a Caldas do Gerês, a Tourem, a Montalegre ou a Vilaverde da Raia?

¿Terán que pedirlle permiso, tamén, as cabras do Xurés para cruzaren da cara norte á cara sur dos picos de Fontefría?

Entón, “¿por qué no te callas?” señora Ferreira Leite, se sabe que de aquí a dúas ou tres xeracións –non máis- España e Portugal serán inexorablemente a “mesma coissa”.

Querido Carlos "Negrera"

(17/09/2009)

Como intúo que non adoitas lerme, espero que algún compañeiro do teu grupo parlamentario ou alguén do voso gabinete che faga chegar esta reflexión, que por riba das discrepancias lingüísticas que ámbolos dous mantemos, atesoura –como sabes- o vello afecto fraternal que, dende que eramos mozos, nos temos.

Escríboche, non coa intención de recomendarche cál ten que ser a política que debes levar a cabo “na Coruña” –porque diso sabes ti abondo e eu absolutamente nada-, senón para contarche cómo se está vendo dende a miña xanela de Amoroce a revitalización do debate que estás promovendo sobre unha cuestión que non vai lograr a paz do mundo, nin sequera axudarnos a saír da crise minimamente.

E o que se ve –como che digo- dende esta aldeíña que aínda non coñeces e á que te convido, é que, se ben é posible que esteas elevando a moral de moitos dos que te votan; non é menos certo que con esa teima “articular” que de súpeto vos volveu entrar a algúns coruñeses (cando nin utilizades o “A” nin o “La”, senón que dicides “Coruña” directamente), o que estás é reanimando un problema que Galicia non precisa e prendendo un novo lume que, se a alguén lle fai dano nestes intres, é ó teu presidente.

É certo que no nome da liberdade se pode defender todo. Pero a liberdade debe ser, sobre todo, congruente. E, congruente sería –xa que avogas por castelanizar o topónimo- que castelanizaras primeiro –“Negrera Soto”- os teus apelidos. ¿Qué cres que pensarían os teus avós, se de súpeto a túa filla fora portadora dunha memoria xenealóxica que nada ten que ver con eles?

Póñoche o exemplo dos apelidos. Pero podería poñerche outros. A saber.. Que os teus colegas de Ourense reivindiquen tamén “Orense”. Que Celanova se chame “Celdanueva”. Carballiño –que é un paradigma-, “Roblecito”… E así, sucesivamente… Sucesivamente, ata chegarmos á xeneralización do absurdo, que é un campo enzoufado no que (porque vales para moito máis) me dá mágoa verte.

A virxe do Cristal

(15/09/2009)

Os que por sangue ou por torgueira familiar temos algo que ver co Cristal de Vilanova dos Infantes, creamos ou non creamos, sexamos agnósticos ou cartesianos, sarracenos ou cristianos, se algo temos en común isto é a nosa singular devoción pola Virxe do Cristal.

O amor que lle profesamos, coñezamos ou non coñezamos os segredos da súa aparición, creamos ou non creamos no milagre da treboada, leramos ou non leramos a Curros, está por riba da lóxica e da razón.

Era moi coñecido un veciño de Vilanova, algo lixeiro de cóbado e tan mal falado como boa persoa, ó cal lle era imposible ensarillar catro palabras sen soltar unha blasfemia, que adoitaba dicir: “Á Virxe do Cristal que non ma toquen, ¡me cajo en D…!”.

Falo disto, hoxe, porque un ano máis a pequeniña imaxe, a misteriosa imaxe, “elíptica, limpa, pura, de artificio e soldadura sen siquer unha sinal…” que tan graficamente describiu Curros, volve saír ó encontro co San Sebastián e co San Roque na praza do Recreo de Vilanova, para logo ser saudada na praza Maior coa reverencia, o paloteado, a rabiosa e o entrenzado que dende o século XVII lle danzan os herdeiros naturais dos zapateiros, agora dedicados a outros labores menos gremiais.

Pero falo, sobre todo, porque este ano (onte xa tiveron oportunidade de admirala na tranquilidade vespertina do santuario gracias á amabilidade mariana de don Adolfo, apoiadas polo efecto multiplicador dunha lupa), entre os seus moitos admiradores estarán dúas mozas que sen seren de Vilanova, levan o seu arrecendo nas veas.

Chámanse Myriam e Ángela Gilberson Hernando e son as netas de Ángela Curros Ortega, que era á súa vez a neta maior de Manuel Curros Enríquez.

Tanto unha coma a outra han tardaren moito tempo en esqueceren o seu particular encontro co feiticeiro cristal. A primeira porque ha recibir forza para continuar gañándolle pasos á adversidade da súa complexa travesía vital. E a segunda porque estou certo de que vai ser inmensamente feliz ó ver feliz á súa irmá.

Honestidade e crispación

(09/092009)

Hai algún tempo que propuxen deixar de escribir sobre o idioma para fuxir do mareo que provoca o labirinto e porque cada vez me aborrece máis debater en escenarios enmoquetados de hipocresía, pois, a miúdo, aqueles que montan no rocinante de turno, ou son neoconversos (é dicir, hai catro días non pronunciaban unha soa “verba”) ou cando os escoitas co seu círculo familiar, semellan estaren na Gra Vía madrileña.

Mesmo nantronte vin cómo alguén botaba fume coas palmas ó acabar de falar o presidente da Academia e logo escóitolle, a miúdo, falar un “castellano de Valladolid” que me noxenta. Incluso unha xornalista á que nunca lle lin unha liña en galego e que non estivo no acto, chamoume para dicirme que lle interesaba só “a gravación onde o presidente da Academia acusaba a Núñez Feijóo de provocar a ruptura” (é dicir, carnaza).

Sen embargo, as circunstancias volven traerme ó rego da cuestión co fin dar a miña opinión sobre a barafunda informativa que se montou na prensa galega co discurso (un discurso de 5 minutos) de Barreiro Fernández.

Empezou, Barreiro, dicindo que a sociedade está demasiado crispada, para logo continuar co que un presidente da Real Academia Galega lle debe dicir a un presidente da Xunta. É dicir, que, en materia do idioma, a Real Academia debe ser consultada. E nada máis. Nin o acusou de “crispar” ou de “romper a tranquilidade social”, nin “arremeteu” contra el, nin lle botou “ningunha reprimenda”, nin “ren de ren”.

Se vostede me le, saberá que teño sido crítico coa política lingüística de Núñez Feijóo. Ora ben, ser testemuña –como fun- dun acto de achegamento entre a Academia e a Xunta e logo ter lido as desinformadas (ou interesadas) reaccións que lles acabo de ler a algúns escritores e xornalistas, é algo que non podo deixar pasar sen pronunciarme.

Por iso lles digo a moitos que primeiro fagan un exame de conciencia sobre cómo viven eles en galego, e logo se poñan a defendelo con honestidade, que é un ben que escasea tanto como crispación abonda.

Tony Vázquez

(05/09/2009)

Hai uns días recibín unha invitación para asistir á homenaxe que un colectivo de amigos ourensáns lle tributou a un emigrante nacido en Cortegada e que hoxe pasa por ser un dos referentes do empresariado ourensán en Newark.

Logo, imponderables que non teñen negativa impedíronme enfiar unha cadea protocolaria que xa tiña programa, como era a de asistir á inauguración da exposición que recolle os 90 xeitosos anos da Coral de Ruada, para, de seguido, incorporarme á homenaxe xa referida.

A non asistencia non me resta, sen embargo, dereito algún para que fale, non tanto da homenaxe como das súas posibles consecuencias.

Coñecín fuxidiamente a Tony Vázquez, hai uns anos cando tiven oportunidade de viaxar a Newark e visitar o Centro Orensano que vive alí (e digo vive, porque está cheo de vida).

Algunha vez teño coincidido con el en Celanova, pero sen manter ningunha conversa que nos aproximara máis alá das meras referencias. É dicir, non teño tido relación con el, aínda que si temos abondosos amigos comúns que me teñen falado moito e ben da súa traxectoria empresarial naquel acelerado mundo “gringo”.

Hai algúns meses souben pola prensa da súa labor filantrópica no ámbito da promoción de baloncestistas de elite, apoiando o traballo que neste eido ven realizando a Asociación “Idea”, que foi, precisamente, a que organizou a homenaxe devandita.

Unha homenaxe na que o propio Tony Vázquez e José Luis Baltar falaron, seica, da posibilidade de irmandar o concello de Newark (onde por certo traballan un bo feixe de ourensáns) coa provincia de Ourense.

Estou seguro de que o proxecto ten sentido, porque alí vive unha abondosa colonia ourensá que incluso se deixa ver polas rúas con coches coa matrícula “OU”.

E para que a celebración sexa completa, eu –que sei que a idea camiña xa polos miolos dalgúns- propoño dende aquí que quen amenice o evento sexa, ¡como non!, a banda municipal celanovesa.

Trascenden os detalles

(03/07/2009)

Transcenden os detalles e, aínda tomándoos coas reservas propias de quen intúe filtracións que responden a determinados intereses da defensa, o corpo dun pai estremécese.

¿Realmente, somos conscientes dos camiños polos que transitan os nosos fillos cada noite, mentres nós nos dedicamos tranquilamente a ver a televisión ou a entreter o noso ocio con calquera outro divertimento?

Din que non hai dor máis aceda na vida cá de vivir a traxedia de ter que darlle terra a un fillo. E eu non dubido da certeza desta máxima. Ora ben, máis ferintes -se cabe- cá propia traxedia, poden seren aínda as circunstancias que envolven á traxedia mesma, se tal como relatan os xornais, neste caso aconteceron diante dos mesmos ollos duns pais que non tiveron oportunidade de coñecer máis alá do ámbito do fogar, as dobres vidas que agora empezan a descubriren con toda a proente crueza, que levaban os seus fillos.

Cántas preguntas pasarán polas súas cabezas, agora, á velocidade do lóstrego. Cantos latigazos de “mea culpa” flaxerarán nos seus silencios ós catro, por non teren sido quen de intuír algún detalle ou por non ter logrado avistar algunha faísca de luz que desvelara a antesala do precipicio para poder colocar, cando menos, algunha valla protectora.

Tense falado abondo de que o municipio de Toén vivirá durante moito tempo baixo o estigma da fractura social, pois é evidente que no fondo os pequenos concellos son como grandes familias e nesta triste historia, os bos e os malos –é dicir, a víctima e o verdugo-, forman parte desa mesma “gran familia”, polo que, sen dúbida, a carga de dor que sempre porta o alustro do drama vaise ver exponencialmente multiplicada ata límites que polo de agora non se dan intuído.

Por iso eu hoxe quero solidarizarme con dous homes e dúas mulleres -catro pais, en definitiva- que acaban de seren inxustamente condenados pola vida a unha pena que non ten redención posible: O incurable sentimento de culpa.

Benquerida Laura:

(01/09/2009)

Son consciente de que, por desgracia, xamais terás oportunidade de ler esta carta.

Malia todo, quero escribircha igual, porque escribíndocha a ti tamén llela estou dirixindo a tódalas rapaciñas da provincia que andan máis ou menos pola túa idade, a mesma pola cal -ano enriba, ano embaixo- tamén andan as miñas fillas.

Como tódolos ourensáns –como tódolos pais- que seguimos dende a distancia a información que a túa desaparición xerou ó longo da última semana, desexaba con todo o fervor que me cabe dentro que algún boletín horario me dera a boa nova da túa aparición, consciente, sen embargo, de que o cálculo de probabilidades de que iso acontecera minguaba co mesmo paso das horas e coa puntual aparición dos rastros que lle foron marcando ós investigadores o tráxico devalar dos teus últimos minutos de vida.

Por iso cando, o pasado sábado, un fotógrafo deste xornal me dixo que tiña que ir a Toén porque acababas de aparecer, nin sequera lle preguntei cómo, nin de qué xeito, sabedor de que a traxedia cumpre inexorablemente os seus máis negros agoiros.

Escríboche, pois, malia que non teñas xa a oportunidade de me ler, porque escribíndoche a ti estoulle escribindo tamén a tódalas fillas que camiñan por esa fermosa idade por onde o ser humano transita sobre as nubes da felicidade completa.

E escríboche para pedirche que dende alá dende onde esteas mires sempre por elas. Que te convertas no facho que as ilumine cando os pasos da noite –tan fermosa como falsaria- as coloque a carón dalgunha hiena coma a que acaba de deixar á túa familia sen entrañas.

Ensínalles a detectar o insoportable fedor que identifica a estas indesexables alimañas, por moito que vaian vestidas de domingo, viaxen en coches de marca e anden coa cresta engominada.

Ensínalles que non se lles pode facer unha concesión sequera. E que, ó primeiro cheiro a rata, o que hai que facer é correr a voz para que non teñan ningún refuxio onde agachar as súas asasinas mañas.

¿Que ten Lanzarote?

(29/08/2009)

Coa mesma face de sorpresa que vostede, querido lector, foi que escoitei nantronte o mini-vídeo promocional que o presidente do Goberno do Estado gravou (parece ser que a petición do Cabildo) no que lle recomenda “a todo aquel que poida” que viaxe a Lanzarote.

Eu fun obediente e onte dediquei toda unha mañá das miñas vacacións a sobrevoar a illa volcánica. Iso si, tiven que facelo dende o universo virtual do “Google Maps”, que é o único que polo de agora me permite a miña esfuracada conta corrente.

Andei por aquí e por alá, sempre a vista de paxaro, e recunquei, como non podía ser doutro xeito, no Parque Nacional do Timanfaya, onde a carencia de natureza se debe transformar, ó poñer os pés sobre a terra, nun espectáculo digno de gozar.

Pero tiven que deixalo aí porque o orzamento desgraciadamente non me daba para baixar a ras do chan.

Entón dixen, “bueno, todo isto está moi ben, o lugar desborda –como di no vídeo o presidente- natureza, vida, descanso e amabilidade na xente”, pero, realmente ¿que ten Lanzarote –máis alá do mar- que non teña, por exemplo, Ourense para que o presidente non dedique outros 20 segundos do seu prezado tempo a promocionar os encantos infinitos da nosa provincia?

Si, xa sei que tan pronto transcendeu a gravación, pronto se organizaron as hostes ofensivas da oposición para culpar ó presidente da apocalipse que vive tamén o turismo, mentres as vagas defensivas da Moncloa se organizaron para xustificar o “bolo” presidencial, en base a que se non fixo outros foi por qué nunca llo pediron.

Pero isto é o de sempre.

O que non é de sempre –e por iso é criticable-, é que un presidente que sabe que hai milleiros de lugares ó longo da xeografía estatal cuxa esperanza económica radica precisamente no turismo, se posicione por un lugar en detrimento doutros e, sen embargo, non poña os pés -nada máis ca para pedir o voto- en provincias en situación económica terminal como é o caso de Ourense.

Xantar no Lusitano

(27/08/2009)

Dende hai uns cantos anos, un grupo de amigos adoitamos convocarnos un día de verán arredor dunha mesa para gozar dun dos praceres mundanos máis grandes que o ser humano ten á man, como é o de conversar arredor dun magnífico xantar regado sempre cun excelente viño, que no noso caso adoita ser aportado por un dos comensais (este ano tamén foi cousa do restaurador) que conta co privilexio de ter cupo na elitista adega de Vega Sicilia.

A virtude do encontro ten alicerce no feito de que non nos convoca nada especial. Nin a data ten que ser especial, porque muda segundo o ano e porque non conmemoramos ningunha efemérides. Nin o xantar ten que ser especial, porque queda ó dispor do “chef” e porque normalmente adoita ser un arroz con lumbrigante que a min me leva a elixir un menú alternativo, non tanto polo lumbrigante, canto polo arroz, do que xamais comín un grao, nin penso comer mentres viva.

Ora ben, o que si é fixo, é o lugar onde quedamos emprazados. Un lugar que seguramente xa coñece, querido lector –e, se non, recoméndolle que o visite- e que está aberto no mesmo corazón do Parque do Xurés (Lobios) -a carón da estrada que leva cara o “máis alá” de Portela d’Home- dende o ano 1930 en que o avó de Javier -o seu actual propietario- se achegou a estas terras procedente do municipio de Amares (Portugal) –de aí a súa denominación- para traballar nas minas das Sombras, aínda que logo, na compaña da súa muller, mudou o sacrificado traballo da extracción do wolframio polo da atención ós feirantes e viaxeiros que facían tal percorrido seguindo os pasos da vella Geira.

Nantronte “celebramos” tal cerimonia e xa quedamos emprazados para a do ano que ven, porque, como dixen ó principio, non hai máis grande pracer ca xantar, beber –moderadamente- e conversar cun feixe de amigos daqueles temas que o viño vaia ensarillando, nun santuario do bo trato e do bo xantar, como é (aqueles que xa teñan estado non me deixarán mentir) o restaurante Lusitano.

Lixo sobre un escaparate

(15/08/2009)

Leo na prensa e en Internet que a Xunta de Galicia acaba de publicar, para a súa licitación, un novo contrato de obra que ten como obxectivo fornecer ó complexo cultural da Cidade da Cultura duns accesos axeitados que permitan a súa visita dende o exterior, así como a intercomunicación entre os edificios que xa se ven levantados dende a estrada de circunvalación de Compostela, e ó mesmo tempo leo a enésima noticia crítica por parte de distintos xornais con sede na capital da provincia na que se atopa incluída a cidade arcebispal.

Son, querido lector, informacións que é posible que tamén vostede teña lido e que inciden ata o aborrecemento nunha liña editorial que a min como traballador do ámbito da cultura, como informador e especialmente como galego, provócanme sempre unha pregunta que vou colocar por riba da mesa a modo de reflexión.

É esta: ¿Ten sentido que sigamos matando, denantes de nacer, o proxecto no que a Xunta de Galicia ten soterrado máis investimento dende que se pode escribir a historia en clave de autonomía?

Certamente, se eu tivese opinión cando lle meteron a Fraga Iribarne o macroproxecto nos miolos, é evidente que non se levarían a cabo, non xa os cinco edificios programados, senón, nin sequera un edificio só.

Ora ben, ¿resulta intelixente, cando tantos millóns de euros están aí metidos, que continuemos botándolle lixo por riba ó noso escaparate do futuro?

Sinceramente, creo que non.

Por iso, malia que nos doa e teñamos que reescribir algúns artigos críticos xa publicados e moitas opinións emitidas ó respecto (e isto vale para os tres partidos políticos), creo que xa vai chegando a hora de colocar o contador a cero e empezar a sentila como propia (porque non nos vai quedar outro remedio) para evitar convertela no Cemiterio da Cultura Galega e, polo tanto, no santuario dun fracaso colectivo.

Velaí a razón pola que eu coloco hoxe esta humilde primeira pedra nesa dirección.

Unha gran banda

(11/08/2009)

Aínda que sei dela dende a súa fundación e nalgunha ocasión tiña oído algunha gravación, non tiña -ata o de agora- escoitado “on live” (é dicir, en vivo e en directo) á Big Band que patrocina a Deputación provincial de Ourense e que está constituída por preto dunha vintena de excelentes músicos ourensáns ou que desenvolven a súa actividade musical dun xeito principal en Ourense.

Esta fin de semana, no marco da programación estival da miña vila e no entorno dunha case outonal Praza Maior celanovesa, gocei (nunca mellor dito) desta posibilidade por vez primeira e descubrín, unha vez máis, ata qué punto Ourense é farturenta na nobre arte de parir artistas.

Eu, que non lle coñezo máis sarillos á música cós que me entran polo mal dotado pavillón auditivo e alimentan de forma inconsciente os meus rexistros sensitivos, e que o máis que logrei facer con un instrumento musical foi aprender catro posturas mal dixitalizadas nunha guitarra adolescente, regalo de meu avó; pero que non sería capaz de acabar esta columna sen a compaña sonora dalgunha melodía, sentinme mergullado, esoutro día, no ambiente desta formación musical coma se estivese formando parte dela no escenario.

De tódolos colectivos musicais que ampara a Deputación non pasa por ser, nin moito menos, o máis coñecido, porque non é este –o de Big Band- o formato máis promovido nos conservatorios e nas escolas de música.

Sen embargo -e sen que con isto pretenda desmerecer ós demais-, non temo dicir ningunha arroutada se afirmo que é o colectivo de máis alto rango musical de todos eles. E que a Deputación faríalle un gran ben á música de Ourense se deseñara unha rolda de concertos desta magnífica Big Band polas cabeceiras comarcais, ou -indo un pouco máis alá- se lle organizase unha xeira por unha rolda de teatros doutras provincias.

¿Por que Ourense non vai poder contar cunha orquestra provincial –pregunto-, se xa a ten e soamente a ten que dar a coñecer ó nivel da calidade musical que atesoura?

Benquerido Xaquín:

(07/08/2009)

Vouche contar unha película que seguramente sabes de memoria.

Era unha vez unha parroquia que estaba constituída por xentes de tódalas castes. Nela convivían homes e mulleres desafectas –é dicir, xentes ás que lles daba o mesmo ter nacido alí ca en calquera outra aldea-, con outras que tiñan conciencia propia da súa procedencia, pero sen daren por suposto que por teren nacido nela, a súa fose “o non vai máis” das parroquias da terra.

Logo había outras xentes que non se pronunciaban e que a miúdo se deixaban levar pola maioría, sempre e cando a maioría coincidise coas súas ideas.

Habíaos de esquerdas e de dereitas. Xentes de misa de domingo e outras que so pisaban o adro da igrexa cando tocaba ir a algunha cerimonia. Incluso tamén había algúns que só con pensar no cura, a epiderme se lles contaminaba con algunha alerxia.

Había traballadores voluntarios para as causas do común e verdadeiros especialistas en teren gripe, unha ciática ou unha viaxe imprevista cando os mordomos pedían cofrades para a festa.

Habíaos novos e vellos, altos e baixos, ricos e pobres… É dicir, era unha parroquia máis, coma outra parroquia calquera, que trataba de convivir en paz e de solucionar como podía –cando aparecían- os seus grandes ou pequenos problemas.

Pero logo –non todo pode ser perfecto-, había algúns que se tiñan por donos da árbore xenealóxica parroquieira. Dicían seren os únicos que sabían de onde procedía a súa torgueira e, polo tanto, eles eran –segundo unha vella crenza- os únicos que tiñan dereito a decidir cara onde debían creceren as pólas da cerdeira.

Non eran máis alá de media ducia e moraban a cotío nas casas de acolá –é dicir, na endogamia-, pero pensaban que nada se debía mover en ningunha aldea sen o visto e prace deles, por seren os custodios das esencias.

Agora, benquerido Xaquín, ponlle á parroquia o nome que queiras e multiplícao por catro mil. Entón terás como resultado esa mesma Galicia que ámbolos dous amamos e que a miúdo tamén nos exaspera.

¿Que pinta aquí o inglés?

(06/08/2009)

Hai uns anos, con motivo dunha viaxe dende o norte de Grecia ata a capital, cando o meu compañeiro de viaxe quixo recoller a maleta, a valixa tomara outro destino. Era pola mañá e o programa de viaxe soamente contemplaba a nosa estadía na Atenas cultural durante esa xornada, polo que, cando quixemos dar as explicacións oportunas para formular a correspondente reclamación, indicar o noso hotel de referencia e entendérmonos, en definitiva, co persoal da compañía aérea, de súpeto vímonos mergullados nun problema de difícil solución, xa que logo, non había ninguén capaz de manter unha conversación fluída, xa non en grego, senón en inglés.

Así foi cómo, pola miña memoria empezaron a pasar as follas dos libros de inglés nas que malamente me detivera ó longo de seis anos da miña etapa formativa e empecei a ensarillar algunhas frases do tipo “we lost baggage” e cousas así, que nada teñen que ver coa ortodoxia do idioma, pero que me foron sacando do apuro e nos permitiron ter a fuxidía maleta nas nosas mans antes de irmos xantar.

Entón, a persoa que viaxaba comigo díxome: “non sabía eu que falabas tanto inglés”. Ó que loxicamente eu lle contestei con un: “nin eu…”.

Outra vez, no aeroporto de Newark, agardando a saída do avión que nos devolvera a Celanova entrei nunha lonxa de regalos de última hora e reparei nunha figuriña de bronce que reproduce unha estatua do MOMA de Nueva York, polo que tamén empecei a esforzarme para salferir oracións mal ensarilladas que me permitiran saber algúns detalles de tan fermoso “souvernir”.

A atenta rapariga, consciente dos meus esforzos case sobrehumanos para facerme entender, empezoume a falar en portugués, pois resultou que os seus pais eran naturais de Bragança.

Velaí, pois, para qué vale o inglés. É dicir, para que eu poida recuperar unha maleta ou mercar o que queira en calquera lugar do mundo. Pero o galego e o castelán, nesta historia, están noutro nivel. Por iso aínda é hoxe que sigo sen entender qué coño pintaba o inglés na consulta.

O idioma e o matrimonio

(04/08/2009)

¿Maxina vostede, querido lector, a un home divorciado ou a unha muller separada realizando publicamente unha defensa numantina do matrimonio como unha eclesiástica e indisoluble institución?

Ou, para poñerlle outro exemplo máis clarificador… ¿Que pensaría se escoitara a unha muller que soubera que abortou, utilizar palabras como infanticidio, asasinato ou crime para referirse a ese tan delicado dereito, agora tamén en revisión?

Estou seguro de que en calquera dos dous casos (especialmente no segundo) lle virían a idea substantivos tales como mentira, falsidade ou hipocresía.

Pois ben, seguro que se se ten por persoa capaz de discernir foneticamente quen é galego-falante ou castelán-falante habitual segundo a sintaxe que utilice, é moi posible que se lle acheguen ó maxín un feixe de representantes de tódolos partidos políticos que lle revolven as tripas cando comproba que o idioma que utilizan non se corresponde nin por aproximación coa lingua que intúe que usan a cotío no seu salón-comedor.

Pois iso, un revoltallo de tripas por non dar dixerido tanta hipocresía xunta, foi o que me provocaron as declaracións públicas da voceira adxunta do Partido dos Socialistas de Galicia no Parlamento, Mar Barcón, cando valorou o resultado da consulta (claramente criticada por este columnista) que utilizaron como panca de apoio para revisar o “Decreto de inmersión” que ela, como parlamentaria do goberno bipartito, tamén aprobou.

¿Como pode saír a defender un idioma que intúo que xamais lle falou –se os ten- ós seus fillos?

¿Con que cara se pode subir a un estrado con acenos de María Pita do galego e segundo e medio despois de apagado o micrófono se pon a falar en “español”?

Como xa teño escrito outras veces, nin entendo nin comparto o teimudismo do presidente da Xunta fronte a esta cuestión.

Ora ben, moito menos podo tolerar a hipocresía que aniña na clase dirixente -e incluso en parte da militancia- do PSdeG, que ten como primeira lingua o castelán.

Cousas sen termo medio

(30/07/2009)

Está empezando a ser preocupantamente común ese perfil de noticia que informa de que un alcalde, unha alcaldesa ou un colectivo calquera que cría que unha obra, un proxecto ou unha iniciativa que tiñan apalabrada cunha ala do goberno bipartito contaba con respaldo económico da Xunta de Galicia, e como proba documental soamente lle aparece agora o recordo dunha conversa telefónica, unha máis ou menos amena entrevista ou, no mellor dos casos, un fax, un correo electrónico ou unha carta intercambiada na que se citaba o asunto e pouco máis. É dicir, fogos de artificio mal explotados ou enganosos caramelos que agora, no regusto, están acedándolles a algúns o padal.

Traio isto a colación, ó fío da nova que saíu onte nos xornais sobre a restauración do Pórtico do Paraíso da catedral e sobre a polémica desatada entre goberno e oposición respecto de se contaba ou non con partida orzamentaria para poderse executar.

E tráioo aquí porque, certamente, a polémica é absurda, pois, como acontece con tantas outras cousas que poden ser demostradas, carece de termo medio, pero si ten solución: Algunha dimisión.

Se logo de que a obra foi anunciada polo anterior xerente do Xacobeo, foi iniciado o expediente perceptivo e lle foi aplicada a correspondente partida orzamentaria, é evidente que o goberno actual -ó negar esta evidencia documental- minte e, polo tanto, alguén debería dimitir.

Pola contra, se o certo é que os anteriores responsables do Xacobeo anunciaron a bombo e platillo un proxecto que carecía de máis mínimo soporte económico, os que deberían dimitir deberían ser os que se sentaron diante da prensa para reclamar a execución dunha gran mentira. Pero deberían facelo, non sen antes recoller o morro do chan.

Así que, o que teña papeis que os poña por riba da mesa e seralle moi doado deixar ó rival político como un mentirán.

E se non os hai, entón primeiro que dimita e despois que lle pida desculpas á sociedade ourensá por ser indigno –ou indigna- para ostentar un cargo institucional.

Solemne melonada

(28/07/2009)

Antes de poñerme a escribir, estiven repasando a denominación oficial dos noventa e dous concellos que configuran o mapa provincial e fíxeno dándolle unha lectura en clave toponímica, tratando de buscarlle algún sentido –ou, cando menos, unha raíz- á palabra que os identifica.

O obxectivo non era outro có de definir un novo itinerario turístico chamado a complementar o triángulo máxico do Entroido, as festas históricas dos meses de xullo e agosto ou o as romarías marianas do mes de setembro.

O exercicio consistiu en ir mentando posibles celebracións seguindo a pauta da que nantronte deseñou a histriónica imaxinación do alcalde de Melón e o resultado foi o que segue:

Ós de Avión propóñolles que organicen unha “parada” aérea pola serra do Suído. Ós dos Blancos –para seren orixinais- unha “merenda de negros”. Ós de Calvos de Randín, un concurso de “carecos” e ós de Coles unha festa do repolo.

Os de Lobeira e Lobios poderían convocar, en comandita, unhas procesións nocturnas -con fachós e licandor- polas carballeiras do lugar á procura do lobishome. Os de Manzaneda, se cadra, estarían en condicións de pedirlles ós asturianos a receita e organizar unha festa da sidra de montaña. E os da Mezquita un ramadán apócrifo con concurso de cantigas de imáns dende os campanarios das igrexas e algunha que outra danza do bandullo.

Os de Muíños, pola súa banda, estarían habilitados para organizar a festa da fariña, controlando –iso si- que soamente fose de millo ou de trigo, non fora ser…

Os de Nogueira de Ramuín, obviamente, deberían agardar ó outono para poder exaltar a noz. E os de Pereiro de Aguiar facer o mesmo, pero coa pera de pirifol.

O malo foi cando cheguei a Porqueira, pois por máis que tratei de espremer os miolos non logrei dar con ningún producto digno de celebración sen desmerecer ós seus veciños.

Entón pensei de novo no alcalde de Melón, pois seguro que, a nada que se poña a pensar, el si é quen de lles recomendar outra solemne melonada.

O gran e a palla

(25/07/2009)

Hai algo máis dunha semana escribín sobre un “clan” do cal me honro en pertencer, que non é outro có dos Amigos do Couto Mixto que tanto levan feito por poñer en valor un anacronismo social (pero non menos có de calquera catedral), tomándoo como desculpa para que as institucións –e os viaxeiros- reparen definitivamente nel.

Con tal motivo centreime na recomendación que o Bispado, por boca do seu vicario xeral, lle fixo á asociación para que en sucesivas edicións procurase un lugar alternativo á igrexa de Santiago de Rubiás para celebrar os encontros anuais.

Do que non falei –nin eu nin ninguén- foi dunha comunicación que nantronte me fixo chegar o presidente da asociación e que, por mor de que os medios se centraron no máis noticiable -que é sempre o que máis preto está da polémica-, non transcendeu, malia ó alto rango do remitente da devandita felicitación.

Como acabo de sinalar, enviouma o benquerido Luís García Mañá, apesarado porque de cara á opinión pública o que ó remate do acto transcendeu foi a cuestión da permanencia ou non da sede clerical e, sen embargo, ninguén recolleu que nun intre do acto, entre outras, foron pronunciadas as seguintes palabras:

“La cooperación transfronteriza en la Unión está llamada a desempeñar un papel clave dentro de esta estrategia, la cual será firmemente impulsada por España durante su próxima Presidencia del Consejo de la Unión Europea, y en este sentido estoy convencido de que, tras un devenir histórico caracterizado por su singularidad, el Couto Mixto está llamado a representar un ejemplo señalado de cooperaicón transfronteriza en Europa”.

O autor das mesmas foi o Secretario de Estado para a Unión Europea, Diego López Garrido, e malia a que o meu abano de lectores é o que é, quixen reproducilas para separar o gran da palla. E gran é que os ecos deste proxecto teñan chegado tan lonxe, cando hai tan só dez anos, ninguén –a non ser García Mañá- sabiamos nada del. O resto é palla, é dicir, ren.

Ourense e Braga

(21/07/2009)
Contan con moitas máis semellanzas das que nun primeiro golpe nos poidan vir á cabeza e, aínda que tampouco o pareza, están unidas dende os tempos dos romanos, malia que leven vivindo de costas máis de dous milenios.

Cando Décimo Junio Bruto cruzou o río Lethes e lembrou, un por un, o nome de tódolos seus soldados, ¡xa daquela! trazaron unha calzada que Antonino rexistrou co número XVIII de entre as vías que o Imperio construiu no cadrante noroccidental da Península Ibérica e que xunto cunha segunda comunicación que continuaba ata Lugo, puxo en contacto comercial a Braccara Augusta coa vella Auria.

Logo, cando Martín de Dume escribiu o “corrector dos rústicos”, foron as súas dioceses as que tiveron encontros e desencontros e mesmo Rosendo Guterres chegou a compartir o episcopado bracarense co de Mondoñedo, o cal debeu xerar -alá polo século X- un nutrido tráfico de homes e de enseres.

Despois chegou Afonso Henriques e foi entre as dúas cidades –en Arcos de Valdevez- onde lle gañou a primeira loita pola independencia ó seu curmán Afonso VII de León e Castela.

Finalmente chegou a fronteira, e con ela longos séculos de ignorancia mutua soamente superada de forma iniciática dende que a Garda Civil e os gardinhas desapareceron dela.

As dúas están no interior e loitan contra a potente economía da costa. Contabilizan, veciño arriba veciño abaixo, unhas cen mil “almas” -que diría Pascual Madoz- e tamén ámbalas dúas atesouran un inxente patrimonio por descubrir, presidido por senllas catedrais señeiras.

Unha –coa instalación de IBM- ten vocación de ser a capital galega da informática. A outra acaba de inaugurar o Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía.

Velaí cómo non todo é pasado e como por riba da mesa xa hai dúas razóns de futuro para que a autovía da fronteira sexa algún día non remoto a autovía Ourense-Braga pola que non vai ter máis remedio que apostar con valentía a Xunta de Galicia.

Bendito clan

(16/07200)
Como tantas outras cousas interesantes que teño recibido nos últimos tempos, onte chegoume á caixa de correo do meu computador unha mensaxe na que me falaban da experiencia psico-social que “The Washington Post” puxo en práctica cun violinista nunha estación de Metro.

O mozo instalouse na estación e durante os 45 minutos que tocou dentro do recinto só concitou a atención dunhas ducias de viandantes, recollendo pouco máis de 30 dólares da boina que colocou para que a xente depositase alí algunha esmola.

Logo resultou que o violinista en cuestión era un recoñecidísimo concertista que acaba de actuar no auditorio máis prestixioso da cidade e que aqueles que o quixeron escoitar en tan prestixioso lugar tiveron que aboar un prezo superior, en todo caso, ós 100 dólares. E que o violín que utilizara no Metro estaba valorado en 3,5 millóns.

Polo mesmo medio, pero hai bastante máis tempo, chegoume tamén un enlace que acabei por instalar no rexistro dos meus “favoritos” e que lle recomendo encarecidamente que consulte en www.playingforchange.com por que non o vai defraudar, pois nel poderá ver e escoitar cómo a veces esta sociedade plural que a miúdo nos dá noxo, outras, sen embargo, nos admira.

Trátase dunha experiencia a través da cal músicos de rúa dos lugares máis dispares do mundo –poñamos por caso, Amsterdam, Barcelona, Estrasburgo, Nueva Orleans, Michigan, Livorno, California, Sudáfrica, Pisa, O Congo, Israel a India ou Nuevo México- interpretan, dende os seus propios lugares e sen renunciaren para nada das súas raíces musicais, unha ducia de fermosísimas cancións que nos enchen de harmonía e nos demostran ata qué punto os seres humanos nos alimentamos das mesmas emocións, sexamos rubios ou morenos, altos ou baixos, brancos, negros ou amarelos.

Por iso, mentres estas cancións alimentan a miña admiración, o espectáculo estraperlista que está dando “Hespaña” estes días, me produce simplemente noxo.

Playing for change

Como tantas outras cousas interesantes que teño recibido nos últimos tempos, onte chegoume á caixa de correo do meu computador unha mensaxe na que me falaban da experiencia psico-social que “The Washington Post” puxo en práctica cun violinista nunha estación de Metro.

O mozo instalouse na estación e durante os 45 minutos que tocou dentro do recinto só concitou a atención dunhas ducias de viandantes, recollendo pouco máis de 30 dólares da boina que colocou para que a xente depositase alí algunha esmola.

Logo resultou que o violinista en cuestión era un recoñecidísimo concertista que acaba de actuar no auditorio máis prestixioso da cidade e que aqueles que o quixeron escoitar en tan prestixioso lugar tiveron que aboar un prezo superior, en todo caso, ós 100 dólares. E que o violín que utilizara no Metro estaba valorado en 3,5 millóns.

Polo mesmo medio, pero hai bastante máis tempo, chegoume tamén un enlace que acabei por instalar no rexistro dos meus “favoritos” e que lle recomendo encarecidamente que consulte en www.playingforchange.com por que non o vai defraudar, pois nel poderá ver e escoitar cómo a veces esta sociedade plural que a miúdo nos dá noxo, outras, sen embargo, nos admira.

Trátase dunha experiencia a través da cal músicos de rúa dos lugares máis dispares do mundo –poñamos por caso, Amsterdam, Barcelona, Estrasburgo, Nueva Orleans, Michigan, Livorno, California, Sudáfrica, Pisa, O Congo, Israel a India ou Nuevo México- interpretan, dende os seus propios lugares e sen renunciaren para nada das súas raíces musicais, unha ducia de fermosísimas cancións que nos enchen de harmonía e nos demostran ata qué punto os seres humanos nos alimentamos das mesmas emocións, sexamos rubios ou morenos, altos ou baixos, brancos, negros ou amarelos.

Por iso, mentres estas cancións alimentan a miña admiración, o espectáculo estraperlista que está dando “Hespaña” estes días, me produce simplemente noxo.

Os alcaldes e o galego

De tódolos alcaldes e alcaldesas que coñezo –e dou fe de que coñezo uns cantos- non me ven agora á idea ningún rostro que utilice habitualmente o castelán como lingua vehicular cos seus veciños.

Ben é certo que non coñezo nin ó da Coruña nin ó de Ferrol, nin ó de Vigo (todos eles dun mesmo partido e todos eles castelanófilos, ¡deixémonos de hipocresías!), e que todos aqueles cos que manteño algún contacto, forman parte dese arco socio-xeográfico que se ten dado en chamar Galicia rural e, polo tanto, son máis proclives ó uso do galego coloquial ca do castelán nas súas relacións, tanto persoais como administrativas.

Fágoos hoxe protagonistas porque o próximo venres os 315 mandatarios que se espallan por esta Galicia tan necesitada de intermediarios (xunto ós catro presidentes das Deputacións) están convocados pola Fegamp no Hostal dos Reis Católicos para referendaren un manifesto asinado en maio de 1984 polos seus antecesores, que tivo como obxectivo naquel intre o de comprometerse a promoveren o uso do galego de forma normalizada na vida cotiá dos seus Concellos.

Sen lugar a dúbidas estaría cometendo un acto de fariseísmo coa recente historia de Galicia se non lle tributase agora un recoñecemento explícito ó papel vital que os alcaldes e alcaldesas de tódolos partidos políticos xogaron ó longo destes 25 anos para trasladar ó ámbito da normalidade algo que non era normal ata daquela, como foi introducir o galego na vida municipal tanto coloquial como administrativa.

¡Ogallá outros moitos sectores sociais chegaran a ter acadado o grao de uso que teñen hoxe os municipios!

É por iso que (en intres coma este, tan necesitados de mediadores para desencallar o conflicto) non hai mellor perfil colectivo có dos rexedores para facelo. Máxime cando o 80% deles –e non temo esaxerar nadiña- viven con total naturalidade, dende que se erguen ata que se deitan, neste mesmo idioma no que leva vivindo máis de 8 séculos e contra tódolos elementos, Galicia.

03/07/09

Vou falar de pedras


Hai uns días, un dos moitos amigos que teño na distancia e que cos que manteño contacto cotián a través da Rede, escribiume un correo no que me dicía que esta leira non era só de millo, senón que había outros moitos produtos que cultivar. É dicir, que había máis problemas có do idioma e que debería poñerme xa con outra letanía.

E como ó meu amigo non lle falta razón, hoxe vou falar pedras, que palabras son.

Poñamos por caso, querido lector, que están dentro da catedral de Santiago, un grupo de persoas con poder de decisión representando ó Cabido, a Patrimonio, ó Xacobeo, ó Colexio de Arquitectos, ós amigos do Camiño, ós do Románico, ós do Grelo de Ouro e á Orde da Vieira, debatendo sobre a necesidade de darlle unha “voltiña” ó conxunto, pois, ademais do Pórtico da Gloria e do Botafumeiro, son outras moitas as reformas estéticas e estruturais que está pedindo a berros o edificio.

Entón, con esa facilidade que temos os galegos de “ir facendo”, para “por se acaso” e tendo en conta que “pr’agora vale ben”, con máis xenreiras ca consensos e sen orde nin concerto, os do Cabido decidisen mudar o baldaquino do apóstolo por un mamotreto pétreo de Carrara; os arquitectos deseñasen unha bóveda de rosa-Porriño para soster mellor o cruceiro; os de Patrimonio trocasen a Porta Santa por unha con célula fotoeléctrica que rexistre un por un a tódolos peregrinos do Ano Santo; os do Xacobeo instalasen dous órganos “Casio Dolby Sound Round” para que se escoite en Monte Pío, e o resto de asociacións sufragasen un novo pavimento con alfombra de Damasco que lle fixera cóxegas nos pés ós máis devotos...

Substitúa agora ó Cabido pola Consellería; a Patrimonio, os Arquitectos e o Xacobeo polos tres partidos políticos; ós do Grelo pola “Mesa” e ós da Vieira polos “Bilingües” e dígame se todos estes bárbaros licenciados non están facendo exactamente o mesmo cun idioma que o único que precisa –coma a catedral o silencio- é que o falemos. E, sobre todo, que o ¡falemos BEN!.

O Breogán de Xosé Cid


Estes días falouse abondo da torre de Hércules e da ilusión colectiva que xerou -naquela cidade tan intimamente ligada á miña memoria máis difusa- a declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade.

Non é, polo tanto, a miña intención volver pisar sobre campo pisado e profetizar a tempo pasado o moito ou pouco que vai supoñer para a cidade herculina esta decisión da Unesco. Nin sequera pretendo desenvolver unha derivación teórica comparada sobre as posibilidades que algún elemento ou conxunto de elementos patrimoniais da provincia de Ourense puideran seren susceptibles de mereceren unha declaración semellante.

Coñezo de primeira man algunha iniciativa que tampouco lle resulta allea á opinión pública ourensá informada, como é a do conxunto eremítico-natural da Ribeira Sacra. Pero iso será fariña doutro costal e tempo haberá de sumarse á proposta se os amigos do Grupo Francisco de Moure consideran que lle pode tocar de novo a hora.

O único que quero é aproveitar a conxuntura para destacar unha evidencia que a miúdo pode pasar desapercibida, malia que milleiros de turistas a utilicen como referencia cando deciden rexistrar graficamente o seu paso polo vello faro romano.

Unha evidencia que moitos ourensáns coñecen, pero que non está de máis revitalizar agora que a foco centrou o seu resplandor nel mesmo, como é o feito de que, coa declaración da Torre como Patrimonio Universal, tamén un escultor ourensán pase a ser incorporado por méritos propios á universalidade artística da man dunha obra que hai preto de dúas décadas instalou, sen molestar, no conxunto monumental da Torre.

Permítame, querido lector, que aproveite a ocasión para felicitar, con tal motivo, a Xosé Cid por ese impoñente Breogán que saúda ó visitante cando se achega á Torre e que nos enche de orgullo a tódolos ourensáns que sabemos que a súa humildade persoal é inversamente proporcional á súa inmensidade artística.

O mildeu da hipocresía


A política cultural galega viviu nantronte unha xornada en Traslaba e Compostela, que a nivel persoal me produciu unha profunda desazón e me amosou novamente a perigosa congostra pola que devala extraviada, camiño dun precipicio que, se non lle poñemos remedio de contado, acabará por ter consecuencias para alén de nós.

Como secretario da Fundación Curros Enríquez estaba convidado ós dous e decidín non ir a ningures consciente de que ambos ían decorrer antagónicos, pero co mesmo guión, contasen ou non comigo.

Onte, os medios de comunicación ratificaron o que eu intuíra e agradecín non ter ido, pois así non formei parte activa desa pretendida polarización que os dous actos evidenciaron e coa que a clase política semella querer fender en dous este anaco de terra, contaxiándonos co mildeu da hipocresía que eles levan tempo inoculando e que lles provoca unha grave distorsión da realidade social sobre a que gobernan ou pretenden volver gobernar algún día.

Por unha banda tiven oportunidade de ler o discurso que a carón da memoria de Castelao pronunciou o presidente da Xunta e, se ben a partitura semella estar escrita con corrección, por máis que o intento non dou escoitado a música. É dicir, non dou visto na súa acción de goberno os feitos que se derivan dese “galeguismo cordial” que predica por aquí e por acolá coma unha oración ou, mellor dito, coma unha ladaíña.

Pola outra beira, lin algúns fragmentos do discurso de Beiras en Trasalba e tamén houbo palabras que me mancaron no oído, non tanto por serodias ou extemporáneas, canto pola dose de espiñas que levaban adheridas.

Sinto moito se alguén se sinte ferido tamén coas miñas, pero repito de novo que tanto unhas coma outras supuran demasiada hipocresía. Porque tanta hipocresía hai –non o dubiden- en predicar galeguismo e receitar decretos “catelanistas”, coma en proclamarse profeta do país e logo pretender que entremos todos polo mesiánico ollo da agulla de “Galiza”.

27/06/09

Anécdota en Salamanca


Era pola festa do Cristal, é dicir, polo mes de setembro, hai uns cantos anos xa. Foi con motivo de asistirmos en Salamanca a unhas xornadas sobre fundacións de escritores, no fermoso casal que garda a memoria de Unamuno, a carón mesmo da famosa fachada da ra, da Universidade castelá.

Chegamos un día antes do inicio, coa noite alta, e como aínda non tiñamos habitación no lugar do encontro, que era na Residencia de Fonseca, paramos no primeiro hotel que atopamos ó entrarmos na cidade, o Helmántico, se a memoria non me falla, que aínda debe seguir aberto enfronte do campo de fútbol do equipo da capital.

Pedimos habitación e o mozo que estaba na recepción díxonos que tiña que mirar, pois a aquelas horas non era fácil.

Entón dixémoslle que con que houbera unha solucionabamos o problema, pois, total, por unha noite non iamos ter moito tempo para protestar.

O mozo esculcou ben na pantalla e ó final concedeunos unha dobre que cubriu dabondo as nosas necesidades ocasionais.

Subimos a equipaxe e logo de nos refrescar un pouco, baixamos de novo co obxectivo de procurarmos un lugar onde metermos algo no bandullo denantes de retirármonos a descansar.

Paramos novamente onda o conserxe e preguntámoslle onde poderiamos tomar algo.

A súa resposta -máis galega ca castelá- sorprendeunos encorchetada entre interrogantes: “¿Qué quieren? ¿Algo de ambiente?”, preguntounos o rapaz, algo tímido fronte a unha situación que el intuía e que nós sabiamos que non era tal.

“O que queremos é cear” contestámoslle, nun correcto castelán.

Evidentemente o mozo tomounos polo que non eramos, aínda que nós –algo zorros- deixámonos levar sen preocuparnos o que puidera pensar o rapaz.

Estes días non está de viaxe, senón nunha habitación do hospital Xeral de Vigo recuperándose dunha operación cirúrxica, e eu escríbolle esta columna para dicirlle o que sabe xa: Que somos un exército os que o estamos a agardar.

26/06/09

Conversa nun chat


Dubido que poida aportar algo á historia do galeguismo. Non son tan pretencioso como para abrigar tal esperanza. En todo caso, vou reproducir parte dunha conversa que acabo de manter -a través dun “chat”- cun amigo que é lector crítico dos meus artigos e que simpatiza co PNG-PG (o de Rodríguez Peña):

- Antonio, vouche levantar o arresto polo artigo de hoxe, vaste redimindo…

- Esta vez fun ó mércores…

- Estivo moi ben e sabes que cando non me gustan, insúltote. Pero este estivo moi ben, aínda que un pouco curto.

- ¿Curto, por qué?

- Tiñas que teorizar máis.

- Pero o espazo é o que é.

- Xa, xa o sei. Pero podías ter feito varias partes do tema, que é apaixonante. A dereita galeguista… Sabes que me interesa moitísimo.

- Xa sei, xa sei. Pero as columnas por capítulos aínda non foron introducidas nos manuais do xornalismo.

- Pero, podías afondar igual.

- Ó afondar chégase ó PNG-PG (Díxeno con intención).

- Ok. De p. m.

- Pero estades presos do sarillo da UPG.

- Somos reféns mutuos.

- Pois tedes que soltar o lastre e veredes como crece o partido.

- Non che sei. Sonche maos tempos para o galeguismo.

- Non creo que sexan tanto. O que son é malos para o "nazonalismo"

- Si, pode ser. Excepto para o nazonalismo español, quererás dicir.

- O “nazonalismo” español é aznarisimo

- E zapaterismo…

- Por certo. ¿Cantos militantes terá o PNG? É que se cadra teorizo sobre isto nalgún artigo.

- De carné uns 200, creo. Simpatizantes, un millón e medio.

- ¿Como? ¡1.500.000!

- Si. O noventa por cento do país é do PNG. Sábelo de sobra. Ata ti simpatizas. Ti, que dalgunha maneira es alma do país. Polo menos do país no que me movo.

- Voulle ter que dar unha relectura ó seu ideario. Gracias, son verbas que me engaiolan…

24/06/09

"Don Ramón" e a dereita galega


Foron certamente emotivos os dous actos organizados durante a pasada semana no Liceo e no Teatro Principal en torno á figura do benquerido Marcos Valcárcel.

Topeime neles cun bo fato de amigos comúns de toda caste e condición, o cal ten sido destacado -como un dos moitos valores que atesoura Marcos- polos mantedores dos distintos actos que ó longo dos últimos meses o teñen tido como protagonista non desexado, polo que non vou incidir eu agora nesta cuestión.

Pero quixen traer a colación esta circunstancia porque no acto do Teatro Principal, onde, como digo, se deron cita amigos e coñecidos de toda caste e condición política, así como un amplo feixe de representantes políticos das tres formacións, aconteceu algo sobre o que me gustaría reflexionar no espazo que lle resta a esta columna.

Nun intre do seu emotivo discurso, pediulle Marcos ós representantes da “dereita galega” -así se expresou el- que volveran sobre Otero Pedrayo, que o leran e comprobaran ata qué punto había na súa obra e na de outros moitos membros da xeracións Nós, un facho permanentemente aceso que lles axudaría a ver mellor o camiño da xestión futura desta terra.

Foi valente Marcos, cando pousou sobre as conciencias dos moitos representantes do Partido Popular que se deran cita alí -empezando polo seu presidente provincial- unha mensaxe tan obvia, pero ó mesmo tempo tan nidia, tan profunda e de tanto calado político.

E digo que foi valente, non por considerar que as súas palabras puideran ter contestación, senón porque ó ser o homenaxeado corrían o risco de ser tomadas como impertinentes. Pero non.

No tempo que levo asistindo a actos sociais e culturais na cidade de Ourense, xamais escoitara unhas palabras tan pertinentes coma as que Marcos esoutro día pronunciou, pois a miúdo a dereita galega ten obviado estes referentes, deixándose levar nalgúns aspectos por un discurso unitarista co que antropoloxicamente a sociedade galega nunca comungou.

20/06/09

Carta aberta ó conselleiro de Educación


Estimado conselleiro:

Non hai moito escribinlle unha carta aberta ó teu presidente, na que lle expuña as razóns polas que eu consideraba que a liberdade lingüística é incompatible coa responsabilidade histórica que un gobernante galego –cando voluntariamente decide adquirir o compromiso de gobernar- debe ter co idioma que ó longo dos séculos foron forxando, e non a capricho -coma o ferreiro- xeracións tras xeracións.

Permíteme agora que te elixa a ti como destinatario. E permíteme, de paso, que te tutee, aínda que non nos coñezamos. Asento isto na caste de ourensanía que ámbolos dous portamos (a túa do Ribeiro de Avia, como di a cantiga, e a miña de onde o mundo se chama Celanova, como dixo o poeta), así como o feito de que es o máis novo dos dous.

Decidín escribir esta misiva logo de ter visto nos medios de comunicación cómo ó longo da semana te reuniches cos responsables de dúas asociacións que por arte de “biribirloque” (ou se cadra porque andades dando paus de cego na borralla, crendo que así ides apagar o incendio que vos alampou) elevastes ó rango de interlocutores institucionais de dous idiomas que non son deles, senón de NÓS, dos que os falamos a cotío, utilizando –nós si, non vós- o que nos pete e nos dea a gana segundo cómo e con quén exerzamos o nobre e saudable oficio da comunicación.

Escríboche, pois, para solicitarche formalmente unha reunión no nome da Asociación de Veciños de Amoroce (parroquia na que resido) porque temos o mesmo dereito cá “Mesa” ou ca “Galicia bilingüe” para debater contigo sobre as medidas desprotectoras que tendes tomado respecto dun idioma que forxou na nosa microtoponimia –coma o ferreiro- palabras tan propias como Campelo, Cortiña, Sampil, Cachiquimbra, Rial, Barreiros ou Casal, que é onde se asenta o Camposanto que garda a memoria dos meus avós e dos avós dos meus avós.

Eles foron os que crearon estas palabras e vós non tendes ningún dereito a borralas da miña memoria por moito que gañedes ducias e ducias de eleccións.

17/06/09

Moita hipocresía


Tal como escribín o pasado sábado, asistín á presentación da curtametraxe que Rubén Riós realizou sobre a historia da promotora dos “Xoves de Comadres” de Verín e que o mozo de Riós exhumou para darlle forma audiovisual nun pequeno telefilm no que a problemática do idioma non pasa, nin moito menos, desapercibida.

Aborda, o traballo de Rubén, o ambiente “antigalego” que se respiraba nun fogar pequeno burgués do Verín dos anos 40 e de cómo a rapariga –que quería ser artista-, axudada pola criada da casa, aprendía a cantar nunha lingua que a súa nai odiaba.

Non tiven oportunidade de falar con Rubén sobre estes pormenores, pero estou seguro de que mal pensaba el, cando maquinou o proxecto, que o asunto da lingua –ou da convivencia das linguas- ía estar tan fervente cando lle tocara a presentación.

E tan presente está que ata el mesmo tivo que facer exhortación a favor do enfriamento dun conflicto que non ten outro horizonte có precipicio cara o que inexorablemente camiñamos.

Pois ben, aínda sen saber que a curta ía abordar a cuestión, unha vez máis tiven a oportunidade de comprobar ata qué punto un gran número de galegos se enfrontan a esta problemática envolvidos nunha hipocresía que certamente dá noxo.

Velaí a estampa:

Eran tres ou catro mozas cuxas caras me resultaban coñecidas porque adoitan saíren en distintas series da TVG e que se concentraban nun recanto da sala de espera en amena conversación.

Arroupado polo anonimato da moitedume, achegueime a elas para saber en qué lingua estaban falando e, evidentemente, comprobei que se expresaban nun castelán propio de Lavapiés.

Entón fixen abstracción e imaxineinas asinando un posible manifesto dos artistas “a prol da lingua” que seguramente nalgún intre alguén sacará a colación.

¿Preguntouse algunha vez, querido lector, cántos dos que adoitan saír na televisión reivindicando seren o “Cid Campeador” do idioma, lle falan galego ós seus fillos? Eu direillo: “¡Nin dios!”.

13/06/09

Un mozo de Riós


Houbo un tempo no que dediquei parte da miña actividade xornalística a entrevistar a ourensáns que tiñan por tras unha longa andaina vital.

Foi unha etapa moi productiva a nivel persoal, na que aprendín cousas que non están nos libros porque cada tarde que ocupaba con calquera deles exercendo o doce e proveitoso oficio de escoitar era coma se pasara un mes enteiro nunha biblioteca virtual.

Nomes coma os de Antonio Tovar, Castor Velo, Xaime Quessada, Pura Vázquez, Francisco Ogando, Elixio Rodríguez, monseñor Araújo Iglesias e un ilustre feixe máis, ensináronme que cada vida é un manancial que estiña o mesmo día que as campás repenican a ladaíña final.

Logo, teño dedicado outra fase a comprobar xusto o contrario, entrevistando a mozos e mozas ourensáns que na súa axenda só teñen follas por cumprimentar e para os que a palabra nantronte non existe no diccionario, contando, sen embargo, cun presente profesional que lles garante poder falar nalgures dun pasado simplemente espectacular.

Deste cadro forma parte primordial un mozo de Riós que un día abandonou os estudos regrados, con gran desgusto familiar, porque quería ser actor ou, a poder ser, algo máis.

Chámase Rubén e coñecino un día de verán na praza Maior de Celanova. O pouco tempo convidoume a achegarme ó seu ambiente familiar e incluso a coñecer á súa avoa. Foi con motivo dunha entrevista que concertamos o mesmo día que lle deu lectura ó pregón das festas patronais do concello ó que lle pediu emprestado o topónimo para utilizalo como nome artístico e portalo con orgullo nos créditos principais do audiovisual galego.

Hoxe será protagonista no auditorio da cidade, onde os ourensáns poderemos visionar a segunda curta que produce a súa factoría intelectual.

Hoxe será protagonista, unha vez máis, e eu espero saúdalo de novo, seguro de volver atopar a aquel mozo ateigado de ilusión, coraxe e gañas infinitas de trunfar, que me abriu o seu fogar de Riós coma quen lle abre a casa a un irmán.

12/06/09

¿Estamos tolos ou que?


Leo que o Parlamento de Galicia foi nantronte un galiñeiro de pretenciosos caponciños de pelexa, onde os kikirikís duns e doutros soaron con repenique de blasfemia contra o modelo común de convivencia.

Leo que para debater sobre a política lingüística arreboláronse verbas ateigadas de explosivos e armadas con navallas afiadas, como “batasunización” ou “carnicería”, “brutal ataque” ou “monstuosa mentira”.

Leo, así mesmo, que a defensora dunha postura, que eu non comparto por considerala hipócrita, sufriu un atentado (porque non se lle pode chamar doutra maneira) que como tantos quedará impune, e aínda tivo que oír como lle chamaron “facha”.

Pois ben, leo todo iso e pregunto: ¿Pero qué nos pasa? ¿Estamos tolos ou a piques de tolear por esta causa?

Logo, vou a Castelao e leo isto:

“Un idioma non nace pola vontade xenial dun grupo de homes; nace pola predisposición psicolóxica dun pobo, que en condicións históricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión. Porque un idioma é o corpo sensible dunha cultura, e todo atentado á lingua peculiar dun pobo representa un atentado á súa cultura peculiar.

Mais os pobos teñen unha forma máxica, invulnerable, e por iso as nacións asoballadas poden verse privadas do seu poder creador, ou poden converterse en parásitos da cultura dominante; pero endexamais se deixa asimilar. O problema do idioma en Galicia é, pois, un problema de dignidade e de liberdade; pero máis que nada é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que no fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenrolo natural do noso espírito, porque queremos volver presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ó acervo espiritual da Humanidade”.

Entón, ó facer a comparanza pregunto: ¿Tanta democracia para isto? E dicir, para rematarmos representados por tanta paifocada.

10/06/09

Subterfuxios electorais


Non tiña lido nada ó respecto, a non ser unha nota difusa (case esquecida e á que tiven que volver para me cerciorar) onde vira algo sobre que os socialistas cataláns ían presentar unha lista “rexionalizada” na que tiñan pensado omitir tódolos nomes non cataláns, incluídos, evidentemente, os do vasco Ramón Jáuregui e da malagueña Magdalena Álvarez.

Cando lin aquela nova non lle din outro valor có testemuñal, pensando que non pasaría de ser unha estrataxema máis dun partido calquera –neste caso de “Ciudadáns”- para ter algo que denunciar sobre o seu contrincante en pleno fragor electoral.

Sen embargo, nantronte, cando acudín á miña mesa electoral e, mergullado nun mar de dúbidas, empecei a fedellar entre as papeletas para ver cál se me apegaba á man, decateime de que a do BNG estaba máis baleira cás outras e que os nomes incluídos non pasaban dunha ducia; cousa que me fixo cavilar.

Fíxome pensar, loxicamente, en cál sería a razón final -non explicada- pola que, indo coaligados con -entre outros- ERC e Aralar, non desexaban mesturar os nomes dos candidatos destoutras formacións con eles.

¿Sería simplemente para non “aturullar” ó votante non natural cun mar de nomes descoñecidos, ou tería meirande calado e pretendería “ocultar” dun xeito subliminal que a quén se lle estaba dando o pasaporte para Europa con aquela papeleta non era directamente a Ana Miranda senón a un candidato catalán?

Logo lin -como obviamente xa dera por suposto- que a cousa estaba amparada polo artigo 222 da Lei Electoral. Pero seguín pensando o mesmo. É dicir, que tanto no caso dos socialistas cataláns coma no do BNG, ERC Aralar e todos aqueles que adoiten utilizar subterfuxios electorais (por moi legais que sexan) para tratar de sacar “petróleo” de onde non o hai, ó final non lles serve absolutamente para nada porque o electorado (afortunadamente cada comicios que pasan, máis) é moito máis espelido e sagaz do que os partidos políticos -¡todos!- supoñen ou adoitan desexar.

06/06/09

Os fillos que non naceron


Unha vez escribíronme un comentario no blog, que viña a dicir: “¡Piñeiro! ¿Non tes máis temas ou qué?”

O asunto que xerou o apuntamento foi porque levaba varias columnas, case continuadas, falando do idioma e da normativa –a última e esperemos que derradeira- que acababa de aprobar a Real Academia Galega.

Agora, xa non fai falta que ninguén me diga nada porque me decato perfectamente, eu só, de que empezan a ser demasiadas as veces que a cuestión da lingua ocupa as miñas cavilacións.

Sen embargo, por máis que me propoño pasar a unha posición de reflexionada pasividade -porque empezo a convencerme cada día máis de que a solución a todo este rebumbio esquizofrénico non virá máis ca pola vía da retirada da lingua do debate político-social-, ó final sempre acabo mergullado na refrega.

A razón de traelo a colación de novo, estriba hoxe na anunciada enquisa que onte pola mañá presentou o conselleiro de Educación e que seica lle van enviar a 330.000 pais e nais de alumnos de educación infantil, primaria e secundaria, para coñecer estatisticamente as preferencias lingüísticas que se respiran nos fogares deses galegos.

E de novo volvo falar da lingua porque, do mesmo xeito que todo o debate naceu viciado, xa dende os tempos da aprobación da última revisión da normativa, denominada curiosamente “de concordia” (¡carallo para a concordia!, se se me permite a expresión), agora calquera nova proposta estará igualmente viciada, estea ou non elaborada coa mellor das intencións.

Porque, mentres o conselleiro lle daba lectura ás preguntas na televisión, a min viñéronme á idea outras preguntas, con e sen resposta, que tamén lle traslado a vostede, querido lector:

¿A partir de agora a Consellería fará a consulta tódolos anos?

É de supoñer que non.

Entón, ¿qué dereito divino ampara a estes 330.000 pais para decidiren o idioma no que estudarán os fillos que aínda non naceron e cuxos pais, polo tanto, hoxe non van poder emitir ningunha opinión?

04/06/09

A agonía dunha mosca


Eu non sei se reparou algunha vez en cómo fan as moscas denantes de morrer. Ó inocularen o veleno do insecticida, unha vez que caen ó chan –normalmente de costas-, empezan a aletear a unha velocidade endiañada e a xirar sobre o seu centro de gravidade cunha forza inusitada, nada propia do seu estado terminal -coma se fosen esfuracar o chan-, ata que de súpeto todo remata nun silencio sepulcral identificativo do final do percurso vital do insecto.

Pero non son só as moscas as que amosan hiperactividade denantes de expirar. Hai outras manifestacións propias da natureza, que anuncian a miúdo o seu final cuns estertores propios de aquelarre, semellantes ós que pode presentar un gato acurralado, un galo de pelexa desnortado ou mesmo un terremoto, que nunca acaba co tremor principal.

Permítame, querido lector, a licencia de ter traído a colación estes símiles de diferentes finais, para preguntarme se non será que todo o que está acontecendo na política nacional, autonómica e provincial, emborrallando todo por aquí e por acolá, non estará senón anunciando ó punto final dun xeito de facer política que, todo sexa dito de paso, nalgún intre terá que rematar.

Póñome agora a facer un repaso mental dos xornais dos últimos días e, máis alá das excursións presidenciais en avión militar ou do macro-caso correa - en alemán-, lembro a un conselleiro denunciado pola súa actividade profesional, a un delegado denunciado por unha presunta xestión particular de fondos públicos, a un médico-político defensor a ultranza da sanidade pública que seica é propietario dunha clínica particular, a un alcalde agobiado por sindicalistas “irmáns” e ó presidente da Deputación posto en solfa por utilizar o seu servizo de seguridade para fins de índole familiar.

Certamente, eu non sei se esta hiperactividade será coma a agonía da mosca. De non ser así, por favor, que alguén lle poña freo a tanto desvarío ou os electores acabaremos precisando dunhas sesións de psicoterapia denantes de ir votar.

02/06/09

Seica estamos en campaña


Porque seica estamos en campaña electoral, vou falar hoxe dun artigo que a casualidade quixo que lera nestes días, aínda que xa leva algún tempo nun estante da miña biblioteca en forma de fotocopia dunha revista titulada “Vida gallega”, e que en decembro de 1959 publicou un monográfico sobre Portugal.

Baixo o título de “La misión histórica de Galicia es servir a la unidad espiritual de Portugal y España”, un tal José Iglesias –que declaro humildemente non saber quén é- escribía un ben documentado e intelectualmente razoado artigo, no que exhumaba diversas e moi interesantes opinións sobre a idea emerxente da unidade europea, de pensadores como Ortega y Gasset, historiadores como Sánchez Albornoz ou escritores como Camoens.

De entre todas permítome escoller dúas, por iso de contribuír a paliar ese euro-especticismo no que moramos instalados e que fai que estes días semelle que non estamos navegando por ningunha travesía electoral.

Parafraseando a Ortega, asegura o articulista que “es preciso brincar, sin descanso, de la afirmación de la pluralidad al reconocimiento de la unidad y viceversa”. E que “sólo la decisión de construir una gran nación con el grupo de los pueblos continentales volvería a entonar la pulsación de Europa” e a crear o que el cualifica como “la ultra-nación”.

Logo descende a analizar máis polo miúdo a relación entre Portugal e España; e, nun chanzo inferior, a afirmar que “Galicia, hermana espiritual y vital de Portugal y en posesión de un idioma similar, es la región española más idónea para promover y lograr la unión espiritual de Portugal y España”.

Pois ben, lido isto en plena campaña electoral, eu non sei se estará preto ou non esa “unión espiritual” entre España e Portugal que –sexa dito de paso- eu comparto. O que si sei é que nalgún intre os Estados terán que definirse para decidir que Europa nos propoñen. Se a Europa real –e social- dos pobos ou esa entelequia tecnócrata que hoxe por hoxe os europeos de a pé non logramos entender.

30/05/09

O xerme da operación


Dende a aldea na que vivo vexo pasar a cotío algúns avións en voo baixo, porque aínda andan na manobra de despegue ou aterraxe do aeroporto de Peinador.

A razón é sinxela. O espazo xeográfico de Celanova atópase mesmo na liña de circulación dos aeroplanos que cobren o servizo Vigo-Madrid e mesmo se vostede, querido lector, ten tido a oportunidade de realizar esta viaxe e lle ten cadrado na xaneliña axeitada, seguro que ten reparado na monumental planta de San Salvador presidindo a alongada vila, nunha perspectiva que engaiola e que provoca coñecer a monumentalidade que se agacha no seu interior.

É por iso que onte, cando lin a nova da macro-operación empresarial coa que pode ser agasallada a localidade de Trasmiras e vin as razóns de “peso” que avalan a súa candidatura, non puiden menos que exclamar “¡que pena, que non poidan andar pola zona avións!, pois xusto por tras do monte da Casa da Neve, que está na miña parroquia, hai unha inmensa chaira que chega ata Portugal e que tamén podería albergar unha obra semellante, por moi “monstrosa” que fose en dimensións.

En todo caso, pensei, vouno escribir, a ver se toca a frauta e alguén da Nasa le a miña columna. Non para furtarlle o proxecto a Trasmiras, senón para compartírmolo os dous.

Conto esta perogrullada porque, igual ca vostede e có resto de ourensáns que lemos a nova, foi moito o escepticismo (onte un amigo precisábame cun “optimismo responsable”, mellor) que xurdiu no meu interior a medida que fun lendo a información.

Ora ben, sobre todo, o que máis asombro me provocou, foron as declaracións do alcalde do Concello –que non debe levar máis alá de dous anos á fronte da corporación- atribuíndose o mérito do xerme da operación.

Certamente, a miúdo penso que moitos alcaldes -coma os ciclistas- son doutra pasta. E seguro que ha chegar o día en que algún lle xure e lle perxure ós seus veciños que é gracias a el, que cada día nace o sol.

29/05/09

Un tesouro escondido


Como calquera veciño destas terras arraianas, acollín con grande agarimo a noticia que hoxe reproducían tódolos xornais galegos e que informaba de que o Parque Natural do Xurés, xunto co Parque Nacional do Gerês, acaban de seren declarados pola Unesco “Reserva da Biosfera”.

Aínda sen meterme a analizar os beneficios que de seu vai traer emparellada esta declaración, o que si sei é que os ourensáns contamos nesta zona da raia cun tesouro ó que a miúdo non logramos verlle a súa dimensión.

Existe un triángulo que no ámbito literario ten perfectamente configurado e explendidamente retratado no libro “Arraianos”, Xosé Luis Méndez Ferrín, e que no ámbito xeográfico eu estendo a un trapecio con catro vértices poboacionais ós que xa teño feito máis dunha referencia conxunta nesta columna, como son os de Arcos de Valdevez, Montalegre, Melgaço e Celanova, que abrangue a meirande parte do territorio agora refrendado pola Unesco e que, máis alá dos miopes localismos cos que, con máis frecuencia da desexada, adoitan mirarse alcaldes e alcaldesas, debería servir para fixar dunha vez por todas unha estratexia conxunta de promoción, agora que o territorio vai experimentar por si só un pulo cuantitativo na súa difusión exterior.

A nada que cada un deles poña da súa parte a vontade que o proxecto merece e a nada que renuncie á pequena cuota de autonomía (que tampouco ten por qué perdela toda) que a actual estructura administrativa lles concede, o campo de traballo que se lles abrirá a todos terá un horizonte que ata o de agora ninguén explorou.

Non creo eu que sexa tan difícil entender que dúas ducias de administracións ben coordinadas fan moita máis forza ca una só.

Pois entón, non sei a qué esperan para porse a traballar de contado nun consorcio ou nunha asociación que sexa quen de colocar no mapa do turismo internacional –si, no turismo internacional- este tesouro descoñecido, tan privilexiado como a miúdo esquecido; incluso por nós.

25/05/09

A vixencia dun manifesto


O pasado venres, no transcurso da homenaxe que o Pen Club lle tributou a Marcos Valcárcel en Compostela e ó que tiven a sorte de asistir na compaña dun bo fato de amigos –de aquí e de acolá- de Marcos; antes de que o conselleiro de Cultura lle puxe-ra o ramo ó acto e logo dun tan coherente como pertinente dis-curso do presidente do Pen -o “irmán” Luís González Tosar-, ofreceu unha coherente intervención –a primeira que facía- o director xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.
Nela, o novo responsable insti-tucional da lingua (sabedor de que sobre as conciencias dos que ocupabamos as cadeiras da Capela Real do Hostal pousaba silandeira, pero manifesta, unha profunda preocupación colectiva polo delicado momento que vive o idioma e polo risco de fragmentación social que pende sobre a súa xestión) botou man dun manifesto que o propio Marcos Valcárcel e Afonso Monxardín promoveron, hai agora tres anos, e que baixo o título de “Falamos galego. En positivo”, moitos apoiamos daquela -e seguiremos apoiando sempre- coa firme convicción de que soamente dende esa perspectiva positivis-ta e dun compromiso persoal -e neste caso transferible- con ela poderemos saír desta canella na que vivimos entalados.
Serían moitas as olladas que sobre un tema tan poliédrico, poderiamos botar, e cada unha delas estaría sostida por unha lectura diferente.
Por iso, ó fío do manifesto de Marcos –hoxe máis vixente ca nunca-, gustaríame recomendar-lle ó presidente da Xunta a súa lectura, xunto cunha reflexión comparativa que seguro que xa ten feito: ¿Por qué o Partido Popular, que en Cataluña e no País Vasco non pasa de ser unha forza de terceira fila, acada en Galicia maiorías absolutas?
Poida que haxa outras razóns. Pero, sobre todas elas, el sabe coma min que fundamentalmente é -como dicía Castelao- “por obra e gracia do idioma” ou, mellor dito, por obra e gracia da natural inmersión social coa que os seus dirixentes souberon asumir –ata o de agora- a cuestión do idioma.

24/05/09

Ese recadriño da páxina 69


Foi nunha mesa do Café Real, logo de saír dunha das tertulias que durante un tempo celebramos no Liceo, a proposta túa e como consecuencia dunha miña columna na que teorizaba sobre cal debería ser o número máis axeitado nunha conversa de sobremesa para que a palestra fose froitífera e ó mesmo tempo amena.

Non lembro ben cal fora a razón de que fixeramos aquel aparte fóra do Liceo, logo de rematada a sesión, aínda que penso que foi porque andabamos coa planificación dunha exposición sobre Curros Enríquez, cando dende a Fundación estabamos a definir cómo ía ser o decorrer do Centenario do poeta.

O que si lembro moi ben é que, a carón dunha cervexa, falamos abondo do estado emerxente de decepción colectiva no que empezabamos a movérmonos, e de cómo, había pouco tempo que abandonaras a túa militancia política, en consecuencia.

Lembro que mo dixeches cunhas palabras máis ou menos coma estas: “A verdade é que os que temos a oportunidade de expresar na prensa as nosas opinións, estamos moito mellor co pensamento libre”.

Cando o lector –e ti mesmo- teñades oportunidade de ler isto, xa terás vivido unha nova xornada de profundas contradicións, neste caso gracias ó recoñecemento do Pen Club de escritores de Galicia, onde as emocións transmitidas polo cariño dos amigos e coñecidos, terán petado contra o muro do teu peito cun acedo contrapunto marcado por esa inxusta situación na que, sen pedirche a máis mínima opinión, te ten colocado a vida.

Querido Marcos: Nos últimos tempos non temos falado, nin a través do teléfono, nin por medio do correo electrónico, nin por ningún outro medio, como noutrora faciamos de vez en cando; o cal non significa que non saiba de ti e da túa evolución, polos amigos comúns que temos, e, malia todo, que non siga abrindo cada día o xornal coa esperanza de que nese recadriño da páxina 69, volva atopar a xaneliña diaria de pensamento libre que ti sempre terás aberta.

20/05/09

Pequenas Compostelas


Acabo de ler as propostas que o plenario do Consello da Cultura Galega lle remitiu nantronte ó presidente da Xunta -a petición súa- para o inmediatamente próximo Xacobeo e, como as ideas veñen a ser algo así coma os rabos das cereixas -que uns turran dos outros- suxeríronme a min outras que humildemente instalo aquí, por se soa a frauta e as le alguén a quen poidan interesarlle.

Vaia por diante que ó proxecto dunha grandiosa exposición sobre a Compostela de Gelmírez, sóalle ben a música, independentemente de cómo se consiga logo a letra, e conta con referentes achegados no tempo e na distancia, como teñen sido as “Edades del Hombre” de Castela-León, que contabilizaron visitantes por centos de milleiros.

E vaia por diante tamén, que non estaría de máis deseñar outra mostra de gran formato e itinerante de concepto, por algunhas das grandes cidades de Europa (eu propoño que sexa por aquelas onde Zara posúe tendas, pois seguro que Amancio Ortega se compromete con elas) e que amosase en esencia a riqueza cultural de Galicia enteira.

Debo colocar por diante do corolario, tamén, que a Secretaría Xeral para o Turismo debería empezar urxentemente a coordinar as oficinas de turismo que funcionan precaria e a miúdo voluntariosamente nas principais vilas turísticas de Galicia (sen esquecer os catro Padroados provinciais de Turismo), para que todas elas exerzan axeitadamente como xanelas únicas informativas, tanto para os que van coma para os que desexan moverse dende Compostela.

E dito todo isto, tamén me atrevo a propoñer, finalmente, que a Secretaría Xeral debería definir valentemente e sen criterios políticos, unha rede formada por unha ducia –non máis- de “pequenas Compostelas” repartidas por toda a xeografía galega, que son aquelas vilas que contan cun patrimonio cultural fillo de Gelmirez e da Berenguela e que axudarían a repartir a riqueza que o Xacobeo ten pousado, ata o de agora, fundamentalmente no vello campo das estrelas.

Pois, xa está...


A contestación afirmativa a un correo dun amigo, que me convidaba a compartir a súa rede do “facebook”, levoume a un devalar pola web que non valorara cando asentín, pero do que non me arrepinto, pois así souben de primeira man qué era iso das redes sociais, das que tanto oíra falar nos últimos tempos e ás que me resistía acceder por non dedicarlle máis tempo do que lle dedico xa.

Por non sei qué sarillos informáticos, entre os moitos amigos, coñecidos e non coñecidos que a rede me debeu procurar (porque eu non teño conciencia de ter remitido correo ningún) e que accederon a compartiren comigo a amizade virtual que ofrece o “facebook”, atopábase un tal Anxo Lorenzo, ó que non teño o gusto –nin o desgusto- de coñecer e que, un ou dous días despois, sería nomeado director xeral de Política Lingüística.

E non teño o gusto de coñecelo, aínda que, logo das polarizadas -e conxénitas- reaccións provocadas polo seu nomeamento -tanto pola banda de Laíño como pola de Lestrove-, si que teño interese por coincidir con el; non en van, ó ser instalado no centro da diana, tanto polos que desexan que o galego acabe esnafrado nun rochedo de Fisterra como por aqueloutros que devecen por ver o castelán nos queimadores de Sogama, todo nos debe levar a encadralo no perfil do camiño do medio, que é por onde –ó meu ver- sempre deberíamos camiñar.

Pois ben, co fin de contrapuntear as enrabechadas reaccións dos dous colectivos que o crucificaron antes de predicar e que, dito sexa de paso, non son máis ca dúas asociacións parroquiais, voulle facer dúas preguntas:

¿Por moi apocalípticas que sexan as mensaxes bilingüistas, de verdade é quen de imaxinar unha Galicia na que non escoitemos falar nin papa de castelán?

E por outra banda… ¿Alguén cre que unha lingua que resistiu un decreto de “doma e castración”, catros séculos de desprestixio social e 40 anos de franquismo, vai ser fundida por unha tal Gloria Lago e catro máis?

Pois, xa está…

Carta dun novo español


Permítame, querido lector, que hoxe substitúa as miñas palabras por outras que puiden ler nun correo electrónico, celebrando (nunca mellor dito) a consecución da nacionalidade española.

Non o fago con ningunha avesa intención, senón co fin de amosar, unha vez máis, o estado de permanente contradición no que vivimos; con residentes asubiando os símbolos que representan a nosa común convivencia e emigrantes comunicándolle ó mundo a súa nacionalización.

O autor ten nome e apelidos, pero, para isto non precisa identificación:

“Estimados amigos:

Es con gran alegría que deseo compartir con todos ustedes, que el pasado viernes 24 de abril, al abrir el correo electrónico me encontré con la novedad de que el Consulado de España en Uruguay me había enviado un correo que decía “Nos es grato comunicarle que le ha sido concedida la nacionalidad española. A partir de hoy puede usted tramitar su pasaporte”.

Les diré que al principio no lo podía creer, a pesar de que la había solicitado el primer día habilitado, que fue el 7 de enero, y suponía que no faltaba mucho para que me concedieran el esperado pasaporte, que me será entregado pasado mañana, 15 de mayo.

Realmente estoy muy satisfecho de poder compartir esta noticia con mi esposa y mis hijos (…) También es inevitable que estos días me vengan a la memoria mis abuelos paternos, Antonio y Elena, que emigraron en búsqueda de bienestar y progreso, en 1922. Y mi padre, Luis Alberto, hoy más que nunca, con amor, ternura, gratitud y emoción…, por todo lo que nos legaron -además de su sangre, trabajo, rectitud y enseñanzas- a todos quienes les hemos sucedido, pues, seguramente, estando en “conocimiento celestial”, de que su nieto ya es un nuevo español y gallego de su municipio, Celanova, y de su provincia, Orense, lo estarán disfrutando y gozando desde el cielo.”

Xa ve... Qué mal repartido está o mundo, querido lector.

14/05/09

¿Pero, de que galego falan?


Mentres escribo, teño diante miña o manifesto publicado nantronte pola Real Academia a xeito de reflexión na véspera das Letras Galegas.

Téñoo diante miña -logo de telo lido coa concentración precisa-, cousa que me leva a colocar por diante do resto das miñas palabras unha afirmación tallante: Concordo, de principio a fin, coa reflexión que fan os académicos, con algún dos cales manteño relación de afecto e amizade.

Ora ben, dito isto, debo facer tamén unha segunda precisión, como é que non concordei (e sigo sen concordar aínda, porque penso que é a orixe dunha boa parte do problema) coa última reforma promovida pola Academia, xa que logo sempre a interpretei coma unha concesión pseudo-política que uns académicos non militantes fixeron respecto doutros que si militan ou son próximos á formación inductora desa reforma normativa.

Vaia por diante, así mesmo, que estes comentarios son conscientemente realizados dende a perspectiva de alguén que só é lingüista no exercicio práctico da lingua, que, con ser pouco –dirán algúns-, eu considero que é moito, pois como ben di a Real Academia, falamos de “unha lingua para todos” e, polo tanto, non só da incumbencia dos académicos ou das institucións, senón, sobre todo, dos falantes.

Expresados os necesarios considerandos, o pronunciamento da Real Academia Galega lévame a unha reflexión terceira, que xa teño expresado en máis dunha ocasión e que non me permite entender cómo non foi incluída -aínda que só fose nun parágrafo- no conxunto do manifesto.

Velaí: Debátese abondo sobre a prevalencia dun idioma sobre o outro nos distintos foros sociais que nos estructuran. E cando se debate sobre isto, eu pregunto: ¿Pero, de qué galego falan? ¿Dese que diariamente esnafran sen piedade -e sen que a Real Academia os amoneste- medios audiovisuais e políticos, ou desoutro, harmónico, que herdamos dos nosos pais e que, cando lle poñamos fin ó debate non será máis ca unha reliquia ou, no peor dos casos, simplemente fume?

12/05/09

O facho da humildade


Hai unhas semanas, a asistencia a un acto de graduación dun Master de xestión turística na Facultade de Ourense levoume a escribir sobre os valores da mocidade que está formando –agora máis que nunca- a nosa Universidade e de cómo –tal como dixo alí o director do Master- agora máis que nunca non precisamos ir fóra para buscar unha boa cualificación.

O pasado sábado, a vida que me toca máis de preto e que sensibiliza substancialmente as miñas vibracións, levoume á Facultade de Xornalismo de Compostela, onde celebraba acto de graduación a décimo quinta promoción que se licencia nesa facultade compostelá para a que o arquitecto portugués Siza Vieira deseñou, hai uns anos, un (nunca sei ben cómo definilo, se fermoso ou anodino) “caixón”.

Alí démonos cita case todos. Estaban os alumnos. Estaban os dous padriños da promoción (un deles, Manolo Rivas). Estaba unha nutrida selección do profesorado. Por haber, ata había algún doutor. Estaba tamén unha selecta representación do persoal non docente e ata o responsable da cafetería, onde a miúdo os alumnos aprenden máis ca na cátedra do máis estricto profesor. Estaba o presidente do Colexio de Xornalistas acompañando ó decano da Facultade e máis ó Rector. E finalmente estabamos os pais, cun babeiro na faldriqueira e un pano da man enxugándonos as emocións.

Pero non estabamos todos, por moito que a foto de José Manuel Soto tamén forme parte da orla e a súa memoria presidise un acto que axudou a dignificar a ausencia.

É por iso que, cando os seus compañeiros enchían o paraninfo de emoción lembrando a aquel mozo que hai pouco máis dun ano caeu fulminado no campo de fútbol de Espiñedo, eu sentín a obriga de escribir esta columna para que, alén do ocasional protocolo, a memoria do xornalista que el xa nunca vai poder ser manteña sempre aceso o facho da humildade en tódolos seus compañeiros cando a profesión os poña a proba, pois eles van ter ocasión de superala e a José Manuel a vida non lle pediu opinión.

Ourense, parada e fonda


Hai tan só uns días, sen saber a ciencia certa en quen ía recaer a responsabilidade do sector turístico galego para ós próximos catro anos, recomendáballe a quen naquel intre era tan só unha figura difusa, que soubese aconsellarse daqueles que levan tempo traballando (os tres últimos anos sen o máis mínimo apoio institucional) no ámbito da promoción do turismo ligada ós grandes centros de peregrinación do mundo.
Agora, o cargo xa ten imaxe, así como nome e apelidos e conta –ademais- cun currículo relacionado co sector, que era totalmente descoñecido para min, entre outras cousas porque ata o de agora os meus camiños e os dela non teñen coincidido en ningunha encrucillada.
Ten imaxe, nome e apelidos e un valor engadido ligado á xuventude, que é cando o sangue máis debe axudar a ferver as ilusións por reconducir un sector que hai moitos anos que debeu ser estratéxico e que se non o foi, foi porque tanto algún dos gobernos de Fraga Iribarne coma o fugaz goberno bipartito cometeron erros de vulto á hora de definir estratexias e de apostar decididamente por transformar esa imaxe de marca recoñecida en todo o mundo, que é Galicia, e que conta con milleiros de axentes turísticos repartidos polos catro puntos cardinais, pois é evidente que en cada galego aniña unha axencia de promoción turística da nosa terra.
Pero ademais ten un don, no que eu –non sei por qué, porque non teño datos obxectivos- quixen interpretar como unha aposta do novo presidente por Ourense.
A nova secretaria xeral de Turismo é natural desta provincia e –aínda que a recente historia da Xunta de Galicia conta con algún precedente, ó meu ver non moi afortunado para Ourense- quero entender que vai supoñer algo para poñer definitivamente en valor económico o inmenso potencial patrimonial, cultural, termal, gastronómico e natural co que conta esta fermosa provincia, co fin de que dunha vez por todas deixe de ser terra de paso (é dicir, de ningures) para converterse na verdadeira parada e fonda de Galicia.

Tempo de convivencia


Cóntanme que no acto de presentación do novo delegado provincial (renuncio a utilizar un superlativo que non fai máis ca magnificar un cargo máis no organigrama da Administración) ademais do propio delegado, o conselleiro do que este vai depender e o presidente da Deputación, tamén estivo presente -en lugar preeminente- o alcalde da capital.

Cando me poño a escribir, aínda non fun quen de ver a imaxe que avala a información, se ben -e polo ben desta provincia- quero mentala presidindo un pé de foto semellante ó que sostén esta mesma columna. É dicir, inaugurando un máis que necesario “tempo de convivencia”.

É certo que a estas alturas non ten sentido preguntarse (se a aritmética tivera arroxado outros resultados e o delegado fose doutra formación), se hoxe estaría na foto o presidente da Deputación. Non vou formular, pois, ningunha pregunta, aínda que si o deixarei apuntado para evidenciar que, cando menos, vanse corrixindo algunhas “disfuncións”.

Feito o paréntese, repito que a estampa invocou en min un tempo de convivencia ó que se vai ter que acostumar o novo delegado á hora de pactar proxectos tan importantes para a cidade coma o Plan Termal que lle poña fin a esa sangría económica que supón deixar marchar millóns de litros de auga quente cara ó mar sen que produzan o máis mínimo rendemento para os ourensáns.

Pero un tempo de convivencia ó que sobre todo se van ter que afacer o novo delegado e o presidente da Deputación, para que non se repita aquilo que acabou ensarillando no marasmo da esquizofrenia a todo aquel que durante os últimos catro anos se vía na obriga de relacionarse coa Xunta de Galicia e antes de petar na porta dalgunha Consellería tiña que deseñar un plan de comunicación co fin de que as xenreiras entre os dun partido (BNG) e os do outro (PSOE) non botasen por terra a operación.

Disto saben ben os alcaldes, que seguro que xa empezaron a rezar para que o fin común e a coherencia sexan as que presidan esta nova cohabitación.

04/05/09

Consideracións sobre o Xacobeo


Hai uns cantos días, lin unha ampla reportaxe na que aseguraban que o Vaticano, en colaboración co arcebispado de Compostela, abrirá proximamente un hotel nese inmenso e fermoso edificio que en planta compite, case, coa propia catedral e que é coñecido como San Martiño Pinario.

Porque sei ben cómo foi xestionado o proxecto de aproximación coa axencia de turismo do Vaticano –que se chama Opera Romana Peregrinaggi e que ten as súas oficinas centrais na mesmísima praza de San Pedro- e porque coñezo as caras –por certo nada institucionais- daqueles que iniciaron os contactos, hai xa uns cantos anos, no marco do programa “Caminos de Europa”, permítanme, querido lector, ligar esta información co horizonte inmediato do próximo Xacobeo e faga unha consideración ó respecto de cómo foron xestionados estes anos pretéritos e sobre qué dimensión ten o reto que deberá cubrir aquel -ou aquela- que se faga cargo da Secretaría Xeral de turismo a partir de aquí, cando xa o tempo está practicamente esgotado.

Vaia por diante unha pregunta con resposta, respecto da política turística seguida nos últimos catro anos: ¿Cre vostede, querido lector, que é preciso ser católico practicante para entender que existe un turismo de carácter relixioso que se move masivamente polos principais centros de peregrinación do mundo?

Eu penso que non. Pero, polo visto, si houbo quen erradamente pensou que si e agora deixou os deberes non programados.

É por iso que, aquel –ou aquela- que se coloque á fronte da Secretaría Xeral vai ter que durmir moi poucas horas se non quere –como xa fixeron o arcebispado compostelán e o propio Vaticano- verse atropelado polo cabalo branco de Santiago.

Por iso que, sexa ou non “practicante”, eu recoméndolle ó novo xestor do Xacobeo que siga a noticia á que fago referencia e lles pida consello ós xestores do programa romano-compostelán dos “Caminos de Europa”, pois –nunca mellor dito- terá bastante camiño andado.

Carta aberta ó presidente


Benquerido Alberto:

Agardo que aínda que aproveitaras a longa fin de semana para fuxir do rebumbio no que levas metido os dous últimos meses, o teu gabinete inclúa estas letras no dosier do luns e teñas oportunidade de lelas.

Escríboas así, neste formato de carta aberta, porque seguro que moita xente concordará cos meus argumentos, o que non fará máis ca reforzar a necesidade de axudarche a ver que o mesmo compromiso que dis que vas ter co noso idioma, deberás transmitirllo ós membros do teu goberno.

Lin, esoutro día -con certa preocupación, non creas- que decidiras “darlle liberdade” ós deputados para que interveñan en castelán no Parlamento.

Ó mesmo tempo teño escoitado xa varias intervencións dalgúns conselleiros, así como da propia presidenta do Parlamento, utilizando o castelán ó faceren declaracións ós medios.

Evidentemente, vivimos nunha democracia e vivimos libremente, polo que calquera pode expresarse no idioma que desexe.

Pero isto, que serve para todo o mundo e ó que todo o mundo ten dereito, permíteme que che diga que non é tan así para os membros dun goberno galego.

Vouche pór un exemplo: Poñamos por caso que eu son zurdo e que me resulta difícil aprender a meter as marchas do coche coa man dereita. Seguro que estarás comigo en que iso non me concede ningún dereito para mercar un coche inglés e pórme a conducir pola esquerda.

Tanto os parlamentarios, coma os membros do teu goberno, cando aceptaron iren nas listas ou accederon a seren conselleiros, sabían que o cargo levaba implícito moitos compromisos (entre eles, por responsabilidade histórica, o de exercelo en galego), polo que a liberdade que lles concediches é moi relativa; pois do mesmo xeito que os electores non entenderiamos que un parlamentario acabase a lexislatura sen coñecer o regulamento do Parlamento, moito menos toleraremos que (por simple desidia, pois non é tan difícil) non aprenda a falar na nosa lingua. Porque entón tomarémolo coma un desprezo.

Galego ou feito en Galicia


Os primeiros días dun conselleiro, non sei eu se llos desexaría a ninguén por moi pouco afecto que lle teña.

Entre asimilar nunhas horas o nomeamento, asumir nun flash o mangado de problemas que deberá afrontar nos próximos anos, pensar no escaparate mediático sen saír distorsionado, deseñar un equipo sen parvos de máis -para non errar por defecto- nin listos de máis –para non facelo por exceso-…, supoño eu que ha ser como verse en caída libre sen póla algunha onde botar a man para non esnafrarse.

Di ti que a caída adoita ser soamente virtual –e, en todo caso con rede-, polo que, logo do vertixe inicial, pronto chega a calma do plácido viaxar en coche oficial, malia que non sexa Audi.

Serva este longo introito para explicar –que non xustificar- as distorsións verbais dalgunhas declaracións de, polo menos tres, dos novos conselleiros.

Das tres, quero referirme a unhas que fixo o de Cultura, nas que viña a dicir que a el interésalle máis falar da cultura “feita en Galicia” cá da cultura “galega”.

E quero referirme a elas porque aínda que xa lin cómo por aí lle chegaron os primeiros paus -se cadra un pouco apurados-, non é menos certo que o lameiro no que -coa comparativa- se meteu, pode deixarlle os zapatos algo lixados para a longa travesía.

É certo que logo dunha etapa trianual na que o noso mundo cultural –como adoita dicir un meu coñecido- non superou as dimensións intelectuais dun carro sen cabezallo, algo de cosmopolitismo e de perspectiva universal de nós, non nos ven nada mal e por esa razón din por benvida a chegada dunha persoa da que teño boas referencias aínda que por agora non coñeza de nada.

Ora ben, tamén é certo que, como pobo, ese cosmopolitismo non nos reportará absolutamente nada se o que facemos non o envolvemos coa alma da terra. Pois xa dicía Castelao que os cans ouvean igual alén da súa procedencia. E isto –salvando as distancias- vale igual para un músico, para un pintor, para un cineasta, para un escritor ou mesmo para o novo conselleiro.

27/04/09

Inaugurar unha autovía


Nantronte, a chamada dun amigo levoume a tomar un ración de pulpo matinal nunha taberna do Carballiño.

Saín da miña casa sen decatarme de que o día anterior abriran o derradeiro treito da autovía (con e sen peaxe) que une a capital do vello reino coa non menos vella Atenas de Galicia.

Pero, pronto lembrei o xornal do día e decidín tomar o ramal das Rías Baixas para logo encarar, dende a ponte de Barbantes, o novo tramo cara Compostela ata a rotonda do corredor de Cea, e, dende alí, dirixirme finalmente á vila arenteiresa.

Non mo crerá, benquerido lector, pero podo asegurarlle que sentín un pracer inmenso gozando do privilexio de inaugurar un trazado que a conxuntura político-institucional non permitiu que ninguén o inaugurara (uns porque chegaron tarde a mercar a cinta e outros porque non tiveron tempo de que abrira a mercería).

Ora ben, tamén é de xustiza dicir que ese pracer que a partir de agora me vai permitir estar –dende Celanova- no mesmo tempo en Vigo ca en Compostela -é dicir, nunha hora-, tamén me produciu un certo sentimento de solidariedade pola xenreira que levan sentindo (agora con máis motivo) os veciños de Rivadulla, de Bandeira, de Silleda ou de Lalín, que son víctimas dunhas decisións políticas que ninguén entende e que os ourensáns obviamos porque nos benefician.

E o que ninguén entende é que vostede, conductor, tome unha estrada e sen que medie ningunha outra lóxica cá barreira física dunha cabina de peaxe, na metade do camiño teña que pagar por algo polo que non pagou na metade anterga.

Si, xa sei que algúns estarán pensando en que a solución pasa por repartir a peaxe en todo o percorrido. Eu, sen embargo, estou pensando na contraria. É dicir, en que do mesmo xeito que unha decisión política con cargo a unha peaxe encuberta aboa por nós o que custou media estrada, outra decisión semellante lle outorgue o mesmo rango á estrada completa e desfaga un agravio que, se eu fora de Lalín, me tería en permanente protesta.

Tecnócratas e partitócratas


(25/04/2009)
Ando a escoitar estes días nalgunhas tertulias radiofónicas, como demérito do novo goberno da Xunta, que está composto “por funcionarios de segundo nivel, que coñecen ben a súa parcela de traballo, pero que non son políticos”. É dicir, por uns profesionais que na politoloxía moderna teñen sido cualificados como “tecnócratas”.

Os que tal discurso defenden, alicerzan a súa opinión argumentando que para técnicos na administración xa sobran os altos funcionarios -é dicir, secretarios e directores xerais, subdirectores, etc.- e que, o que un goberno necesita na súa cúpula directiva son políticos; sen chegaren a pronunciarse –aínda que isto xa o dou por suposto eu- se é ou non condición indispensable que estes políticos que eles defenden deban saber algo –ou non- da área de traballo para a que poidan seren nomeados.

Os que somos un pouco máis sosegados, do mesmo xeito que fixemos hai catro anos, mantémonos atentos ás declaracións que van facendo e ás primeiras decisións que van tomando, denantes de emitir unha opinión, dando por suposto, polo tanto, que –xa sexan políticos ou altos funcionarios- algún mérito deben atesourar para que o presidente da Xunta decidira nomealos.

Agora ben, postos a escoller –e dando por suposto, tamén, que as xeneralidades adoitan ser autoestradas cara o erro- das dúas propostas que agora indico, por cál se decantaría vostede se tivera capacidade para facelo.

A primeira, poñamos por caso, sería unha moza de trinta e poucos anos coa carreira rematada pero sen máis mérito profesional có de secretaria das xuventudes do seu partido e algún que outro cargo parlamentario. Ou sexa, unha partitócrata en toda regra.

A segunda sería a dun profesional de entre corenta e cincuenta anos que nunca militou nun partido político, pero con altos estudios no ramo, primeiro ou segundo na súa oposición e tres lustros de alto funcionario. É dicir, un tecnócrata en todo grao.

Para min a resposta é obvia, malia que o politicamente correcto sexa o contrario.

Unha inmensa sala de espera


(23/04/2009)
O día que deu a coñecer a proposta, a min sorprendéronme dúas cousas. A primeira, loxicamente, foi a proposta en si, por rompedora coa estructura tradicional da administración autonómica provincializada. E a segunda foi a pouca reacción que levantou o anuncio, non só no seo dos partidos políticos rivais, senón incluso nos propios medios de comunicación.

Eu botei uns días dándolle voltas ó asunto e tratando de documentar algúns antecedentes (porque loxicamente, na vida, todo está inventado e, polo tanto, supuxen que non sería un arrouto imaxinativo que Alberto Núñez puidese sacar da chisteira unha noite de mal sono), e souben que Castilla-León leva anos funcionando deste xeito; ben é certo que porque conta co dobre de provincias ca Galicia.

Polo que sei, a proposta sorprendeu aínda máis entre a follateira do seu partido. E, sobre todo, entre toda aquela prole de ex-delegados (algún chegoume a dar certamente lástima, ó velo cómo e ante quén se manifestou estar “á disposición do que me pida o partido”) que intuían xa a estela do chófer da delegación agardando á porta da súa casa.

Pero a sorpresa, coma o estrondo luminario dun misto, apagouse ós poucos días e agora o que está acesa –as vinte e catro horas do día- é a luz de alerta de toda unha provincia e moito menos de media ducia de teléfonos, agardando unha chamada que poña “presidente da Xunta”.

Loxicamente descoñezo quén vai ser a figura (vai en impersoal para que teñan cabida homes e mulleres) do “superdelegado” que vaia ostentar os próximos catro anos (ou vaia compaxinalo con José Luis Baltar) o poder representativo da provincia.

Aínda que, porque teño amigos, coma todos teño as miñas preferencias, que con toda seguridade e por desgracia para eles, non van coincidir cos pensamentos de Alberto Núñez.

Por non saber, nin sequera sei onde vai ter o despacho. Ora ben, o que si teño é unha absoluta certeza: Sexa quen sexa, vai ter que contar cunha inmensa sala de espera.

Un proxecto orfo


(21/04/2009)
Entre os moitos proxectos –xa sexan individuais ou colectivos- nos que ando medio embarcado e sen rumbo de travesía, atópase un, bastante ben definido, aínda que un tanto aparcado por mor, coma sempre, das cuestións crematísticas.

Trátase da realización dun documental dirixido polo ourensán de Freás de Eiras e residente na Coruña, Miguel Castelo, por medio de cuxo soporte pretendemos contar a singularidade gremial que identifica ós emigrantes das Terras de Celanova na Gran Mazá, arremuiñados, a meirande parte deles, a carón dos fogóns dun importante feixe de restaurantes de “comida española”, xa sexa nas inmediacións da Quinta Avenida, xa no corazón do Greenwich Village, xa ó pé do Empire State Bulding, xa en Queens ou mesmo ó outro lado do Hudson, en Newark, a capital veciña.

O pasado verán tivemos unha reunión con media ducia deles co fin de darlles a coñecer a iniciativa e ó tempo procurar algún tipo de colaboración para facer viable a estadía do equipo de producción na cidade americana.

O fío conductor, para contar dun xeito coherente a historia, ía ser unha persoa que nunca tivo restaurante, pero que os coñecía de “pe a pá”, algúns incluso con medidas incluídas pois da súa man xurdiron os proxectos técnicos que lles serviron de guía.

Esa persoa era Pucho Martínez, outro celanovés que axudou a enaltecer o nome de Celanova no mundo, pois da súa man intelectualmente formada, coñecedora do idioma e dotada duns valores sociais que forman parte intrínseca da súa familia, foron moitos os emigrantes galegos en New York que se sentiron por el arroupados cando se vían na obriga de tratar coa sempre impersoal e fría administración americana.

Un infausto e repentino trallazo no corazón mentres camiñaba por Manhattan, segoulle a vida hai uns días, deixando orfo o noso proxecto e máis orfa aínda á comunidade galego neoiorquina que sempre terá presente a súa sinxeleza, a súa afabilidade e a súa inquebrantable bonhomía.

Unha visita con boina


(18/04/2009)
O día 17 de maio fará un ano que (como adoito facer tódolos anos dende hai algo máis de media ducia) me vestín cun pantalón de pana, unha camisa branca sen lapelas (pescozo mao, que lle chaman), un “chaleque sen mangas” -como dicía meu avó- e un gardapós cos que os tratantes adoitaban ir ás feiras, ademais da correspondente caxata e da boina de rigor.

Vestinme de tal porte porque –como orixinario de familia de tratantes que son-, ese ten sido o uniforme que teño elixido para o escenario evocativo da Romaría Etnográfica Raigame que tódolos anos se celebra en Vilanova dos Infantes, de onde procede unha das dúas torgueiras que sosteñen o meu pasado.

E con tal porte recibín a unha delegación rumana, convidada polo Inorde para coñecer a romaría, e así lles ofrecín algunhas informacións sobre a igrexa conventual de Celanova, explicándolles, en todo caso, que os celanovenses no vestiamos así arreo.

Logo, a casualidade e o interese amosado días antes por Alberto Núñez, de organizar unha ofrenda floral do seu partido diante do monumento de Curros Enríquez, levoume a cumprir o papel de guía na Casa dos Poetas e explicarlle os pormenores da exposición que naqueles intres estaba alí instalada por mor da Real Academia Galega.

Evidentemente, tal como recibín ós visitantes rumanos, calado naquela mesma boina talmente lle ensinei a Casa dos Poetas ó agora presidente da Xunta.

Loxicamente non fun quen de fuxir das referencias e incluso o presidente da Deputación acabou por collerma emprestada.

Pero a boina non pasou de ser unha anécdota. O realmente transcendente foi que ó longo de todo o centenario de Curros Enríquez, dos tres líderes políticos desta “bendita terra”, Núñez Feijóo foi o único que se achegou á Casa dos Poetas.

Onte seica estivo en Bonaval, no mesmo espacio onde o propio Curros deitou flores sobre a campa de Rosalía. Onde estará mañá? Deus dirá… Pero que procure non cambiar o paso, pois non anda por mal camiño.

Xente da miña xeración


(16/04/2009)
Estaba moi lonxe da miña intención provocar –coa columna de esoutro día- algún efecto de altavoz ou de peto avisador para que me chegara algún convite que me levara o sábado á praza do Obradoiro.

Sinceramente, non foi –nin moito menos- esa a miña intención.

Ora ben, sexa como for. É dicir, xa fose polo efecto columna-lector ou porque o meu nome se mantiña intacto na axenda do Departamento de Protocolo da Presidencia da Xunta, o caso é que un pouco antes de poñerme a escribir, cando abrín o “Outlook Express” vin, entre outros correos, unha mensaxe do departamento enriba mencionado onde me indicaban que en documento adxunto me facían chegar “invitación ao acto de toma de posesión do Sr. Presidente da Xunta de Galicia”, cousa que agradecín coa mesma deferencia coa que dou por suposto que a recibín, agardando poder estar alí á hora que fun citado.

Unha vez relatada a anécdota, do que eu realmente quería falar hoxe, era dun artigo que escribín hai uns anos e que naqueles intres titulei “xente da miña xeración”, aludindo, por unha banda, a Anxo Quintana e, pola outra, a Alberto Núñez (incorporo agora a Carlos Negreira polo destacado protagonismo que a partir de mañá poida ter), con motivo do primeiro encontro que mantiveron ámbolos dous cando o segundo foi proclamado candidato ó cargo para o que hoxe vai ser elixido.

E falaba de “xente da miña xeración” porque é certo que a miña data se atopa entre a de ámbolos dous, pero sobre todo porque aínda que eu non teña tido nada que ver nin nos éxitos nin nos fracasos de ningún deles, si que me sinto orgulloso de formar parte dunha xeración que vai ter a oportunidade histórica de mover os fíos do futuro dunha Galicia que leva ¡catro meses! –aí é nada- esperando a que lle volvan acender o motor.

Xente da miña xeración será a que nos marque os pasos e iso –se cadra por empatía cronolóxica- dáme unha certa confianza. Confianza que, sen embargo, trato de administrar con prudencia. Non vaia ser…, como xa foi.

De afectos e esperanzas


(14/04/2009)
Hai catro anos era unha mañá de agosto, non acerto ben a dicir qué día de mes sen remexer na hemeroteca.

Días antes -descoñezo de quén partiu a decisión- chegoume unha tarxeta do presidente electo da Xunta convidándome a asistir á súa toma de posesión.

Como galego que cría que os galegos necesitabamos osixenármonos pola travesía da alternancia, aceptei de bo grao a invitación e achegueime á praza do Obradoiro para asistir por vez primeira á toma de posesión dun presidente da Xunta.

O acto foi sinxelo e de boa realización –non en van estaba dirixido polo meu tocaio de apelido e ourensán de Allariz, aínda que non parente, Miguel Piñeiro-, e amenizado por un magnífico gaiteiro que se chama coma o entrañable Suso Vaamonde.

A casualidade quixo que coincidira con Amancio Prada –que se desprazara dende o Bierzo para a ocasión- e co profesor Alonso Montero.

Asistín, como acabo de escribir, coa predisposición da esperanza, agardando a que aquelas novas xentes, con novas propostas e novas ilusións lle deran un pulo a unha sociedade que levaba uns anos ancorada nun senil proceso de inanición e que máis que nunca precisaba de respostas serias, audaces e intelixentes.

E volvín para a casa crendo firmemente na vixencia do discurso pronunciado polo novo presidente da Xunta, magnificamente estructurado por Damián Villalaín, outro ourensán, neste caso de Celanova.

Logo empezaron, sen embargo, a caer sobre a miña conciencia política un tanto infantil, ducias e ducias de folerpas de decepción que foron coallando, coma unha incesante nevarada, no conxunto da sociedade galega.

Hoxe mesmo, Galicia contará cun novo presidente e o sábado volverase repetir a historia.

Neste caso non estou convidado, pero iso é o de menos, pois sabe ben Alberto Núñez que son moitas as razóns –algunhas do ámbito das querencias persoais- polas que vou ollar a súa toma de posesión con moito afecto, sen esquecer, por suposto, a esperanza.

O embigo de Italia


(09/04/2009)
Aínda non hai dous anos tiven a oportunidade de realizar unha viaxe ó corazón de Italia para coñecer a experiencia que os xestores da provincia de Rieti (situada aproximadamente a 100 quilómetros de Roma) están levando a cabo para promover a “Vía Francígena”, que é a que os romeiros facían -e despois deixaron de facer- a Roma.

Andei por terras montesías e de interior -coma as nosas- pouco habitadas -coma as nosas- e cun patrimonio fóra de toda dúbida pero mal promocionado -coma as nosas-, malia estar tan pretiño dun dos centros neurálxicos do turismo cultural coma Roma.

Foi unha experiencia cultural que me enriqueceu abondo, non xa polo feito de ter gozado da oportunidade de xantar no comedor dunha abadía benedictina de certo (non nun restaurante situado nunha abadía) viandas elaboradas, para eles, polos monxes que habitan o cenobio; senón por comprobar cantas semellanzas e cantas problemáticas comúns mantemos os que moramos en terras de ningures, afastadas dos grandes centros urbanos que capitalizan o dinamismo económico desta época histórica que nos ten tocando vivir.

Rieti, fermosa por dentro e excelsa por fóra -é dicir, con fermoso casco urbano e cunha ringleira de montañas “apeninas” que a dotan dunha natureza que certamente abraia- véndese turisticamente –e así saúda a quen chega a visitala- cun expresivo “está vostede no embigo de Italia”. E non só iso, senón que, nunha praza que se chama Piazza San Rufo, fixeron un xeneroso basamento dunha columna para que a xente se fotografíe sobre o “umbilicus” de Italia.

Estes días teño lembrado con tristura esta viaxe porque Rieti está a menos de 60 quilómetros de L’Aquila, a zona cero da traxedia que arrasou tantas vidas, tantas facendas e tantas casas, estes días en Italia.

E lembreime especialmente hoxe, logo de escoitar a última barrabasada dese primate repeinado que se chama Berlusconi, cando lle recomendou ós afectados que tomaran estes días coma se estiveran de cámping.

Sindo e Lino de Prado


(07/04/2009)
Conserva intacta aínda a sabedoría propia do neno de Podentes que o aprehendía todo na aldea, porque coñeceu tardiamente a vila; e posúe igualmente impoluta a retranca que herdou da súa torgueira malia que entre as palabras galegas se entremeta unha cadencia liviá que desvela a súa longa xeira azteca.

De cando en vez volve pola súa Celanova adoptiva para saber da nai e de paso alegrarnos -ós que adoitamos arremuiñarnos arredor do Moncho, no Bar Tellado- coa súa intelixente e ó mesmo tempo desenfadada conversa.

Nantronte, na compaña do meu amigo Alberto Rivero, apuramos uns vasos de Ribeiro falando da actualidade mexicana, do misterioso accidente -para el claramente provocado- do seu amigo Juan Camilo Mouriño e das posibilidades, cada vez máis reais, de que o PRI volva recuperar o inmenso poder que tivo.

Chámase Sindo de Prado e unha vez contoume que cando lle preguntaron qué o levara a México, contestou –coa retranca nacida da terra- que fora porque o seu pai era secretario do embaixador e, cando chegou, gustoulle tanto o país que quedou nel para sempre.

É un galego de tantos que, cando a mocidade chamaba ás portas -como di Curros- trocou o seguro polo incerto e, coma tantos outros, foille ben.

Entre grolo e grolo informounos –sen ningunha petulancia- que había uns días que o seu irmán Lino recibira, na embaixada de España en México, a Orde do Mérito Civil coa que fora recoñecido polo Ministerio de Asuntos Exteriores cando no mes de agosto do ano pasado formou parte da delegación empresarial que o presidente mexicano trouxo canda el a España.

E é que Lino de Prado –aínda que, como lle acontece a Sindo, cando anda entre nós non o pareza- é, entre outras cousas, o presidente do Consello de Administración de Zara en México.

Sei que Sindo non mo dixo con esta intención. Pero creo que é bo que se saiba, porque é bo que sigamos sentíndonos orgullosos da nosa emigración.

Os dereitos de Miguel Ángel


(04/04/2009)
Aínda que non me crea, querido lector, hoxe pola tarde fun de pé feito a Faramontaos e achegueime ó cemiterio de San Xes, onde repousa Miguel Ángel, para tratar de saber qué opinaba el sobre os dereitos que lle asisten.

Fíxeno despois de ler unhas obviedades que en forma de declaracións realizou o ministro de Xustiza, nas que aludía a que os seus asasinos (dous etarras con fillos) “tienen derechos que se protegen por la ley, que deben de ser atendidos”, referíndose á decisión de Institucións Penitenciarias, de xuntalos no penal de Teixeiro (A Coruña), non vaia ser que a saudade e a distancia lles provoque algún trauma ou dinamite un “matrimonio feliz” do cal a democracia española poida sentirse culpable.

Collín o coche e crucei entre as casas da aldea, antes de chegar á explanada da igrexa e subir ó adro, onde dende hai dous anos acougan as cinzas de Miguel Ángel ollando cara a luz dun abrente que leva doce anos sen ver por culpa dos que agora gozan de “dereitos garantidos”.

Parei un intre diante do monumento que Xosé Cid deseñou -coa efixie de Miguel Ángel emerxendo perenne sobre o granito inmorrente- e despois procurei o seu repouso na campa coa intención de amosarlle as declaracións do ministro -que levaba gardadas no peto- e así saber qué opinións lle suxerían.

Había silencio en Faramontaos, que só era fendido de cando en vez por algún que outro canto do cuco. Había silencio en Cabanas, onde os seus pais e a súa irmá verteron bágoas por moios. Había silencio en Proente e en Rubillós, ó outro lado do río. Había silencio..., un xordo silencio no val que por alí lle dá agarimo ó Arnoia e no que Miguel Ángel foi feliz ata que o matrimonio dos “dereitos garantidos” se cruzou con el na estación de Eibar.

Había, en fin, un silencio profundo ó meu arredor que acabou estremecéndome e que entendín coma a resposta que Miguel Ángel lle daría ó ministro: “¿E qué dereitos teño eu, señor ministro, dende que estou aquí tendido?”

Volve a auga ó rego


(02/04/2009)
Agora que xa se van sabendo algunhas cousas, é evidente que resulta máis doado afirmar que un xa as daba por supostas.

Sen embargo, algunhas persoas coas que falei estes días saben ben que nalgunhas levo atinado.

Atinei, por exemplo, na proposta de nomeamento de José Manuel Baltar como vicepresidente do Parlamento, fundamentalmente por dúas estratexias. A primeira, porque para Alberto Núñez era unha forma digamos correcta de mantelo nun “status” preferente sen estar atado para definir libremente o seu equipo de goberno. E a segunda porque, dada a súa formación de letrado e de coñecedor -logo de catro anos na Mesa- da maquinaria organizativa do Parlamento, halle servir de documentado alicerce á nova presidenta.

Como atinei tamén na decisión final do PSOE no sentido de cederlle un espazo nesa Mesa ó BNG para sentar nel a un Anxo Quintana que vai poder mirar cómo evoluciona a súa formación dende unha privilexiada tribuna, igual ca cando acode a Balaídos a ver os trompicallos do seu querido Celta.

Pero, sobre todo, atinei cando intuín que o BNG acabaría volvendo ó rego que sempre ocupou e que só foi disimulado por unha intelixente capacidade -que lle deben agradecer a Anxo Quintana- de manter bo “feeling” cos outros dous partidos nacionalistas maioritarios de Cataluña e o País Vasco e que son tan ou máis de dereitas có propio Partido Popular.

Ó ir lendo e escoitando entrevistas e declaracións duns e outros -é dicir, das voces que se asoman por babor cara a nova dirección da formación frentista- entendía que nas próximas eleccións europeas só tiñan un camiño, que foi o que ó final tomaron e que non é outro có de xuntarse cos socios naturais de Esquerra Republicana, Aralar e o Bloc Nacionalista Valencià, entre outros.

Volve, pois, o Bloque ó muro, é dicir, volve de novo a auga ó rego, deixándolle a Quintana a porta un pouco máis aberta para poder explorar, dende a privilexiada atalaia do Parlamento, o horizonte posible dunha saída futura cara o paraíso soñado da trinitaria “Galeuscat”.

Curros en ruso


(01/04/2009)
Foi unha visita fugaz, pero deixounos a todos un regusto no padal do que volveriamos gozar, sen dubidalo, malia non ter entendido nin unha soa palabra da cadea ensarillada daquela declamación.

Aconteceu o pasado venres pola tardiña, na sala da lareira da Casa dos Poetas, e tivo como protagonista a unha profesora da Universidade de San Petersburgo que responde ó nome de Elena Zernova.

Logo da intervención do profesor Xesús Alonso Montero (que ademais de ter sido mestre seu nalgún curso ó que hai anos foi convidado naquela universidade soviética, tamén exerceu de introdutor noutras dúas antoloxías promovidas polo departamento de galego que dende hai ben máis dunha década funciona na vella “Leningrado”) e como remate da mesma foi cando a profesora Zernova nos deleitou cunha regalía sonora que xa quedou grabada para sempre entre as catro paredes da casa dos Curros Enríquez e que nos servirá -co tempo- de botón de mostra para demostrarlles ós visitantes da horta da palabra o indubidable carácter universal que agacha, indemne, a poética currosiana.

E é que a profesora rusa quixo rematar a súa intervención coa declamación de “O maio”, pero utilizando a fonética propia da súa nativa dicción, que segundo ela mesma declarou acáelle moi ben -pola fortaleza innata das verbas- a unha lingua docemente rexa como a que Curros utilizou.

Empezou, entón, co “Aí ven o maio de flores cuberto...” e a medida que ía saltando imaxinariamente uns versos que ían caendo coma cereixas maduras na declamación, os que coñecemos o poema iamos facéndolle coro no noso interior coma se falarásemos ruso toda a vida.

Foi certamente fermoso comprobar o aprecio co que o noso poeta -a veces ninguneado por xentes que andan ó noso redor- é lido alá onde nin os carácteres que identifican os sons, son semellantes ós nosos.

Sen embargo, o colofón chegou cando por encargo do profesor Alonso Montero e por proposición de José María Paz Gago, María do Ceo -acompañada da guitarra do seu home, Pepe- improvisou un sentimento en forma de canción, lembrándonos a dor coa que Curros exhortou a morte do seu fillo, cando inmortalizou a traxedia no poema “Ai”.

Daquela vin cómo o vello profesor de Ventosela, logo de tantos anos de erudición, foi quen de tocar coa xema dos dedos ese estado superior da poesía -como é o da sublimación- que María do Ceo consegue co virtuosismo emotivo da súa voz.

O que temos aquí


(28/03/2009)
Nantronte, ben querido lector, tiven o pracer de asistir a un acto onde fun testemuña, porque o momento así o requiría, do consumo colectivo -ata o punto de palpar en carne propia o formiguiño da emoción- dunha benefactora sobredose de ilusión.

Foi no transcurso da entrega de diplomas da segunda promoción do master en dirección e planificación do turismo que dirixe o profesor José Antonio Fraiz e que proximamente colocará no mercado a 14 mozas e 1 mozo sobradamente preparados para traballar na planificación e no desenvolvemento turístico desta provincia, tan necesitada de man de obra cualificada e de masa gris ben dotada para transformar -por exemplo- un problema de tráfico (coma o que hai unha semana se xerou en Outariz) nun manancial (nunca mellor dito) de recursos económicos.

Nun intre da intervención, dirixíndose ás empresas e institucións alí representadas, o profesor Fraiz dixo algo ó que por desgracia aínda non demos espertado os ourensáns: “ Non vaian buscar fóra o que xa temos aquí”.

E o que xa temos aquí, como dicía hai un pouco, é a mocidade mellor formada coa que contou a provincia ó longo de toda a súa historia. Unha mocidade que será inexorablemente a que vaia escribir o noso futuro e que nantronte, diante do propio rector da Universidade de Vigo, derrochou tamén unha sobredose de frescura da que tan doente está -sen lugar a dúbidas- a sociedade institucional ourensá.

A miúdo cremos que os “Master” -é dicir, os mestrados- só se estudan en Oxford, en Cambridge, en Salamanca ou na Complutense de Madrid, sen decatármonos de que, como dicía o poeta, “caladamente e surrindo” dende hai uns anos está entrando pola habitación da nosa provincia un bafo de aire fesco en forma de titulados universitarios nas distintas ramas do saber que se imparten no Campus das Lagoas, e ós que pouco a pouco temos que empezar a ver situados na elite dirixente de Ourense.

Un día antes, o propio profesor Fraiz presentou un libro que nos deron ó remate do acto e que baixo o título de “O desenvolvemento turístico dende a visión dos posgraduados en dirección e planificación do turismo” analiza aspectos do turismo como motor económico de Galicia.

Lereino con interese. Pero aínda sen ter tido tempo suficiente para lelo, podo reprocharlle preventivamente á clase política ourensá -á que tanto se lle enche a boca cando toca falar de turismo- que sería unha irresponsable se deixara fuxir este valor -que é noso- para alén do Padornelo.

A señora Perpetua


(24/03/2009)
A señora Perpetua era unha muller pequeniña, pero cunha alma inmensa que, como cantou Rosalía, foi unha das moitas “viúvas de vivos” das terras de Celanova dos anos 50 e 60.

Nacera nunha aldeíña das veigas miñotas de Padrenda, pero dende moi nova viviu en Celanova, onde rexentou unha panadería (daquela era “un forno”) coa que axudou a matarlle a fame a moitas xentes da revolta.

Ademais, a vida quixo que fose nai por dúas veces. A primeira, dunha abondosa camada de nove fillos e fillas que o matrimonio lle dera denantes de que o seu home tomara o camiño sen retorno cara Venezuela. E a segunda, de dúas netas que acolleu no seu regazo cando o corvo nun telegrama lle anunciou a morte dunha das fillas no parto da segunda neta.

A señora Perpetua era muller de gran bondade, que fuxía -coma do lume- das rifas e das xenreiras e, polo tanto, cando tiña que dicir algo co que non concordaba, sempre o facía cun aceno certamente entrañable que volvía imposible calquera afrenta.

A señora Perpetua era a bisavoa das miñas fillas porque era a avoa-nai da miña muller (prégolle que lea o posesivo coma un afectivo, sen outra connotación e sen ningunha outra teima) e cando as nenas eran pequenas e me escoitaba falar con elas sempre me reprochaba (co cariño co que adoitaba engalanar as súas verbas) que non lle falara castelán ás nenas, ó que eu sempre lle retrucaba con un “non ve que é a mesma lingua coa que vostede se dirixe a elas...”

”Pero eu xa non sei falar outra cousa e ti coñeces ben as letras...”, adoitaba rematar a cariñosa reprimenda, con certa resignación envolta nunha sorte de -para ela- inexplicable pena.

Falo hoxe da señora Perpetua e traio a colación esta anécdota ó fío do anuncio público que hai uns días fixo o colectivo “Galicia bilingüe”, pretendendo crear unha nova fórmula política como é a “rifa preventiva”, para avisar a Alberto Núñez por se se lle pasa pola cabeza non seguir ó pé da letra os postulados lingüísticos que tal colectivo ostenta.

Evidentemente “Galicia bilingüe” dista moito de formar parte do paraíso dos meus afectos, no que si segue militando de forma intensa a memoria da señora Perpetua, por moito que, se vivira e escoitara o seu ruído na televisión, seguramente que me diría: “Ves como eses defenden o castelán para os seus fillos...”

Entón, eu, co mesmo cariño de sempre, contestaríalle: “Di ben, señora Perpetua, defenden o castelán, por moito que se disfracen con outra careta”.

O colapso de Outariz


(21/03/2009)
O 24 de abril do 2007, ás portas das eleccións municipais escribín un artigo que titulei “Palabras maiores”, logo de ter asistido á presentación do Plan Estratéxico Termal que un equipo técnico dirixido por Mario Crecente redactou para a cidade ourensá.

Hoxe, despois de ver a foto da primeira páxina do que xa será xornal de onte para vostede, querido lector, non puiden menos que volver sobre as miñas palabras e refrendar -tristemente- o que naquela columna agoiraba.

Permítanme retrotraerme a aquelas datas e reproducir, en parte, as miñas verbas:

“As palabras finais da súa exposición foron dúas: “Auga, auria”.

Velaí o lema que en clave de proxecto de futuro quere dicir, a auga é ouro. E ouro en estado puro foi o que lles amosou o responsable do Plan de Dinamización Turística de Ourense, Mario Crecente, ó máis granado da política institucional da capital.

Aínda que non me quedei coas cifras, penso que falou de 700 empregos e un volume de negocio de 52 millóns de euros anuais. E iso, sen contar todo canto arredor deste proxecto se pode xerar e aínda non é cuantificable.

Co que si me quedei foi coa idea de conxunto que Mario Crecente lles propuxo ás tres administracións implicadas no Plan e que non é outra ca que toda a sociedade ourensá merque unhas gafas a través das cales, todo -dende que sae o sol polo Cumial e se pon por Outariz-, se vexa de color da auga...

Foron moitas as cousas que se me pasaron pola cabeza mentres Mario Crecente ía debullando os alicerces, a contextualización, as debilidades e ameazas, así como as propostas de intervención que se recollen no documentado estudio sobre o futuro termal que ten Ourense. Pero, sobre tódalas cábalas que tiven tempo de facer, houbo un flash que me dixo que aquilo que Mario Crecente estaba a colocar por riba da mesa da cidade de Ourense eran palabras maiores. Palabras maiores que é posible que xamais maxinara ningún dos actuais ou pretéritos candidatos á alcaldía ourensá.

Palabras maiores que falan dunha aposta de cidade sen parangón termal na Península Ibérica. E palabras maiores, en definitiva, que só o futuro demostrará ata que punto a cidade de Ourense conta con políticos capaces de pilotar un Ferrari, levando como levan toda a vida conducindo un 600.”

Volvo, entón, de novo á fotografía do colapso de Outariz e, desgraciadamente, debo concluír que incluso un “600” é demasiado coche para eles. ¡Canto máis o Ferrari que supón ter tan rico manancial de “augas quentes”!

17/03/09

Violeta


Violeta era unha moneca negra que tiña a miña filla pequena e á que un día lle escribín unha columna moi diferente a esta.

Lembreina mentres lía a crónica negra dun novo luns pola mañá con tráxico protagonismo mortal -unha vez máis- dese macabro triángulo que conforman “xuventude, madrugada e vehículo de alta cilindrada”, ó cal desgraciadamente os ourensáns nos estamos acostumando de máis.

E lembreina ó ler unha frase que informaba da cor do coche, un BMW que había un mes que estaba nas súas mans e que seica era dun violeta intenso “que non pasaba desapercibido para ninguén”, segundo relataba o xornalista sagaz.

É dicir, xa non se trataba de que o coche fose de gama alta (porque iso é peza común entre mozos do seu perfil social: 23 anos e profesional da automoción), ademais debía ser dunha cor especial, algo que fixera revirar a mirada cando el pasara por diante, repetindo unha escena exactamente igual á que reproducen ducias e ducias de anuncios televisivos sen que o departamento de control de contidos publicitarios (que non sei como se chama, pero que o hai) se decida a dictar ningunha norma reguladora ó respecto.

Seguro que era un excelente rapaz, extrovertido e capaz de facerlle pasar unha alegre velada á “pandilla” alí onde houbera uns intres de troula.

Seguro que era un fillo excelente e un bo cumpridor coas súas obrigas laborais. Seguro que era todo iso e moito máis, porque tamén isto forma parte do mesmo perfil social.

Seguro... E por iso lle pido a aqueles familiares ou amigos que poidan ler isto, que non tomen esta reflexión a mal porque non pretende criticar ningunha das cualidades humanas que a bo seguro atesouraba. E moito menos responsabilizalo de nada. Senón, ó contrario, instalalo -neste intre tan doloroso para os seus pais- no retábulo das víctimas polas que toda a sociedade en xeral nos debemos responsabilizar.

Todos aqueles que somos pais e temos fillos en idades semellantes sabemos que esa espada de Damocles pende permanentemente por riba da nosa tranquilidade fraternal e é por iso que esta columna non quere senón esgutiar -na hora da despedida- un laio colectivo, por el, por ela e por tódolos mozos e mozas ourensáns que teñen atopado nese foxo triangular “xuventude, madrugada e vehículo de alta cilindrada” un final que ninguén agarda, pero que está. Como está a boca do lobo agardando a peza nas noites de luar.

Calle Arriba - Rúa Abaixo


Por convite duns amigos que son mestres alí, nantronte tiven a pracer de reflexionar en voz alta diante dun disciplinado alumnado do Instituto Porto Vello, sobre o papel que xogan os medios de comunicación no tocante á nosa lingua, esta que estou utilizando agora e que incomprensiblemente ten sido utilizada como arma arreboladora no fragor da artificiosa batalla intrapartidaria, agravada ata límites perigosos no marco da campaña electoral.

Foi unha boa experiencia, esa de sentarse -un que está acostumado a reflexionar na intimidade vinculeira dunha sala- fronte a un foro xuvenil que no seu conxunto non deixa de ser un enigma para alguén -como dicía- pouco afeito a estes enleos oratorios.

Como tamén resultou unha fermosa experiencia coñecer, por mor da hospitalidade do seu equipo directivo, novas propostas educativas coma as que están a desenvolver dende os ciclos profesionais no campo da administración de empresas.

Unha hospitalidade que se viu transformada, ó remate da conversa, nun agasallo que recollín co mesmo agradecemento co que semanas atrás recibira a invitación e que por cortesía non abrín ata que cheguei á miña casa.

Cando o abrín o envoltorio de celofán -e aquí e a onde quero chegar con este introito- vin que era unha fermosa figura de Sargadelos que reproduce a imaxe enxoita dun Castelao auto-retratado nunha das moitas “Cousas” que debuxou ó longo da súa vida e que me agradou especialmente porque cando a mire hei lembrar, non xa a xornada, senón o respecto co que fun escoitado por un colectivo xuvenil ó que a miúdo mesturamos sen tino no mesmo saco e que por distorsión banalizamos sen parármonos a pensar que na excepción é onde está o conflicto e non na normalidade dunha idade pola que tamén pasamos todos.

Logo, xa pola noite, cando me dispuxen a facer un repaso informativo da xornada, lin que o Consello da Xunta acababa de decretar como Ben de Interese Cultural a casa natal do polígrafo que se conserva en Rianxo.

Entón feliciteime pola dobre coincidencia. Esa que fai que Celanova e Rianxo estean unidas por un simbolismo insolitamente literario, que ten moito que ver coa “Calle Arriba” celanovesa, onde naceron Curros Enríquez e Celso Emilio, e coa “Rúa Abaixo” rianxeira, onde viñeron ó mundo o propio Castelao, Dieste e Manuel Antonio, probablemente as dúas rúas -xunto coa rúa da Paz ourensá- que máis intelectualidade pariron por centímetro cadrado.

A vía galega


A primeira vez que fun convocado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural -hai tres anos e medio- a un encontro de xestores culturais, decateime de que as liñas mestras que ían seguir terían como horizonte e como mito o País Vasco e Cataluña.

Dende aquela, non houbo vez que non asistira a algunha xornada -ata que fun deixando de ir- onde non houbera un conferenciante dalgunha desas dúas comunidades, que -con abondosa sobredose de autosuficiencia, todo hai que dicilo- non fixera declaración expresa do moi contentos que estaban por se teren coñecido por alí.

É dicir, tódolos puntos cardinais da política cultural do departamento de Ánxela Bugallo ollaban sempre á fronte -a miúdo con esa cara de paletos que mirramos os galegos cando vemos un chaqué- cara o golfo de Vizcaya e cara o Mediterráneo de Serrat. E non había máis...

O País Vasco e Cataluña colmaban as nosas apetencias culturais e con seguir ó pé da letra a súa partitura semellaba que a sinfonía cultural -con ou sen Cidade da Cultura- que habían interpretar acabaría por provocar no pobo galego salvas de palmas ata que nos arderan as mans.

Ora ben, do que non se decataron Ánxela Bugallo, Luis Bará e compañía, foi de que Galicia -para ben ou para mal- non era “Euskadi” nin “Catalunya” e que se se quería trunfar coa política cultural nesta terra, había que ter moi claro iso que o propio Anxo Quintana cualificou a miúdo, cando falaba do non nato estatuto, como “a vía galega”.

Velaí onde creo que se trabucou -máis alá da anécdota dos mojitos e do dispendio bibliográfico da Habana- o equipo rexedor da política cultural galega dos catro últimos anos: En non saber entender que tamén había unha vía galega para facer política cultural e que esa vía distaba moito de ser a que piden para eles os euskaldúns ou a que lles demandan ós seus políticos os cataláns.

E digo isto porque, ó mesmo tempo que vexo abrollar conceptos case apocalípticos como “involución” ou “volta atrás” cando aínda Alberto Núñez non falou da súa política cultural e simplemente fixo unha nota a pé de páxina sobre a política lingüística, sinceramente creo que o novo presidente electo cometería un erro imperdoable se se deixase ir no péndulo cara o outro extremo e apuntase o telescopio lingüístico e cultural cara Madrid.

Galicia non é Euskadi nin Cataluña. Pero tampouco é Madrid.

Se ten isto claro, Núñez Feijóo terá moito camiño andado, tanto no asunto da lingua como no da cultura que se move por aquí.

Agora son Anxo Quintana


Se a memoria non me falla, o que vou contar debeu ter lugar na primavera de 1995, fai, polo tanto, ben máis dunha década.

É moi posible que nin el mesmo se lembre daquela conversa, aínda que é probable que manteña nalgún recanto da memoria o contexto no que foi feita.

Estabamos no limiar das eleccións municipais e atopámonos en Mugueimes, a onde el ía -creo- dar un mitin e eu cubrir informativamente a súa conversa.

Empezamos a falar e, como era sabedor de que a candidatura de Celanova estaba a ter algúns problemas, pregunteille cómo andaban as cousas pola miña vila.

A súa resposta foi rotunda e ó mesmo tempo sincera: “¡Que fagan o que queiran! Eu xa me esquecín dela”.

O caso foi que, logo da integración do partido de Rodríguez Peña no conglomerado frentista, el pretendeu promover a candidatura do secretario local daquela formación, por considerar que podía supoñer unha xanela aberta a electores que ata aquel intre non pensaran nunca no BNG como unha alternativa certa.

Sen embargo, atopouse co enrocamento -para el absurdo- dos militantes “históricos”, que non podían dar creto a que Anxo Quintana lles propuxera que o candidato do BNG de Celanova fose -aí é nada- ¡un empresario!

Teño lembrado esta anécdota moitas veces dende que se fixo líder coa idea -ou iso dicía- de transformar a formación frentista nun partido capaz de procurar querencias no cerne maioritario da sociedade galega.

Do mesmo xeito que a lembrei cando -nos últimos días case de forma patética- lles pedía o voto a aqueles que sentisen Galicia aínda que falasen castelán e non fosen nacionalistas.

Téñoa lembrado a miúdo porque resume a ciencia certa a imposible verea que Anxo Quintana pretendeu percorrer para sacar ó BNG da canella testemuñalista e na que acabou esnafrado cunha sobredose de realidade que o pasado día un lle dixo que “Galiza” non é máis ca unha romántica quimera.

Por iso, cando todos querían seren -coma el- Espartaco, eu escribín no famoso vídeo “romano”, un comentario no que dicía: “Eu tamén sería Anxo Quintana... Se vivise en Galiza. Pero isto, (é dicir, esta terra compartida -non prometida-) mal que lles pese a algúns profetas do pasado e a media ducia de ideólogos upegallos, segue sendo GA-LI-CIA”.

Agora, sen embargo -cando os que antes o adulaban hoxe o acantazan- pídeme o corpo ser Anxo Quintana. ¿Por qué? Pois, porque sempre pode haber outras vereas…

03/03/09

Tenencias de alcaldía



Voulle contar unha desas pequenas historias que con frecuencia nacen, crecen e morren no ámbito máis local e que, polo tanto, non transcenden máis alá, malia que polo lóxico mimetismo social de localidades semellantes, poden ser contadas como exemplo da convivencia política, da dificultosa convivencia política na que transcorre a miúdo a vida municipal ourensá.

Aconteceu hai uns meses nun concello da provincia que mal-mantén goberno bipartito e foi logo dunha xunta de goberno onde os concelleiros debían decantarse por unha obra de entre un pequeno abano de solicitudes presentadas por veciños de aldeas diferentes.

Entre os posibles beneficiarios había un ó que a mellora lle afectaba dun xeito moi directo e que ademais era votante coñecido e comprometido co alcalde socialista.

Sen embargo, en competencia, había outra que esixía máis dilixencia, aínda que non ofrecía favores políticos tanxibles, pois os veciños beneficiarios carecían de compromisos partidarios evidentes.

O caso foi que, despois dun longo debate e dado que o peso do partido do alcalde no equipo de goberno era superior, moi ó seu pesar e pensando o xeito de cómo explicarlle ó seu correlixionario que a obra debería agardar unha mellor ocasión, optaron finalmente por incluír nos presupostos a obra máis urxente.

Rematada a xunta de goberno, o tenente de alcalde, pertencente á outra pata do goberno municipal, saíu da casa do Concello e cando o alcalde e o concelleiro de obras se achegaron onda o seu compañeiro de partido para tratar de convencelo de que debería agardar unha nova quenda, xa o tenente de alcalde pasara por alí e o informara con todo luxo de detalle, para que o veciño soubera qué clase de colegas de partido tiña, que adiaban as súas necesidades en favor das doutros veciños calquera.

Como dixen ó principio, conto esta anécdota -real como a vida mesma- porque describe con transparencia e ata que grao de infidelidade política está chegando con frecuencia a cohabitación entre o PSOE e o BNG e moitos concellos da provincia.

E fágoo porque, logo das primeiras análises exclusivamente autonomistas, hai unha evidente consecuencia que non é baladí no horizonte dos dous anos que restan ata as eleccións municipais do 2011: De qué xeito vai afectar, á convivencia municipal dos gobernos bipartitos e á supervivencia das tan polémicas tenencias de alcaldía o novo executivo autonómico, é unha pregunta que creo que ten, cando menos, unha resposta moi, pero que moi, aberta.

Humildade

Póñome a pensar en palabras que poidan resumir o pasado máis cercano, o presente máis presente e o futuro máis inmediato da Galicia política que se debuxa dentro do marco intelectual da miña memoria analítica e só hai unha que serva de común denominador para todos estes factores de tempo: Humildade.

Porque humildade -mellor dito, unha cura de humildade- era o que precisaba Pérez Touriño para entender que cando foi elixido “O Presidente” non o foi por unha maioría social, senón por unha formula aritmética, lícita e incluso saudable para rexenerar algunhas cousas, pero que non lle daba dereito a gobernar coa mal disimulada soberbia coa que o fixo a miúdo durante este período.

Como humildade -mellor dito, unha cura de humildade- era o que certamente precisaba, máis có propio Anxo Quintana, ese longo rosario de xente repartida por multitude de concellos que chegaron a pensar que estar no goberno galego concedía dereito de pernada.

Do mesmo xeito que humildade debe ser a palabra de cabeceira que Alberto Núñez lle debe inocular agora a un partido que xa coñece os sen sabores de facer unha travesía do deserto sen auga na cantimplora.

Humildade para xestionar unha victoria que a sociedade galega lle concedeu, máis ca polos acertos do seu partido, como unha mostra de castigo ós erros cometidos por un goberno ficticio.

E humildade para entender que Galicia é -remedando á señora de Oia- “humilde, pero non idiota” e, polo tanto, do mesmo xeito que onte falou cunha claridade pola que probablemente ninguén apostaba, mañá poderá falar de novo pero con palabras ben diferentes.

Onte Galicia dixo que non era nacionalista. Pero Alberto Núñez equivocarase de medio a medio e cometerá un erro de "lexa-humildade" se se deixa levar por eses cantos de serea que lle han querer cantar dende Castela para que esqueza "eso de que Galicia es galleguista".

Unha reflexión

Non asistín a ningún mitin en toda a campaña. Tampouco seguín informativamente a ningún candidato. Non fixen crónicas sobre os comicios, máis alá cás columnas que durante este último mes, pracenteiramente, escribín sentado na mesma cadeira dende a que tecleo agora este “o”.

Sen embargo, síntome -como supoño que nos sentimos tódolos galegos- mentalmente tan esgotado coma se fixese os catro mil quilómetros e pico que realizaron durante os últimos quince días cada un dos tres candidatos.

Por definición, as campañas electorais son esgotadoras para todos -xa sexan para os candidatos, xa para seguidores dos candidatos ou para os que somos simples electores- porque os altavoces xiran ata o tope o seu nivel de amplificación e toda a estridencia que xeran as cúpulas dos partidos políticos -atacándose unhas a outras- descende en caída libre, coma unha fervenza e con efecto potenciador, ata as capas máis epidérmicas da sociedade, para acabar provocando unha tensión que se palpa no ambiente de calquera rúa de calquera cidade, de calquera vila ou de calquera aldea galega onde coincidan seareiros das tres formacións.

Non fai falla ser militante de ningún partido, nin andar metido “no allo” para sentir preto esa tensión. Abonda con facer algún comentario máis ou menos politicamente incorrecto nunha taberna -e xa non digo nada no caso dos que, coma min, emitimos opinión- para que as miradas se transformen en navallas afiadas dispostas a apuntarche directamente ó corazón.

Certamente, síntome esgotado, desexando coma nunca que chegue o día dous e a vida normal se instale entre nós.

Ora ben, despois do dito, a miña reflexión -a miña pregunta- é a seguinte: ¿Instalarase a normalidade a partir do día dous?

Supoño que, igual que me aconteceu a min, querido lector, viviu estes últimos quince días con desazón por ver cómo a campaña electoral se foi transformando, a medida que pasaron os días nunha carnicería sen control da que ninguén se salvou.

Paraísos fiscais, despachos astronómicos, excursións cara ningures, paseos marítimos baixo trapo español, tellados retellados..., unha verdadeira desfeita que non fai, senón, reforzar a miña reflexión -a miña pregunta- denantes de disporme a emitir un voto que non sei se axudará a arranxar as cousas ou a levalas a peor: ¿Non será que o sistema actual de partidos está pedindo a berros unha “Itv” que nos permita pechar definitivamente a Transición?

Informarnos pola televisión

Non é a primeira vez que digo aquí que o meu lugar de residencia, dende hai preto de tres anos, é unha pequena aldeíña onde vivimos media ducia de veciños, por sorte ben avidos.

Nesta parroquia de fermosa toponimia e certamente antiga (xa o tombo do mosteiro de Celanova falaba, no ano 955, de Ameroci ou Ameroz), constituída por menos dunha ducia de aldeíñas, non debemos residir nin un cento e pico de “almas”, malia non estarmos alonxados -no peor dos casos- máis alá de cinco quilómetros do lugar ó que nós lle chamamos “a vila”.

A casa non deixa de ser unha humilde residencia de labranza que un día foi quintairo dos meus avós maternos e que debeu ser levantada polo meu bisavó, se os datos que posúo non me menten, no alborexar do 1900.

Nela conto, sen embargo, coas comunicacións lóxicas que precisamos ter á man todos aqueles que desexamos estar situados no mundo. É dicir, antena analóxica para as canles tradicionais de televisión, antena parabólica para as canles de satélite e unha liña Adsl que me permite ter conexión ”wifi” en tódalas habitacións do predio.

Ademais, tanto por devoción informativa como por obriga profesional, adoito ler catro ou cinco xornais diarios, alén das portadas dunha ducia de diarios dixitais que acostumo a repasar polas noites para procurar as claves informativas do seguinte día.

Describo isto, non como presunción, senón como exemplo da cotidianidade na que residimos un feixe milenario de galegos ós que nos ubican na chamada Galicia rural, dando por sentado que residimos nunha urbanización de Marte e, polo tanto, non nos enteraramos do que acontece no mundo.

Pois ben, con estes antecedentes, onte pola mañá, cando ía camiño de Compostela escoitei nunha emisora “nacional” unha tertulia onde falaban dos comicios do próximo domingo, na que unha xornalista madrileño-galega aseguraba que agora os galegos do rural estabamos ben informados porque -amárrese á cadeira- nos chegan as noticias pola televisión.

Como comprenderá, tan pronto escoitei a machada da fémina capitalina non puiden menos ca cuspir un exhabrupto e, se non fora por que ía conducindo, chamaría por teléfono á emisora para pór en solfa á contertulia.

Evidentemente, voulle por o nome á interfecta. Chámase Pilar Cernuda e presume de coñecer os sarillos da “vila e corte”, pero, por desgracia para ela -malia presumir de galega- sabe moi pouco cómo se vive en Galicia.

Poñamos por caso…

Poñamos por caso que eu quixera que gobernase o Partido Popular e –tomando, coas lóxicas reservas, o que significan os programas electorais- quixera saber qué é o que este partido desexa facer nos diferentes ámbitos da sanidade, da economía, da agricultura, do medio ambiente, da vivenda, da cultura…, nos próximos catro anos.

Loxicamente, ademais de ler os catorce puntos que o seu candidato asinou ante notario nese ”compromiso” con Galicia que esoutro día publicou en tódolos medios de comunicación, non tería máis que ir á páxina web oficial do mencionado partido e ir debullando, un por un, tódalas propostas que están inseridos no seu programa electoral.

Unha vez que os puidera ou non crer, entón sería cando podería facer unha composición de lugar para decidir ou non, con certa consecuencia, se esa proposta de goberno sería quen de merecer ou non o meu voto.

Poñamos por caso, por outra banda, que, quen eu quixera que gobernase fose o Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE. Entón, a ruta que debería seguir sería, evidentemente, a mesma pero procurando a páxina web oficial desta formación, para, de seguido, descargar o programa electoral e lelo coa suficiente concentración como para ir comprobando ata qué punto os postulados que nos mesmos sectores que a min me poidan interesar ou me poidan afectar, son ou non son coincidentes coa miña forma de pensar, denantes de decidir ou non levar á urna a súa papeleta.

Poñamos por caso, en definitiva, que a miña preferencia gobernativa fose a do Bloque Nacionalista Galego e que, polo tanto, quixese aportar o meu grao de area. Consecuentemente, o que tería que facer sería o mesmo que relatei anteriormente respecto das outras dúas ofertas políticas, pero seguindo o vieiro informativo destoutra formación. Ou sexa, descargando o programa electoral que tamén eles teñen ó dispor de quen o queira ler.

Ora ben, feito todo isto -cousa que, como tamén pode entender, xa fixen-, suxíreseme unha pregunta, ou unha dúbida, ou un dilema, non sei...

Poñamos por caso que o que eu quero é que se reedite un novo goberno “bipartito”.

¿Cómo podo saber qué parte do programa do PSdeG vai entrar no futuro goberno ou qué parte do programa do BNG vai ser asumido polo novo executivo?

É dicir, ¿debo darlles un cheque en branco e que, logo, eles decidan o que lles pete? ¿Ou debo esixirlles primeiro que me expliquen qué é o que van e non van facer?

Hipocresía

O que vou transcribir de seguido, está recollido nunha acta notarial extendida polo escribano que en setembro de 2001 exercía en Celanova e forma parte dunha declaración que formulamos na pequena igrexa de Santiago de Rubiás (Couto Mixto) medio cento de persoas de moi distintos ámbitos sociais de Galicia, constituíndonos para a ocasión nun colectivo denominado ”Galegos de por vida”.

O texto ó que o notario lle deu lectura e que cada quen refrendou coa súa sinatura, di así:

“Que a lingua galega é a miña lingua, a lingua do pobo ó que considero pertencer e a lingua que quero que me acompañe ata a morte.

Que, chegada a hora do meu pasamento, quero que todo o relativo ó meu funeral se realice exclusivamente en lingua galega e polo tanto pido á miña familia, ás autoridades relilxiosas e civís e ós servicios funerarios, que fagan en lingua galega canto teñan que facer, xa sexa público ou privado, oral ou escrito.

Que, se terceiras persoas, sexan da miña familia ou autoridades relixiosas ou civís, tentasen impedi-la realización desta miña derradeira vontade, pido a calquera outro familiar, ou amigo que tiver coñecemento deste meu desexo, que tome tódalas medidas para facelo cumprir e, en caso de absoluta imposibilidade, que faga que se me enterre en silencio”.

Feita esta salvedade diplomática -para que non se me mal entenda-, que permanece tan vixente no documento notarial como na miña propia conciencia, debo dicir tamén -perante o notariado público deste xornal- que fago declaración expresa da miña máis absoluta condena, tanto dos actos de vandalismo social que foron promovidos contra o colectivo “Galicia Bilingüe”, como das declaracións reprobatorias que posteriormente foron realizadas, con maior ou menor solemnidade, por colectivos de dubidosa representatividade social e, sobre todo, por altas autoridades da Xunta de Galicia, así como por distintos representantes políticos, no senso de responsabilizar da confrontación a un colectivo co que non comparto ningún dos seus principios, pero ó que lle debo outorgar o mesmo dereito de se manifestar, có que con total liberdade exercemos o colectivo “Galegos de por vida” cando decidimos facer declaración expresa do noso compromiso persoal coa lingua.

Unha terra na que o seu presidente se declara castelanfalante ou exerce a tolerancia respecto das linguas, ou vive -¡que é o que creo!- nun permanente e reprobable estado xeral de hipocresía.

De órdagos e farois

Hoxe, esta columna tiña pensado camiñar polas mesmas rúas compostelás polas que mañá ten previsto pasear esa insólita manifestación que pretende instalar por riba do hule electoral un debate que nunca existiu en Galicia, por moito que as voces destorsionadas dalgúns (tanto por unha como pola outra beira da estrada da convivencia) e as miopes informacións peneiradas dende os medios de comunicación madrileños, desexen magnificalo.

Sen embargo, a chamada dun amigo -logo ratificada polas noticias de alcance das axencias- fíxome mudar de criterio para determe a analizar, aínda que sexa dun xeito apurado (se é que estes dous termos poden ser compatibles), a bomba informativa da xornada, xerada paradoxalmente a doce mil quilómetros de distancia.

Como, cando cheguen a esta columna, xa terán lido algunhas páxinas, non me vou deter nun preámbulo gratuíto e si en relatar algo que me contaron hai unhas semanas, xusto cando o nome do candidato agora destituído por Núñez Feijóo saltou por vez primeira ós medios.

Evidentemente non son quen de certificar a súa certeza e coas lóxicas reservas o relato: O caso foi que, cando Alberto Núñez andaba a ensarillar os bimbios da candidatura de Lugo, seica houbo un alcalde -do que descoñezo a procedencia- que o chamou para tratar de influír nel co fin de que incluíra na lista a un seu protexido.

A resposta de Núñez Feijóo, en formato de pregunta, disque non se fixo agardar: Cando ti fixeches a túa candidatura -inquiriulle o presidente “popular”- ¿eu recomendeiche a alguén?

Loxicamente o alcalde contestoulle que non, polo que Núñez Feijóo lle retrucou cun contundente: “Pois este é o meu equipo e, para ben ou para mal, vouno confeccionar eu. Tempo haberá para rendervos contas”.

Ven esta anécdota a colación porque a decisión que onte tomou (doce horas de avión dan para moitas matinacións), con ser -é de supor- unha das máis complexas que teña tomado ó longo da súa vida, vai na liña do órdago que dende hai uns meses decidiu botarlle á política galega e ó seu partido, e que só o tempo dirá se lle proporcionará ou non o resultado perseguido.

Polo de pronto, é evidente que con esta decisión o elector poida pensar que a proposta de Núñez, aínda que arriscada, vai en serio. Ora ben, tamén é certo que carece de retorno. Ou as cartas son boas ou o órdago pasa a ser un farol e a partida, para el, rematará coma o rosario da aurora.

“Copyright”

Cando aínda non fora decretada formalmente a convocatoria das eleccións e unha canle de televisión se ofrecera xa para retransmitir un debate entre os dous candidatos con opcións de acadaren a presidencia da Xunta, este humilde columnista escribiu un artigo na véspera da Noiteboa, que titulou: Catro debates.

Por se daquela non o leu ou xa non lembra o seu contido, permítame, querido lector, repetir a proposta que ó respecto facía: “...púxenme a cavilar nas posibilidades que se poderían dar e con cales os electores poderiamos sacar conclusións máis evidentes e cheguei á conta de que, se verdadeiramente cren no que din coa boca grande -é dicir, que os debates engrandecen a democracia-, entón no canto dun debate a tres o que deberían facer sería organizaren denantes unha rolda triángulo-individual. O resultado sería, entón, de catro debates na seguinte orde: Touriño-Núñez, Núñez-Quintana e Quintana-Touriño, deixando o triangular para o final...”

Como sei que vostede -que me le- é lector cotián dos xornais, saberá xa que esta proposta -aínda que reducida ós cara a cara- é a mesma que estes días anda a postular o PP, toda vez que xa debeu dar por sentado -ou debeu recibir por silencio administrativo- a negativa de Pérez Touriño a sentarse soamente con Alberto Núñez, sen o parapeto dialéctico do seu socio de goberno; cousa pola que lle pasarei o correspondente “copyright” ó PP, xa que logo, non vin que ninguén máis defendera esta triloxía -sigo créndoo- bastante máis clarificadora có debate único de Pérez Touriño ou o de “dúas voltas a tres” que defende Anxo Quintana.

Ora ben, dito isto e intuíndo que o “triangular” vai ter moi pouco percorrido (non xa porque a fixera eu -que foi coma quen daquela murmurou no deserto- senón porque parta agora do PP), ocórreseme, entón, preguntar por qué o PSOE e o BNG se poden negar ós “face to face” propostos por Alberto Núñez.

¿Por qué pensa vostede, querido lector, que poida ser que ámbolos dous digan que non, cando dese xeito -é dicir, presentándose de dous en dous a corpo aberto- todos cantos imos ir votar o próximo día 1 seriamos quen de detectar moito mellor a frescura do peixe que cada un deles porta na súa panela?

Ben é certo que as razóns que aniñan nos gabinetes dos candidatos son sempre inescrutables. Sen embargo, eu sigo pensando o mesmo que dicía aquí hai un mes. É dicir, que o incómodo debate entre Touriño e Quintana deixaría -por activa ou por pasiva- moitas cousas en evidencia.

Tres millóns de papóns

Sei que este artigo lle vai resultar embarullado, querido lector, polo que lle pido desculpas por adiantado. (Se que este artículo le va a resultar engorroso, querido lector, por lo que le pido disculpas por adelantado).

Ten como obxectivo falar dese movemento urbano que lle teñen dado en chamar “Galicia bilingüe” e que seica ten convocada unha manifestación para o próximo día oito en Compostela. (Tiene como objetivo hablar de ese movimiento urbano que han dado en llamar “Galicia bilingüe” y que ha convocado una manifestación para el próximo día ocho en Compostela).

Escríboo ó fío do presuntuoso órdago que hai uns días lle puxo por riba da mesa á dirección do seu partido e por diante do nariz do seu presidente-compañeiro, a ex-alcaldesa de Vigo -castelán falante, para máis señas- Corina Porro. (Lo escribo, al hilo del presuntuoso órdago que días atrás le ha puesto encima de la mesa a la dirección de su partido y delante de las narices de su presidente-compañero, la ex-alcaldesa de Vigo -castellano hablante, para más señas- Corina Porro.

Fachendeando de que era do PP e que, como tal, ía estar en lugar preferente na manifestación, asegurou que se Alberto Núñez non derrogaba o Decreto sobre o galego, dimitiría dos moitos cargos que ostenta; pondo, de tal xeito, en entredito, non xa ó seu compañeiro-presidente, senón toda a política de convivencia co idioma que ata o propio Fraga Iribarne asumiu e tolerou. (Presumiendo de que era del PP y que, como tal, estaría en un lugar de preferencia en la manifestación, aseguró que si Alberto Núñez no derogaba el Decreto del gallego, dimitiría de los muchos cargos que ostenta, poniendo así en entredicho, no ya a su compañero-presidente, sino toda la política de convivencia que hasta el propio Fraga Iribarne asumió y toleró).

Polo que vin na web do devandito movemento, o sistema de comunicación a prol do que se van manifestar o día oito -en virtude dunha hipócrita harmonía- e que Corina Porro defende (quero supoñer que unha parte do PP, non), é esta dual e peneque entelequia coa que acabo de emborrachalo, querido lector.

Pois ben, se esta é a solución, ¡eramos poucos e pariu a avoa!, pídeme o corpo esgutiar, entón...

Ou senón, mellor: ¡Viva o bilingüismo harmónico! ¡E viva o neolusismo do Bloque! ¡E -cómo non-, viva tamén o “touriñés” do presidente! ¡Que vivan todos! ¡Qué carallo! Que así, mesturados, retratan vivamente a nosa situación: Unha terra, dous idiomas e tres millóns de papóns.

Un vieiro de obviedades

Andan os xornais de aquí e de acolá a entrevistar á xente, tentando adiviñar qué idea gardamos os electores nos nosos miolos para pousarmos o próximo un de marzo nesas caixiñas máxicas que son as urnas depositarias da única enquisa verdadeira.

Polo que apuntan todas, ademais das obviedades de rigor que adoitan inseriren para curárense en saúde e para as que non se precisa máis exercicio ca saír á rúa e falar coa xente, hai dúas verdades evidentes que son, por esta orde, as seguintes: Que o Partido Popular vai ser a forza máis votada, é dicir, vai ser a que vai gañar as eleccións.

E que a colocación no podio do hemiciclo non mudará nadiña respecto da situación actual, é dicir, que o PSdeG será a segunda forza máis votada e que o BNG será o terceiro desta singular carreira polo poder na Xunta.

Ora ben, a pregunta do millón -que ninguén ousará responder ata que o escrutinio do mesmo día un se vaia axeitando a rexistros próximos ós do 80 por cento- é se o PP conseguirá os 38 escanos que inexorablemente precisa para gobernar ou se, pola contra, ese número necesario para elixir presidente será acadado, como hai catro anos, pola suma aritmética dos deputados militantes nas filas do PSdeG e do BNG.

Ou sexa, dito doutro xeito, se algo teñen claro os enquisadores que analizan estas cifras hipotéticas, isto é que o prezo das maiorías absolutas anda cada ano máis por riba das nubes cá mesmísima carestía que asola as nosas economías familiares.

E se isto é así de evidente -que o é-, a min -que son un auténtico ignorante no tocante ós segredos da socioloxía- ocórrenseme tres preguntas ás que lle dou traslado, querido lector, por se ten a ben ofrecerme algunha resposta.

Velaí a primeira: ¿Por que o PP non é quen de procurar unha saída cara algures dese solitario buraco das vaidades no que leva tempo ensumido?

A segunda, en consecuencia, debe ser a seguinte: ¿Ata onde está disposto a resistir o PSdeG os envites distancionistas do seu socio de goberno?

E, xa finalmente:¿Resignarase o BNG, a ser comparsa permanente duns socios ós que a miúdo aborrece persoalmente?

Independentemente das respostas que poida darme, querido lector, déixeme expresarlle unha obviedade final neste vieiro de obviedades polo que transitou hoxe a columna: Se algo hai de certo en todo isto, iso é que a política galega atópase máis entalada ca unha cuña mollada nunha fenda da mesma madeira. É dicir, só atopará unha saída cando o toro sexa quen de fenderse.

Embaixadores

Hai preto de catro anos, cando a vida me regalou a oportunidade de realizar unha viaxe a Nueva Jersey e Nueva York, tiven o pracer de compartir conversas cun feixe de galegos que dedican o seu tempo á hostelería e á restauración en representantivos locais de Manhattan, así como a outros negocios empresariais que farían pequenos grandes e prestixiosos nomes locais dalgunhas corporacións.

Falando cun deles, coruñés de nación pero ourensán de admiración, ó preguntarlle qué agardaba da administración galega deume unha resposta tan inesperada coma contundente: “Cariño, que nos dean cariño e que se lembren de nós” -dixo, cheo de razón- “porque afortunadamente, cartos non precisamos”.

Daquela escribín un artigo facéndome eco das súas declaracións porque crin necesario pórlle voz a unha demanda tan singular como refractora do sentir doutras voces nas que palpitaba a mesma cuestión.

Estes días -cíclicos e recorrentes- andan de novo de actualidade por mor do debate político aberto sobre a fórmula máis axeitada que o Parlamento debería regular para garantir a súa votación. E, mentres os políticos continúan mergullados nestes exordios que se repiten ata a saciedade cada certo tempo, de pronto a actualidade saca á luz a figura dun home humilde, natural de Gontán de Verea, que un día decidiu coller da man á súa muller e botar o mundo por riba das costas para ver se podía con el. E resulta que si podeu. Ata o punto de chegar a ser propietario da empresa que lle dá de comer ós patriarcas da Norteamérica capitalina e que sabe o que é gozar do privilexio de servir o banquete cerimonial da toma de posesión, agora de Obama e hai catro anos do seu antecesor.

Pero, José Valado -que así se chama o noso conveciño- non é o único, senón un inmellorable botón de mostra dun inxente rol de nomes que viaxan polo mundo co orgullo de seren galegos e co desexo sincero de poderen exercer de embaixadores da súa terra, pero co estigma de seren considerados pola administración -e, dun xeito especialmente hipócrita, polos partidos políticos- meros votos, máis ou menos manipulables, cada vez que se aproximan unhas eleccións.

É triste, pero é así. Mentres centos de galegos portan orgullosos a súa condición de tales nos grandes centros de decisión do mundo agardando unha chamada de Galicia para pórse desinteresadamente ó seu dispor, os partidos políticos non ven neles máis cá face dunha papeleta cun cuño enriba que poña: ¡Votou!

O mundo ó revés

Aínda non rematou o prazo para a presentación de candidaturas, non sei se porque cada vez me anda menos afinada a vista por culpa desta pantalla que me serve para poder ensarillar as ideas que lle vou trasladar, o caso é que xa volvo ver o mundo ó revés que por principios amosa toda carreira electoral.

Vexo o mundo ó revés cando me informo de que o candidato do Partido Popular por Ourense -independentemente da súa presumible valía profesional ou do seu prestixio potencial como economista- nin é ourensán, nin reside dende hai anos en Ourense.

E véxoo así porque, máis alá das lecturas internas que poida ter Alberto Núñez e que loxicamente están fóra do alcance das miñas mans, o que percibo eu -é dicir, o electorado-, é que en todo Ourense o Partido Popular non conta hoxe con ningún ourensán que poida liderar no Parlamento de Galicia os intereses ourensáns. E iso ben a ser como facer unha implícita declaración de ineptitude xeral de toda a militancia popular ourensán.

Como tamén vexo o mundo ó revés cando miro en Internet a campaña que acaba de sacar á luz o “staff” electoral de Pérez Touriño cunha posta en escena faraónica (no senso de estar colocado de perfil) e cunha mensaxe errática e errada que pretenciosamente protagoniza o resto do cartel, cualificándoo de “O Presidente” que non é.

E véxoo así porque, máis alá doutras lecturas que non veñen a conto, todos sabemos que, na carreira electoral, o que realmente vai ser Pérez Touriño é ”candidato a presidente”, non ”O Presidente” que din que é. Polo que, ó chamarlle o que non é, o que está facendo o seu partido é colocar o carro por diante dos bois, que ven a ser como chamarnos parvos ós electores e logo pedirnos o voto porque, ¡total..., non nos imos decatar!.

Do mesmo xeito que vexo o mundo ó revés cando leo que Anxo Quintana (ó que, por certo, acabo de escoitar falando en castelán e dicindo “Galicia” no canto da “Galiza” artificiosa coa que nos abouxan ata fartar) lle pide o voto ós non nacionalistas.

E véxoo así porque, máis alá de calquera consideración previa que poría en solfa unha petición destas características, o que Quintana nos está trasladando ós electores con esa proclama é que necesita deses votos para gobernar. E se precisa dese electorado para gañar é porque sabe que a “neo-Galiza” que lle andan a deseñar, é irreal. É dicir, non existe (por moito que recuperen toda a toponimia medieval) máis ca na factoría imaxinaria dalgúns extemporáneos da UPG.

¡Ai!, os feitos..

Ó fío do ninguneo ó que foi sometida a nosa imaxe no conxunto do Estado Español por parte do presidente do goberno vasco, cando hai unhas semanas decidiu obviar a decisión tomada anteriormente polo seu colega galego para convocar as eleccións o 1 de marzo, dediquei unha destas columnas a reflexionar sobre ata qué punto o peso -non xa de Pérez Touriño, senón de Galicia no seu conxunto- quedou en entredito con esa -dicía eu, daquela- concomitante decisión.

Consumada, logo, a coincidencia e mergullados xa, os efectivos de tódalas formacións, no fragor da liorta interna para tentaren colocar os seus nomes na mellor posición; a reflexión que me xerou a lectura dos xornais do domingo -ó tempo que o omnipotente Rodríguez Zapatero enchía de autoestima os depósitos dos seus devotos no pavillón dos Remedios- foi outra ben diferente, aínda que alumeada a través do mesmo fío conductor.

Isto é: ¿Canto pesa Ourense no conxunto da política galega?

Pois ben, tratarei de explicalo, por moito que a solución que vostede e máis eu coñecemos precise ben pouca explicación.

Se un lle formula estes días a pregunta a calquera representante do Partido Socialista, a resposta non deixará lugar a dúbidas. É dicir, que para mostra un botón ou -o que é o mesmo-, qué mellor demostración có feito de que o presidente do Goberno español elixira Ourense para abrir o camiño das eleccións.

Se, pola contra, lle formulamos a mesma cuestión a militantes das outras dúas formacións, dirannos que “se non fose Fraga, Ourense non estaría no mapa” ou que “tivo que chegar Quintana co pan do benestar debaixo do brazo para que alguén mirara polas nosas preocupacións”...

Palabras, palabras, palabras..., ¡qué opacas poden ser as palabras! Pero os feitos -¡ai!, os feitos...- ¡qué teimudos e que transparentes son!...

E os feitos -insobornables- son que, mentres Anxo Quintana decidiu esquecer a Xan de Arzúa temporalmente e “empadroarse” coruñés para a ocasión, Alberto Núñez reivindicou novamente ese “eu” de Pontevedra que lle sae da alma cando hai que retratar ó Núñez Feijóo dinámico e cosmopolita e non ó neno que esfolou as pernas e furou os pantalóns nas canellas dos Peares.

Porque, pregunto: ¿Hai, na lei, algunha disposición que lle prohiba ó candidato a presidente da Xunta presentarse por Ourense?

Evidentemente non. Pero os feitos -¡ai!, os feitos...- son que en Ourense somos catro pelagatos que dicimos ¡amén! e ¡si señor!, aínda que nos pasen por riba cun camión.

Partidos e galeguismo

Se vostede ten a ben regalarme dous minutos do seu tempo -que é o que ven ocupando a lectura deste artigo- dúas veces á semana e me concedeu ese privilexio o pasado martes, saberá que aproveitei para teorizar sobre a evidente contradición na que vive instalada a política galega, cunha sociedade maioritaria que asumiría os postulados dunha formación que abrazara os principios reais do galeguismo (non así, sucedáneos que cometan pecado por defecto ou o mesmo vicio por exceso) sen que exista ningún partido que predique este credo de forma nidia e veraz.

Pois ben, como continuación, permítame afondar nas miñas crenzas (que evidentemente non teñen por qué ser as súas) e déixeme explicarlle por qué creo eu que ningún dos tres partidos que debuxan o arco da vella da política galega non son quen de abrazar os principios reais do galeguismo, non xa os do vello Partido Galeguista -que nos levaría a falar de historia-, senón do galeguismo que ó meu ver precisa a sociedade galega para seguir desenvolvéndose con perspectivas de futuro no marco estatal actual.

Por moito que no seu magma abrollen algunhas burbullas que recenden a un galeguismo de centro-dereita e que tería o seu caldo de cultivo precisamente nesta provincia ourensá, non fai falla botar unha mirada moi lonxe -poñamos cara a Pontevedra de Rajoy ou cara calquera militante de a pé da Coruña- para decatármonos de que por riba da asunción de determinados postulados “localistas”, no PP pesa a cuestión asumida do “Partido Nacionalista Español”.

Por moito que dun xeito puntual tamén se teñan dado acenos conscientemente galeguistas nalgúns militantes históricos (agora superados pola progresía socio-superficial que contamina a “todos e a todas” os/as militantes do PSdeG), é evidente que por riba de calquera pensamento que teña como cerne a Galicia antropolóxica e real, nesta formación pesa, sobre todo, a España mutante e para-federal que mesmo pode gobernar cun partido da dereita máis reaccionaria coma o PNV, ca con outros de principios filomarxistas coma Esquerda Unida ou o BNG, ou incluso co extremismo provocador e radical de Esquerra Republicana. Iso si, sempre coa desculpa oportunista e falaz da estabilidade nacional.

Non me queda espazo para falar do BNG, pero sinceramente tampouco creo que sexa galeguista. Porque galeguismo é tratar de mellorar a Galicia que existe. Non, pretender mudárnola por unha entelequia que só existe no maxín dalgúns mesías “galizáns”.

06/01/09

O voto galeguista


Cando xa é oficial que as eleccións ó Parlamento Galego terán lugar o día un de marzo, apetéceme teorizar sobre o tan desexado voto antropoloxicamente galeguista, por ser un voto posiblemente maioritario e polo cal os tres partidos políticos con posibilidades de entraren de novo no Pazo do Hórreo devecen, dándose o paradoxo de que ningún deles ten inserida tal acuñación nas súas señas de identidade, nin moito menos asumidos con nidieza tales alicerces ideolóxicos no cerne dos seus respectivos principios políticos.
Coñecidos son os sucesivos intentos do Partido Popular de Galicia, de gañar para eles a ese electorado potencial, cousa que adoitan facer, máis pola vía das declaracións de intencións e dos ocasionais titulares de prensa -é dicir, dos cantos de serea- ca polo roteiro da política de partido, pois calquera aceno de achegamento (xa sexa dalgún dos seus representantes ou de determinadas áreas xeográficas das súas bases) a esta maioría social sempre acaba zopando coa realidade centralista das súas clases dirixentes.
Tampouco teñen sido xordos -aínda que con menor intensidade e con meirande espaciamento no tempo- os chamamentos realizados dende o "Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE", reivindicando o espazo que os galeguistas poden teren no seu ideario superficialmente federalizante, pero tan centralista no fondo, coma o dos seus rivais no Estado ó que ámbolos dous se deben.
Evidentemente, estas dúas análises carecen de valor intrínseco se nos referimos ó Bloque Nacionalista Galego, para os que, ó non existir ningunha sucesión de intereses de rango superior que os pexe, o que lles acontece é que adoitan pasárense de frenada, deseñando un proxecto que en semellante medida acaba por ter tamén moi pouco que ver co modelo de sociedade no que desexa vivir a maioría da xente.
E digo isto porque, se ben, no caso das dúas formacións estatais, as chamadas que lle fan a este electorado non pasan de seren meras insinuacións ou case imperceptibles susurros de conveniencia para cubriren o expediente; as que adoitan realizaren dende a forza netamente galega, son de tal intensidade que acaban superando os decibelios asumibles polos pavillons das orellas, distorsionando ata tal punto a mensaxe que máis que facérense entender o que fan é dar dores de cabeza.
E tan é así que acabamos por vivir instalados nunha contradicción permanente, cunha maioría social carente de partido e cuns partidos políticos instalados na endogamia e carentes de sen xente.

O peso de Galicia


Hai unhas semanas, facendo uso dunha expresión pola que non pasará á historia das frases feitas -e si ó vademecum das babecadas-, Fraga Iribarne insinuou que para coñecer o peso específico dos nacionalismos no conxunto político do Estado Español, habería que penduralos de algures.

Evidentemente, o símil utilizado polo senil ex-presidente da Xunta non debe servir para moito máis ca para colocalo no punto de mira da crítica. Se ben hoxe, a min vaime servir como introito para unha das primeiras reflexións que me viñeron ó maxín logo de ter escoitado pola radio -mentres ía conducindo- o anuncio do presidente do goberno vasco facendo coincidir as súas eleccións coa data que hai quince días fixo pública o noso presidente en solemne e case estatalista representación.

Foron varias as cuestións que se colocaron entre interrogacións nos meus miolos cando souben que o día de San Rosendo non se ía cumprir aquel desexo anunciado por Pérez Touriño o pasado 19 de decembro, no senso de que “as eleccións galegas sempre tiveron o seu espazo propio no marco do calendario electoral e así debe seguir ocorrendo”, para que “cando Galicia fale, se fale de Galicia”.

Dando por suposto que, se a data fora contra os intereses de Ibarreche non a elixiría; a primeira pregunta foi: ¿Cal sería a reacción interior do presidente da Xunta cando se enterou?

A segunda tivo un contexto máis xenérico e queda á espera dunha detida interpretación das valoracións que poidan facer os tres partidos: ¿A que agrupación beneficia entón, esta estudada coincidencia?

Pola lóxica da súa orixe e pola evidencia de quén é o principal competidor, naquelas terras, do seu xerador, parece evidente que ó PSOE non.

¿Beneficiará entón, ó PP e ó BNG, esta decisión exterior?

Polas primeiras reaccións que tiven oportunidade de ler, semella que onde respiraron mellor foi no PP, malia que ata o intre que escribo non fun quen de ler ningunha opinión do seu líder.

Ora ben, sobre tódalas cuestións, digamos de “peccata minuta”, que lle poidan afectar ou non ós tres partidos políticos con posibilidades de volver quentaren escanos no Parlamento, hai unha de máis enxundia e que foi a que máis me enrabeou porque, coma sempre, volve deixar en evidencia o peso, xa non dos nacionalistas senón de Galicia, no conxunto do Estado Español.

¿Ou cre vostede que, se en vez de Galicia fora Cataluña, iamos estar teorizando hoxe respecto desta concomitante cuestión?

Publicidade e idioma


Durante estas datas, todos estamos fartos de ver na televisión unha interminable ringleira de anuncios de augas de colonia e perfumes -algún deles, incluso, con denominación de orixe ourensá- ateigados de espectaculares mozas e mozos ben fornecidos insinuándonos o camiño do paraíso sempre e cando decidamos mercar algunha botelliña e nos untemos cunhas pinguiñas do elixir da felicidade aromático-universal que atesoura dentro o cristal.

Como estou seguro de que non será a primeira nin a segunda vez que terá reparado nalgún anuncio; tamén acredito que terá visto cómo a linguaxe na que adoitan colocar a mensaxe que lle pon ramo ó “flash” é o inglés, case sempre. Ou o francés, en todo caso, por iso de ser a lingua do “glamour” oficial.

Sempre me chamou a atención que os órganos reguladores da publicidade non se teñan metido con iso. Supoño que será en aras do liberalismo económico que o contamina todo, e da -por outra banda- lícita liberdade empresarial de utilizar o idioma que lles pete para se anunciar.

Sen embargo, fronte esta tendencia que algúns poderían cualificar de universal e que para min non pasa de ser puramente economicista -é dicir, para aforrar- e dun reduccionismo cultural que mete medo, no sentido de asemellar unha sociedade ”fashion” cunha derminada lingua e cunha cultura aséptica e pretenciosamente universal; van e (froito dunha campaña iniciada hai dous anos pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística) preto de 150 colleiteiros das cinco denominacións de orixe galegas, en aras dese mesmo liberalismo económico (que tamén lles fala dunha rentabilidade final) e, sobre todo, porque tamén lles peta e -como dicía Celso Emilio- lles dá a gana, decidiron que o seu viño iría etiquetado na mesma lingua que as cepas escoitan non bacelo ó longo de todo o ciclo anual e mesmo no propio silencio da adega que lles dá o agarimo necesario para poderen fermentar.

Pois ben, perante dúas opcións publicistas tan antagónicas, as preguntas que corresponden agora son as seguintes: ¿Cal lle ofrece máis confianza? ¿A dun producto impersoal ofrecido nunha lingua impersoal ou a dun producto apegado á terra e publicitado na lingua que identifica á terra da que toma a sabia para agromar?

Non. Non lle pido que conteste inmediatamente. Hoxe pídolle que aproveite a celebración do fin de ano para brindar. Pero denantes de facelo, repare na etiqueta e verá cómo ó ler palabras da súa lingua “nai”, o grolo halle resultar un pouco máis “irmán”.

26/12/08

Catro debates


Acabo de ler que Antena 3 xa se postulou para acoller a celebración (e digo ben, celebración, porque a existencia de debates públicos, en democracia, debe ser celebrada) dun debate entre o candidato á presidencia da Xunta polo Partido Socialista e o candidato ó mesmo cargo polo Partido Popular.

Como ben sabe, querido lector, a proposta ven precedida por un anuncio realizado días antes polo propio presidente da Xunta, no sentido -creo lembrar- dun debate a tres, que repetiría a fórmula daquel que tivo lugar a finais do pasado mes de febreiro con motivo das eleccións xerais.

Despois de ser testemuña, como fomos todos, de que a representación de febreiro, debido tanto á súa configuración triangular como a que no fondo o “asunto” non ía con eles, máis ca un debate acabou sendo unha cinguida e cronometrada sucesión de exposición de motivos, permítame que me abrace á circunstancia singular de que dous dos tres candidatos á presidencia da Xunta son ourensáns para -por moito que non me vaian facer ningún caso- dar algunhas ideas que estou seguro de que xa están a secar nas lacenas das cociñas electorais das tres formacións para logo argumentar a que máis lles conveña segundo cal sexa a que lle poida dar máis rendemento electoral.

Dando por entendido, pois, que, esa de sentar a tres nunha mesa para facer intervencións dogmáticas, que o único que desvelan é o traballo de deseño politolóxico dos equipos que cada un deles pode ter detrás e non os reflexos persoais ou as valías intelectuais dos candidatos; repito, dando por sentado que esa non me parece a mellor fórmula, púxenme a cavilar nas posibilidades que se poderían dar e con cales os electores poderiamos sacarmos conclusións máis claras (que, á fin e ó cabo, esa é a razón pola que os tres se van sentar) e cheguei á conclusión de que, se verdadeiramente cren no que din coa boca grande -é dicir, que os debates engrandecen a democracia-, entón, no canto dun debate a tres, o que deberían facer sería organizar, denantes, unha rolda “triángulo-individual”.

O resultado sería, entón, de catro debates na seguinte orde: Touriño-Núñez, Núñez-Quintana e Quintana-Touriño, deixando o triangular para o final.

Feita a proposta, pregúntolle: ¿Cal sería para vostede o máis interesante dos catro?

Para min non hai dúbida ningunha. O que seguiría con meirande interese sería o de Touriño e Quintana, xa non polo que puideran dicírense, senón polo que puideran calar.

18/12/08

Un trofeo


Xa que o sábado falei de Vigo e do seu alcalde, ou mellor dito da alcaldía olívica e dos ciumes populistas que lle entraron ó seu ostentador -agora que as eleccións empezan a estaren á volta da esquina- respecto do seu “tenente”; permítame, querido lector, que hoxe, xa de volta para Ourense, faga unha parada en Mos.

E vouno facer, como teño feito a miúdo ultimamente, reparando nunha fotografía e mirándoa con ollos que inciten á reflexión, máis alá da ollada superficial coa que adoitamos mirar os fotogramas do xornal cando o lemos de forma atropelada, ó tempo que tomamos o café matinal.

Supoño que aínda que fora de esguello, nalgún intre desta fin de semana debeu ter tempo de ler algo sobre a moción de censura que finalmente levou á ex-candidata do Partido Popular (gracias á colaboración necesaria dun tránsfuga do PSOE) a usurparlle a alcaldía a outra alcaldesa que fora elixida tal logo das eleccións municipais de hai ano e medio, en virtude do macro-pacto de “progreso”, PSOE-BNG, que foi quen de inventar a fórmula de goberno baseada nun principio físico denominado equilibrio dinámico e que a miúdo xera algunha que outra anomalía funcional.

Unha vez rematada a votación e co traspaso de poderes xa feito; proclamada -a tal concelleira- nova alcaldesa de Mos en virtude dunha lei electoral que nin PSOE nin PP semellan querer mudar e que, sen embargo, cada vez é máis urxente modernizar; a nova mandataria deixouse fotografar erguendo o bastón de mando por riba da súa cabeza e amosándollo á veciñanza e á opinión pública xeral coma se fose un trofeo que acababa de gañar. É dicir, igual ca se acabase de rematar unha carreira desas que tanto lles gustan ós americanos, con coches estragados que van perdendo ferranchos e ríos de aceite por trás, logo de non deixar monicreque con cabeza entre os seus rivais.

Pois ben, ó ver a imaxe da devandita alcaldesa -que foi reproducida por tódolos xornais- amosando fachendosa o seu trofeo, eu non fun quen de non deixar abrollar algúns pensamentos que van máis alá da necesaria reforma da Lei electoral e que teñen que ver con cuestións que aniñan nos principios propios de nós como ser social. Velaí, un:

¿Que sentimento primitivista ou de puro instinto animal fronte á vitoria...? Ou senón, ¿qué intereses ocultos poden levar a un político -neste caso unha política- a amosar coma un trofeo entre o balbordo irracional un cargo que por principios non debería ter máis fin có do servizo ós demais?

FOTO: Publicada por La Región

13/12/08

"Alcaldía"


Baseándome na vella sorna popular que fala de que Vigo ven a ser o barrio polo que Ourense toca o mar, permítame querido lector que hoxe traslade esta ourensalia ás rúas que soben dende o Berbés da beiramar ata o mirador do Castro da cidade olívica e lle dedique esta reflexión ó seu alcalde. Ou mellor dito, á “alcaldía”, pois así -con tal substantivo inserido en cadro vermello- foi como vin esoutro día un novo logotipo anunciado un patrocinio, que seguro que non ha ser o último que vaiamos ver nesta carreira (véñenme acenos para dicir “de burros”, pero non o vou facer) propagandística pola autocolocación de medallas políticas e pola micro rentabilización das accións de goberno na que anda metida a Galicia autonómica e local dende que foron inventados os matrimonios gobernamentais de conveniencia.

Segundo o dicionario “Xerais” -que é, para min, o dicionario de referencia- “alcaldía”, na súa primeira acepción significa “cargo ou emprego de alcalde ou alcaldesa”. E na segunda -que é a de máis común entendemento- “lugar ou despacho onde se desenvolven os asuntos propios dese cargo”.

Pois ben, abonda dicir que no mesmo intre en que vin a devandita inscrición ó pé do escudo municipal sen que aparecera por ningures a marca “Concello de Vigo”, fixen unha obvia correlación de ideas que calquera mente normal-pensante faría e que se resume no seguinte comentario: “¡Hala!, xa que o meu tenente de alcalde anda a repartir cartos e prebendas a moreas por aí, por qué non me vou promocionar eu tamén, que son o alcalde...”

Entón, de súpeto, o Concello, que é o único que ten carácter representativo popular, como depositario da caixa común de tódolos veciños, e, polo tanto, o único que debería aparecer como patrocinador de algo; con esa nova moda de personificar ata tal punto ó neoindiano benefactor, a institución municipal queda derrogada e destila a perversa mensaxe de que os fondos económicos que sufragan as iniciativas non proceden desa caixa común, senón da magnánima concesión do político, xa sexa a alcaldía ou no seu caso a tenencia de alcaldía. Ou sexa, xa sexa o PSOE ou no seu caso o BNG.

Dito isto respecto de Vigo, espero benquerido Paco que a túa prudencia e ponderación -amplamente demostradas- non te leven por ese camiño e continúes institucionalizando no “Concello de Ourense” as obras e os patrocinios, que, como sabes mellor ca min, non saen dos petos da corporación, senón do peto colectivo dos veciños.